Saltar navegación

Que familia a de Carlos IV!

 

Glosario

Camarilla

Pictograma que representa os amigos

Definición:

Grupo reducido de persoas que inflúen no poder de maneira informal.

Exemplo:

A camarilla de Fernando influía nas decisións políticas.

Valido

Pictograma que representa a confianza

Definición:

Persoa de confianza do rei que exerce gran poder e influencia no goberno.

Exemplo:

Manuel Godoy foi o valido de Carlos IV.

Cousas de familia

Lembra e entra en situación

Coñeces esta obra de Goya?

Cadro de Goya: A familia de Carlos cuarto

É moi coñecido o cadro de Goya, pintor de corte de Carlos IV, no que se retrata a familia real. Despois faremos un repaso da galería de personaxes que aparecen retratados, que ao parecer quedaron gratamente impresionados pola calidade do pintor… outros tempos, gustos estéticos. 

Familia de Carlos cuarto segundo o cadro do mesmo título de Goya

Un destes personaxes é Fernando, o herdeiro do seu pai e príncipe de Asturias.

Cara o ano 1808, o monarca Carlos IV de España, estaba moi desprestixiado pola influencia do seu valido Manuel Godoy e polos problemas económicos e militares. Había un gran malestar popular, polo seu goberno que estaba instigado pola camarilla do príncipe Fernando, que buscaba substituír o seu pai antes de que Godoy seguira acadando máis poder e convertese nunha ameaza para o seu futuro.

En marzo, a combinación de todas estas tensións, provocou o estalido do denominado, Motín de Aranjuez, que obrigou a Carlos IV a abdicar no seu fillo Fernando, alcumado o Desexado.

Na política internacional, Carlos IV seguiu unha política de temor á extensión da Revolución cara o seu reino. Despois de fracasar unha política bélica contra a nova república, en agosto de 1796, España e Francia subscribiron o Tratado de Santo Ildefonso. Con este tratado ambas nacións obrigábanse a prestarse apoio e defensa fronte a calquera agresión que puidesen padecer por parte doutros Estados.

Napoleón Bonaparte tiña coma principal obxectivo derrotar a Gran Bretaña, principal potencia naval do momento, e xa que non podía acceder ás Illas Británicas ante a superioridade naval inglesa, como se viu na Batalla de Trafalgar en 1805 e que rematou coa derrota da frota franco-española. Por iso, decretou o Bloqueo Continental o ano seguinte desta batalla prohibindo aos países europeos comerciar cos británicos.

España, gobernada por Carlos IV de España e baixo a influencia do seu valido Manuel Godoy, asinou un novo tratado: O Tratado de Fontainebleau en 1807. Este tratado permitía a entrada das tropas francesas en España para invadir Portugal, principal aliado de Gran Bretaña e que comerciaba a pesar do bloqueo con ela, a cambio de repartirse o territorio portugués.

Lectura facilitada

Crise da monarquía (1808)

  • En 1808, Carlos IV (cuarto) de España estaba moi desprestixiado.
    Os motivos foron a influencia de Manuel Godoy e os problemas económicos e militares.
  • En marzo produciuse o Motín de Aranjuez.
    Obrigou a Carlos IV (cuarto) a abdicar no seu fillo, Fernando VII (sétimo) de España.

Intervención de Napoleón

  • España aliárase con Francia contra Gran Bretaña (Tratado de Santo Ildefonso).
  • Napoleón impuxo o Bloqueo Continental tras a derrota na Batalla de Trafalgar.
  • En 1807 (mil oitocentos sete) asinouse o Tratado de Fontainebleau,
    que permitiu a entrada de tropas francesas en España.

Napoleón aproveitou a debilidade da monarquía española, que quedara en evidencia despois do Motín de Aranjuez. Por iso chamou a Carlos IV e o seu fillo Fernando VII á cidade francesa de Baiona para resolver o conflito entre eles.

Alí produciuse o que se coñece como as Abdicacións de Baiona: os dous renunciaron ao trono de España. Napoleón aproveitou a situación e entregou a coroa ao seu irmán, que pasou a ser o rei Xosé I Bonaparte.

A cambio da renuncia á coroa de España, Carlos IV e Fernando VII recibiron pensións anuais moi elevadas, residencia e mantemento en Francia, con trato de realeza.

A Carlos IV ofrecéronlle promesas territoriais (como unha parte de Portugal), mentres que Fernando VII marchou a Francia, onde viviu mantendo o seu status de rei grazas a Napoleón, que o tiña retido como prisioneiro. Alí ocupaba o seu tempo en actividades como montar a cabalo, bordar, recibir clases de danza, tocar o pianoforte, ler, xogar ao billar e ás cartas, e asistir a representacións teatrais. Co paso do tempo, Fernando felicitou a Napoleón por colocar no trono de España a Xosé Bonaparte e mesmo pediulle que o adoptase como fillo.

Mentres tanto, en Madrid, a saída do resto da familia real do Pazo Real alarmou á poboación que, o 2 de maio de 1808, se levantou para impedir que os derradeiros membros da familia foran levados á Francia.

Este feito marca o inicio da Guerra da Independencia Española.

Durante a guerra, Fernando VII permaneceu retido en Francia ata o seu regreso a España en 1814. Durante este cativerio en España organizábase a resistencia contra os franceses. Reuníronse as Cortes de Cádiz que aprobaron a Constitución de 1812 , de carácter liberal.

Cando Fernando VII volveu, foi recibido con entusiasmo por parte do pobo que o coñecía como “o Desexado”. Con todo, pouco despois anulou a Constitución de 1812 e restaurou o absolutismo, iniciando unha etapa de represión e fortes tensións políticas entre liberais e absolutistas.

O valido era un alto personaxe, un varón de máxima confianza do rei e que gobernaba no seu nome.

Popularmente foi coñecida como A Pepa, xa que foi aprobada o día de San Xosé.

Lectura facilitada

Abdicacións e guerra

  • Napoleón chamou a Carlos IV (cuarto) e Fernando VII (sétimo) a Francia.
    Nas Abdicacións de Baiona, ambos os dous renunciaron ao trono.
  • Napoleón nomeou rei o seu irmán, Xosé I (primeiro) Bonaparte.
  • O 2 de maio de 1808 (mil oitocentos oito) comezou a Guerra da Independencia Española.

Consecuencias

  • Durante a guerra aprobouse a Constitución española de 1812 (mil oitocentos doce), de carácter liberal.
  • En 1814 (mil oitocentos catorce) Fernando VII (sétimo) regresou, anulou a Constitución e restaurou o absolutismo.

Ordena a liña do tempo: do 1808 ao 1814

Da crise da monarquía á restauración absolutista.

  • 1808 Motín de Aranjuez. O pobo rebélase contra Godoy.
  • Abdicación de Carlos IV. Sobe ao trono Fernando VII de España.
  • Abdicacións de Baiona. Napoleón obriga a abdicar a Carlos IV e Fernando VII.
  • Nomeamento de Xosé I Bonaparte como rei.
  • 2 de Maio. Levantamento en Madrid.
  • Comezo da Guerra da Independencia Española.
  • 1809-1810 Formación de Xuntas de goberno para organizar a resistencia.
  • Convocatoria das Cortes de Cádiz.
  • 1812: 19 de Marzo → Aprobación da Constitución Española de 1812.
  • Soberanía nacional. División de poderes. Fin do absolutismo.
  • 1813 Derrotas francesas.
  • Tratado de Valençay: Napoleón recoñece a Fernando VII como rei.
  • 1814 Regreso de Fernando VII a España.
  • Apoio dos absolutistas (Manifesto dos Persas).
  • Anulación da Constitución de 1812. Restauración do absolutismo.

Comprobar

Correcto!

2026219224751-60
Actividade non completada#Actividade superada. Puntuación: %s#Actividade non superada. Puntuación: %s#Lista desordenada

A resposta correcta é:

Feito con eXeLearning (Nova xanela)