Saltar navegación

Uns parentes de Francia

Cousas de familia

Árbore xenealóxica entre os Austrias e os Borbóns

Como podes ver na imaxe, a árbore xenealóxica de Filipe é bastante complexa, froito das alianzas e políticas matrimoniais das distintas casas reinantes europeas.

Os lazos familiares entre Filipe V (Filipe de Anjou) e Carlos II de España procedían da dinastía dos Austrias.

Carlos II era fillo de Filipe IV de España. Pola súa parte, Filipe de Anjou era bisneto tamén de Filipe IV, xa que a súa avoa, María Teresa de Austria, era filla deste rei e irmá de Carlos II. María Teresa casara con Luís XIV de Francia, e do seu matrimonio naceu o Gran Delfín de Francia, pai de Filipe de Anjou. Todo un xogo de tronos! 

Deste xeito, Filipe de Anjou era sobriño-neto de Carlos II (é dicir, neto da súa irmá). Este parentesco directo dentro da mesma familia real explicaba os seus dereitos dinásticos ao trono español cando Carlos II morreu sen descendencia en 1700.

Filipe V de España con casaca verde e perruca branca á moda francesa

Unha vez consolidado no poder, Filipe, como membro dunha dinastía francesa centralizada, impulsou unha profunda reforma do Estado. Segundo o modelo francés, instaurado polo seu avó Luís XIV,  implantou un modelo centralista, que pretendía reforzar a autoridade real e unificar o funcionamento da administración. O obxectivo era eliminar a diversidade de leis, institucións e privilexios que existían nos distintos reinos da Monarquía Hispánica desde a época dos Austrias, un xeito de goberno baseado nos diferentes reinos peninsulares, baixo a soberanía dun único rei, que gobernaba estes territorios cun espírito pactista e negociador. 

Lectura facilitada

  • Filipe V (quinto) e Carlos II (segundo): parentesco real
    Filipe V e Carlos II pertencían á familia dos Austrias.
  • Carlos II era fillo de Filipe IV (cuarto).
  • Filipe de Anjou era bisneto de Filipe IV (cuarto).
  • A súa avoa, María Teresa de Austria, era irmá de Carlos II (segundo).
  • María Teresa casou con Luís XIV (catorce) de Francia.
  • Do matrimonio naceu o Gran Delfín de Francia, pai de Filipe de Anjou.
  • Por este parentesco, Filipe de Anjou tiña dereitos ao trono cando Carlos II (segundo) morreu sen fillos en 1700 (mil setecentos).
  • Filipe V (quinto) e as reformas centralistas
    Unha vez no poder, Filipe V reformou profundamente o Estado:
    • Inspirouse no modelo francés de Luís XIV (catorce).
    • Reforzou a autoridade do rei.
    • Quixo unificar as leis, as institucións e a administración dos distintos reinos.

Antes dos Borbóns, cada territorio tiña as súas propias leis e institucións.

Filipe V (quinto) substituíu este sistema por un Estado máis uniforme e centralizado.

Compara dinastías

A nova dinastía trouxo, ademais dun cambio de alianzas políticas, novos lazos familiares, novas modas e un novo modo de goberno para os territorios da Monarquía Hispánica.

Fai un cadro comparando os xeitos de gobernar das dúas casas reinantes. Os Austrias de Carlos II e o Borbóns de Filipe V.

O cadro debe contrastar estes aspectos. Unha vez rematado, pensa por que algúns territorios se opuxeron a estes cambios.

Austrias contra Borbóns
Carlos II  Filipe V 
Xeito de gobernar
Organización
Reformas
Situación económica do reino
Acontecementos claves

Feito con eXeLearning (Nova xanela)