Saltar navegación

Sociedade: o mundo capitalista

Sociedade: lingua proletaria do meu pobo!

A Revolución Industrial viviu polo menos catro fases históricas, caracterizadas e diferenciadas polas fontes de enerxía empregadas, polo tipo de industrias desenvoltas, polos países implicados, polos avances tecnolóxicos e científicos, mais tamén polos profundos cambios sociais.

Lembrade que, no Antigo Réxime, perviviu a sociedade estamental, herdada do feudalismo. Esta, baseábase nunha organización de tres grupos sociais, pechados por nacemento e sen mobilidade social. Coa industrialización, iniciada a mediados do século XVIII, aparece unha sociedade de clases, baseada na mobilidade, na riqueza e no mérito. Isto non quere dicir que desaparezan as desigualdades económicas.

Esta nova sociedade caracterizouse pola división entre os capitalistas ou burgueses, que eran os donos do capital e das fábricas, fronte ao proletariado, obreiros asalariados, que impulsou o capitalismo, os movementos obreiros na loita en contra da desigualdade e a urbanización.

Sen dúbida, a primeira fase da Revolución Industrial (aproximadamente entre 1760-1840) abre o mundo á "era das máquinas", que favoreceu a explotación laboral de mulleres e nenos nas fábricas téxtiles, a cambio de salarios moi inferiores aos dos homes (dúas ou tres veces menor) e ocupando postos de traballo de inferior calidade. Traballaban en condicións insalubres e perigosas, cunhas xornadas de entre 12 e 15 horas, limpando maquinaria ou recollendo fíos, cando as máquinas estaban en funcionamento, para aforrar custos e ampliar os beneficios dos burgueses.

A mediados do século XVIII vai triunfar a industrialización e o capitalismo.

Eran dous grupos de privilexiados (nobreza e clero) e un non privilexiado e moi heteroxéneo (o terceiro estado).

Provén do Latín "proletarius" = "pertencente aos fillos". Termo que, na antiga Roma, definía o cidadán sen bens propios e cuxa única achega, era a súa prole ou fillas e fillos.

O termo burgués provén do francés medieval "bourgeois", é dicir, habitante dunha cidade ou "bourg" (burgo ou cidade fortificada). Orixinariamente, nomeaba os habitantes dos centros urbanos do medievo.

Lectura facilitada

A Revolución Industrial tivo varias fases.
Estas fases diferéncianse:

  • polas fontes de enerxía,
  • polos tipos de industrias,
  • polos países implicados,
  • polos avances técnicos e científicos e
  • polos cambios sociais.

No Antigo Réxime existía unha sociedade estamental, herdada do feudalismo.

Esta sociedade dividíase en tres grupos sociais.
As persoas nacían nun grupo e non podían cambiar.

Coa industrialización, a partir de mediados do século XVIII (dezaoito), aparece unha sociedade de clases.

Nesta nova sociedade, as persoas poden cambiar segundo a súa riqueza e o seu traballo.
Aínda así, seguen existindo desigualdades económicas.

A sociedade divídese en dous grandes grupos:

  • Os capitalistas ou burgueses, que son os donos do capital e das fábricas.
  • O proletariado, formado por obreiros que traballan por un salario.

Esta situación favorece o desenvolvemento do capitalismo,
o crecemento das cidades e
a aparición dos movementos obreiros para loitar contra as desigualdades.

A primeira fase da Revolución Industrial (aproximadamente entre 1760 e 1840) coñécese como a era das máquinas.

Neste período, aumentou o traballo nas fábricas, sobre todo nas téxtiles.

Moitas mulleres e nenos traballaban nas fábricas.

Cobraban salarios moito máis baixos que os homes e realizaban traballos de menor calidade.

As condicións de traballo eran malas e perigosas.

As xornadas de traballo eran moi longas, entre 12 e 15 horas.

Todo era para aforrar custos e aumentar os beneficios dos burgueses.

A industrialización e o capitalismo vai triunfar a mediados do século XVIII (dezaoito).

Últimas noticias: actualidade laboral!

Pregunta

En que pai país se iniciou a primeira fase da Revolución Industrial?

Respostas

España

Francia

Inglaterra

Alemaña

Retroalimentación

Pregunta

Coa Revolución Industrial, a burguesía convértese na propietaria das fábricas e do capital para o desenvolvemento tecnolóxico. De que estamento social formaba parte durante o Antigo Réxime?

Respostas

Privilexiados

Non privilexiados ou Terceiro Estado

Retroalimentación

Pregunta

Cales eran as condicións laborais dos obreiros de inicios do século XIX?

Respostas

Había pouco traballo polo que traballaban poucos obreiros e poucas horas. Cando non traballaban recibían prestacións do Estado (paro, xubilación, pagas extras, etc.)

As obreiras e os obreiros traballaban longas xornadas, con salarios moi baixos. Explotaban os nenos e as nenas. Non tiñan dereito á folga, nin sindicatos que defenderan os seus dereitos.

As obreiras e os obreiros traballaban xornadas de oito horas, con salarios dignos. Explotaban os nenos e nenas. Tiñan dereito á folga e a asociarse en sindicatos que defendían os seus dereitos.

Retroalimentación

Pregunta

Con que expresión definimos a sociedade que xorde coa Revolución Industrial?

Respostas

Sociedade de clases

Sociedade estamental

Sociedade liberal

Retroalimentación

Pregunta

Obra pictórica, coñecida como "O cuarto Estado"

Que grupo social está representado nesta obra pictórica de Giuseppe Pellizza da Volpedo, coñecida como "O cuarto Estado" ou "Il cammino dei lavoratori"? Que están a facer?

Respostas

É unha reunión de burgueses, concentrados para defender as súas fábricas fronte ás obreiras e obreiros.

É unha reunión de obreiros que, logo dunha longa xornada de traballo, saen da fábrica para gozar do seu tempo de lecer.

É  unha folga de obreiras e obreiros.

Retroalimentación

Feito con eXeLearning (Nova xanela)