Cocinando historias
Co presente REA “Cocinando historias” o profesorado terá á súa disposición unha proposta didáctica diferente coa que traballar o xénero narrativo, ao mesmo tempo que sensibilizará ao alumnado sobre a problemática social da soidade non desexada. Precisamente, ese será un dos fíos condutores do recurso, as personaxes das obras seleccionadas sentirán ese illamento social por diferentes razóns, o que promoverá a reflexión e concienciación. Por outra banda, seguindo a liña pedagóxica da aprendizaxe-servizo, os estudantes terán que dar resposta a esa problemática da súa contorna. A consecución de reto proposto neste recurso suporá organizar unha sesión de contacontos nunha residencia de maiores, unindo deste xeito literatura e acompañamento.
A exposición dos contidos referidos á creación literaria de textos narrativos preséntase neste REA empregando a alegoría da cociña. Este é o segundo fío condutor, pois móstrase así a teoría dun xeito máis lúdico e motivador para o alumnado, empregando unha linguaxe diferente, pero expresiva.
O recurso está estruturado en cinco bloques elaborados segundo o DUA que dispón de diferentes formatos de información e niveis de execución de actividades, tentando chegar ó maior número de realidades individuais do alumnado. Ademais, ao tratarse dun recurso educativo aberto, existe posibilidade de modificalo e adaptalo á singularidade de cada aula.