Saltar navegación

Internacional: a Revolución Industrial británica, o modelo

 

Glosario

Actividade fabril

Pictograma que representa unha fábrica

Definición:

Conxunto de actividades e procesos industriais necesarios para transformar as materias primas en produtos finais ou bens de consumo, empregando enerxía, maquinaria e man de obra.

Exemplo:

A actividade fabril iniciouse nas fábricas inglesas do século XVIII.

Bandidaxe

Pictograma que representa un bandido

Definición:

Actividade de grupos que cometen roubos ou asaltos.

Exemplo:

A redución da bandidaxe mellorou a seguridade nas estradas.

Canles

Pictograma que representa unha canle

Definición:

Vías de auga artificiais construídas para o transporte.

Exemplo:

As canles facilitaron o transporte de carbón e ferro.

Insularidade

Pictograma que representa unha illa

Definición:

Condición dun territorio por estar formado por illas.

Exemplo:

A insularidade de Gran Bretaña favoreceu o comercio marítimo.

Lanzadeira

Lanzadeira voante

Definición:

Peza do tear que permite pasar o fío dunha beira a outra ao tecer.

Exemplo:

A lanzadeira voante permitiu fabricar tecidos máis rápido.

Mecanización

Pictograma que representa unha vagoneta

Definición:

Uso de máquinas para substituír o traballo manual.

Exemplo:

A mecanización aumentou a produtividade das fábricas.

Siderúrxica

Pictograma que representa un mineral de ferro e unha viga de aceiro

Definición:

Relativo á produción e transformación do ferro e do aceiro.

Exemplo:

A industria siderúrxica foi fundamental na Revolución Industrial.

Últimas noticias: a clave da industrialización está en Inglaterra!

Mapa da illas británicas durante a primeira fase da Revolución Industrial

Cando falamos da orixe da Revolución Industrial, en tempos da Ilustración, en realidade estamos a falar da Revolución industrial inglesa (Gran Bretaña e Irlanda) e a tres sistemas produtivos concretos: a industria siderúrxica que empregará o carbón mineral, a industria téxtil do algodón e o desenvolvemento da enerxía do vapor.

Nas illas británicas déronse as condicións precisas para o desenvolvemento do sistema industrial que permitía fabricar máis cantidade de bens, en menos tempo e máis baratos.

Os factores do cambio foron:

  • A insularidade das illas británicas protexíaa das invasións, illábaa dos conflitos da Europa continental e proporcionáballe moitos portos para comercio nacional e internacional. 
  • O crecemento demográfico: A poboación das illas aumenta no século XVIII, grazas á desaparición da peste, o descenso da mortalidade e unha mellor alimentación polo desenvolvemento da agricultura, e a diversificación e aumento da produción de alimentos.
  • O sistema político inglés era unha monarquía liberal estable que se mantivo á marxe das revolucións liberais do resto de Europa.
  • Abundancia de materias primas: carbón mineral (Escocia, Inglaterra e Gales) e mineral de ferro (nos montes Peninos ao sur de Escocia e norte de Inglaterra). O país está percorrido por ríos navegables e canles que facilitaban o transporte desas materias primas pesadas.
  • A chegada ao país de materias primas ou man de obra, procedentes do comercio intercontinental: algodón, tabaco, té ou escravos.
  • O desenvolvemento tecnolóxico, especialmente grazas á industria téxtil e dos transportes, transformou a produción artesanal en industrial, aumentando a produtividade e a mecanización do traballo.

Coque, combustible sólido obtido da hulla e da antracita.

Lectura facilitada

A Revolución industrial inglesa (Gran Bretaña e Irlanda) debeuse a tres sistemas produtivos:

- A industria siderúrxica, que emprega o carbón mineral (coque) e o mineral de ferro

- A industria téxtil do algodón

- A enerxía do vapor

Nas illas británicas déronse as condicións precisas para o desenvolvemento do sistema industrial.

Os factores do cambio foron:

  • Territorio illado: as illas protexían o país das invasións.
    Protexido dos conflitos da Europa continental e 
    con moitos portos para o comercio nacional e internacional.
  • O crecemento demográfico: a poboación das illas aumenta no século XVIII (dezaoito).
    Desapareceu a peste, descendeu a mortalidade e mellorou a alimentación
    polo desenvolvemento da agricultura e a alimentos máis variados.
  • O sistema político inglés: era unha monarquía liberal.
    Mantívose á marxe das revolucións liberais do resto de Europa.
  • Abundancia de materias primas: carbón mineral e mineral de ferro.
    O país está percorrido por ríos navegables e canles de fácil navegación.
  • O comercio intercontinental trouxo ao país de materias primas ou man de obra.
    Chegan a Inglaterra: algodón, tabaco, té ou escravos.
  • O desenvolvemento tecnolóxico: grazas á industria téxtil e dos transportes.
    Transformou a produción artesanal en industrial,
    aumentando a produtividade e a mecanización do traballo.

Sociedade: a demografía modernízase

A poboación europea viviu, no século XVIII, un período de crecemento demográfico continuo, pasando dos 100 ou 130 millóns de habitantes a comezos do século para acadar os 190 millóns cara ao ano 1800. Unha cifra pequena, se temos en conta a poboación actual e o seu rápido crecemento.

Inglaterra avanza cara a un sistema demográfico moderno. Dos 5,8 millóns de habitantes que tiñan Inglaterra e Gales no ano 1700, pasouse a 9 millóns en 1801.

As súas principais características foron:

  • Un importante aumento da poboación ao reducirse a mortalidade, tanto xeral como a infantil, manténdose alta natalidade. Esta situación reflectiuse nun aumento do crecemento vexetativo. As parellas casaban antes e tiñan máis fillos e fillas que na era preindustrial. Os nenos e as nenas víanse como algo positivo na sociedade industrial, pois eran man de obra barata. Outros factores sumáronse para facilitar este crecemento, tales como a mellora na dieta (máis variada), a mellora na seguridade (redución da bandidaxe), nos transportes e as melloras sanitarias, médicas ou hixiénicas.
  • O aumento da poboación foi máis perceptible nas cidades industriais insalubres (Liverpool, Manchester, ...) 
  • Entre os anos 1760 e 1840 vaise producir unha forte emigración, do campo ás cidades industriais, a causa da mecanización do campo e os cerramentos. O campesiñado, ante a falta de traballo, migraba ás cidades na procura de traballo. Neste momento tamén se inicia a migración internacional transatlántica cara a América.
Cidade Industrial e transportes

O crecemento vexetativo ou natural é a diferenza entre nacementos e defuncións nun lugar concreto e nun momento concreto.

Este fenómeno demográfico recibe o nome de "Éxodo rural".

Lectura facilitada

No século XVIII (dezaoito), a poboación europea viviu un período de crecemento demográfico.

Os europeos pasaron dos cen millóns de habitantes, a comezos do século,

aos cento noventa millóns cara ao ano mil oitocentos (1800).

Inglaterra avanza cara a un sistema demográfico moderno.

Inglaterra e Gales tiñan cinco con oito (5,8) millóns de habitantes no ano mil setecentos (1700).

No ano mil oitocentos un (1801)) pasaron a nove millóns.

As súas principais características foron:

  • Un importante aumento da poboación.
    • Reduciuse a mortalidade, incluída a infantil.
    • Crecemento vexetativo positivo da poboación (diferenza entre nacementos e defuncións).
    • As parellas casaban antes e tiñan máis fillos e fillas.
    • Os nenos e nenas víanse como algo positivo na sociedade industrial.
      Eran man de obra barata.
    • Mellorou a vida: mellor dieta, mellor seguridade, máis transporte e accedían á sanidade e a hixiene.
  • O aumento da poboación foi máis perceptible nas cidades industriais pouco saudables (Liverpool, Manchester,...)
  • Entre os anos mil setecentos sesenta (1760) e mil oitocentos corenta (1840)
    vaise producir unha forte emigración do campo ás cidades industriais na procura de traballo.
    • Iníciase a migración internacional transatlántica cara a América.

Economía: o campo tamén se revoluciona!

Aumenta a poboación en Inglaterra, con que se alimentarán? A industria producirá produtos manufacturados téxtiles e siderúrxicos, polo que a crecente demanda de alimentos provocará a suba de prezos e levará a investir na agricultura para mellorar e aumentar a produción que cubra as necesidades de toda a poboación.

Os cambios no campo eran visibles dunha ollada. Comprobámolo?

 
        Enclosures ou pechamentos
Campos pechados, enclosures ou pechamentos.
Maquinaria para segar e recoller a herba
Primitivas máquinas para segar e recoller a més
Sistema Norfolk de rotación de cultivos
Sistema agrícola de rotación de cultivos chamado Sistema Norfolk

As parcelas do rural son pechadas cun valado (enclosures), pasando a ser propiedade particular. O campesiñado empregaba, para traballalas e aumentar a produción, fertilizantes, maquinaria (sementadoras, arados de ferro, o cabalo como animal de tiro, etc.) e rotaban os cultivos nunha rotación cuadrienal (sistema Norfolk) que permitiu introducir plantas forraxeiras para alimento do gando. Os animais pódense estabular e a carne estará ao alcance de todos os grupos sociais, polo menos na teoría!

Lectura facilitada

Se a poboación aumenta en Inglaterra, que vai comer a xente?

A industria comeza a producir máis tecidos e ferro.
Por iso, tamén aumenta a necesidade de alimentos.

Cando hai máis demanda, os prezos soben.
Isto fai que se invista máis na agricultura para producir máis comida.
O obxectivo é alimentar a toda a poboación.

As terras do rural empezan a pecharse con valados.
Isto chámase enclosures.
As parcelas pasan a ser propiedade privada.

O campesiñado usa novas técnicas para producir máis:

  • fertilizantes
  • máquinas como sementadoras e arados de ferro
  • o cabalo como animal de tiro

Tamén cambian a forma de cultivar.
Empregan a rotación de cultivos (sistema Norfolk).
Isto permite non deixar a terra en descanso e producir máis.

Ademais, cultívanse plantas para alimentar o gando.
Os animais poden gardarse en cortes.

Na teoría, todo isto permite que haxa máis carne
e que chegue a máis persoas.

A revolución dos transportes. Pasaxeiros ao tren!

Unha das claves para o éxito da Revolución Industrial en Inglaterra foi o desenvolvemento do comercio, os intercambios entre o campo e a cidade. Os excedentes agrícolas chegaban aos mercados das cidades, mentres que estas enviaban ao rural produtos industriais (tecidos, maquinaria, ...)

O desenvolvemento do comercio foi posible grazas ao avance dos transportes. Ata o século XVIII o transporte de mercadorías realizábase en carros tirados por cabalos, que circulaban por estradas intransitables en épocas de chuvia.

Para o traslado das materias primas e as novas mercadorías, procedentes das industrias, era necesario un transporte con maior capacidade, máis barato e máis rápido. Que solucións achegaron os enxeñeiros? Pois centraron os seus esforzos na construción de canles, na mellora das estradas e na aplicación da máquina de vapor aos transportes, aparecendo os barcos de vapor e, a gran revolución dos transportes, o ferrocarril.

Canle Bridgewater
(Runcorn, Manchester e Leigh, 1761)
Canal Bridgewater para transportar carbón desde las minas del Duque de Bridgewater a Manchester
Gran Estrada do Norte preto de Highgate, entrada a Londres. Estaba un pouco chea de fochancas!
A Gran Estrada do Norte preto de Highgate, na entrada a Londres, antes da construción da estrada de peaxe. A calzada estaba chea de fochancas e daba acceso aos terreos adxacentes
Fulton presenta a primeira máquina de vapor no 1803 a Napoleón Bonaparte
Fulton presenta a primeira máquina de vapor a Napoleón Bonaparte en 1803.

Lectura facilitada

A Revolución Industrial desenvolveuse grazas aos intercambios entre o campo e a cidade.

Os produtos agrícolas que sobraban no campo chegaban aos mercados das cidades.

As cidades enviaban ao rural produtos industriais (tecidos, maquinaria, ...)

O desenvolvemento do comercio foi posible grazas ao avance dos transportes.

Para o traslado das materias primas e as novas mercadorías das industrias
era necesario un transporte con maior capacidade, máis barato e máis rápido.

Cales foron as solucións que aportaron os ingleses?


Construción de canais

Para dar solución á necesidade de mellorar o transporte, en Inglaterra construíronse miles de millas de canles que interconectaron os seus ríos, nos que un só cabalo podía arrastrar, polas augas da canle, ata 30 toneladas de mineral de ferro ou carbón mineral.

Debuxo da inauguración do primeiro tramo da canle Bridgewater

Manchester City Council.
Daily Courant London - Delegación Manchester

Venres, 17 de xullo de 1761

"Unha viaxe moi inspiradora do duque de Bridgewater ao Midi francés."

"O terceiro duque de Bridgewater, Francis Egerton, inaugura hoxe o primeiro tramo da construción da canle artificial que unirá as súas minas de carbón, en Worsley, coa dinámica cidade industrial de Manchester, percorrendo unhas 10 millas (16 quilómetros).

O duque chegou recentemente dunha interesante e grande viaxe pola Europa continental. Alí tivo a oportunidade de coñecer a Canle du Midi, no sur de Francia e inaugurada no ano 1681 que lle serviu de inspiración para este proxecto que hoxe se inaugura.

O enxeñeiro inglés James Brindley é o artífice deste logro nas comunicacións aínda que, algúns medios, afirman que o proxecto é obra do propio duque e o seu axente, John Gilbert. O que ninguén pode dubidar é a gran contribución de Mr. Brindley para resolver importantes problemas técnicos, como a construción do acueduto de Barton sobre o río Irwell e que salva 12 metros de altura.

Esta nova vía de comunicación abaratará o prezo do carbón, noticia que agradecerán os propietarios das fábricas e os consumidores dos seus produtos manufacturados.

Nun futuro inmediato, o duque pretende ampliar a canle a Runcorn e Leigh, conectando importantes zonas industriais do noroeste de Inglaterra. Esta inauguración ben podería ser tida como o inicio dunha nova era industrial e sería de xustiza que, esta magna obra de enxeñería, levara o nome do seu patrocinador."

Chegan as peaxes ás estradas!

Lembrade que, no século XVIII, as estradas inglesas eran intransitables en moitas épocas do ano ao ser de terra. O estado tiña que investir na súa mellora, ante as necesidades da nova industria, do comercio, dos traslados de traballadores ou viaxeiros, ... Isto supuña un gasto moi importante para o seu mantemento o que repercutía negativamente nas arcas do Estado británico.

A solución a este problema foi a creación de certo tipo de concesións, polo Parlamento Británico, cuns pagos chamados "Turnpike trusts". As concesionarias cobraban unha pequena cantidade a cambio de circular por estas vías, comprometéndose ao seu mantemento e pavimentado. Nos case 8.000 peaxes había un caseto para o cobro e o billete servía para toda unha xornada. Sóavos o sistema? Igual non todo, verdade?

Por estas vías transitaban cabalarías, persoas, gando ou coches de cabalos. As dilixencias foron o máis importante transporte terrestre, ata o desenvolvemento do ferrocarril. Conectaban as cidades inglesas a unha velocidade de entre 8 e 14 quilómetros á hora, debendo parar cada dúas horas en postas distribuídas ao longo das vías.

As estradas foron pavimentadas co sistema Macadán, deseñado polos enxeñeiros John McAdam e Thomas Telford. O procedemento consistía en cubrir as estradas con pedra machacada, esmagada e alisada.

Posada máis antiga de Londres

The London Gazette. Publicidade

London, 1830

Posada na City londiniense "Bull and Mouth Inn" cambia o seu nome por Queen's Hotel.

Dirección: Bull and Mouth Street (norte) e Angel Street (sur).

Punto de saída de dilixencias para toda Gran Bretaña, especialmente cara ao norte do país e Escocia.

Excelente refuxio para os viaxeiros. Ofrecemos aloxamento, comida quente e bebida. Boa cervexa e xenebra.

Visítanos! Bos prezos!

O motor da revolución: o vapor

A invención da máquina de vapor e a súa aplicación aos transportes (barco e ferrocarril) revolucionou a mobilidade terrestre dos europeos nesta primeira fase da Revolución Industrial.

O enxeñeiro británico Richard Trevithick logrou poñer en marcha, no ano 1804, a primeira locomotora a vapor, sobre raís na cidade galesa de Merthyr Tydfil. Na súa primeira viaxe arrastrou 10 toneladas de ferro e 70 homes a unha velocidade de 3,9 km/h. Mover medios de transporte con vapor era posible.

Xa no ano 1830, George Stephenson patentou a locomotora que uniría as cidades inglesas de Liverpool e Manchester. O transporte de mercadorías e pasaxeiros, a longas distancias, máis barato, en menos tempos é xa unha realidade. A rede de ferrocarrís pasou de 157 km no ano 1800 a 9.800 km no ano 1850.

A outra aplicación da máquina de vapor aos transportes foron os barcos de vapor que, no ano 1830, foron construídos con cascos de ferro e propulsados por hélices.

Os romanos xa pavimentaban as súas calzadas, a diferenza entre o seu sistema e este era que as calzadas romanas eran profundas, con lousas de pedra, mentres que o sistema macadán utilizaba pedra triturada formando unha capa superficial.

Primeira estrada macadam nos Estados Unidos

Lectura facilitada

Construción de canais

Construíronse miles de millas de canles que interconectaron os seus ríos.

Un barco, tirado por un cabalo,

podía arrastrar ata 30 toneladas de mineral de ferro ou carbón mineral.

Chegan as peaxes ás estradas!

As estradas de terra inglesas eran intransitables no século XVIII (dezaoito )

A solución foi a creación, polo Parlamento Británico,

duns pagos chamados "Turnpike trusts".

As concesionarias cobraban unha pequena cantidade ou peaxe

a cambio de circular por estas vías.

As concesionarias facían o mantemento e pavimentado das vías.

Por estas vías transitaban:

  • cabalarías,
  • persoas,
  • gando,
  • dilixencias ou
  • coches de cabalos.

As estradas pavimentáronse cubríndoas con pedra machacada, esmagada e alisada.

O motor da revolución: o vapor

O enxeñeiro británico Richard Trevithick

puxo en marcha a primeira locomotora a vapor no ano 1804 (mil oitocentos catro).

Esta máquina desprazábase sobre raís e unía a cidade galesa de Merthyr Tydfil coas minas.

Na súa primeira viaxe arrastrou 10 toneladas de ferro e 70 homes
a unha velocidade de 3,9 km/h (tres con nove quilómetros por hora).

No ano 1830 (mil oitocentos trinta), George Stephenson

patentou a locomotora que uniría as cidades de Liverpool e Manchester.

A rede de ferrocarrís pasou de 157 km (cento cincuenta e sete quilómetros )

no ano 1800 (mil oitocentos) a 9.800 km (nove mil oitocentos quilómetros)

no ano 1850 (mil oitocentos cincuenta).

A máquina de vapor tamén se aplicou aos barcos.

Así apareceron os barcos de vapor,

construídos con ferro e movidos por hélices.

Cultura: un flegmático inglés quere dar a volta ao mundo!

Agrupamento: 2-4 persoas

Desde 1756 —época en que se fundou o primeiro establecemento inglés no sitio ocupado hoxe pola cidade de Madrás—, ata o ano en que estalou a gran insurrección dos cipayos, a soada Compañía das Indias foi omnipotente. (...) Por iso o aspecto, os costumes, as divisións etnográficas da península, tenden a modificarse diariamente. Antes viaxábase por todos os antigos medios de transporte, a pé, a cabalo, en carro, en carretilla, en liteira, ao lombo doutro, en coach etc. Agora uns barcos de vapor percorren a gran velocidade o Indus e o Ganges, e un ferrocarril, que atravesa a India en toda a súa anchura ramificándose no seu traxecto, pon a Bombai a tres días tan só de Calcuta. O trazado deste ferrocarril non segue a liña recta a través da India. A distancia a voo de paxaro, non é máis que de mil a mil cen millas, e os trens, aínda coa velocidade media, non empregarían tres días no traxecto; pero esta distancia está aumentada nunha terceira parte polo menos, pola curva que describe o camiño, elevándose ata Allahabad, ao Norte da península. (...) Eran as catro e media da tarde cando os pasaxeiros do Mongolia desembarcaran en Bombai e o tren de Calcuta saía ás oito en punto. O señor Fogg despediuse dos seus compañeiros, saíu do vapor, deu ao seu criado a orde de facer algunhas compras, recomendoulle expresamente que estivese antes das oito na estación, e co seu paso regular, que batía como o péndulo dun reloxo astronómico, dirixiuse á oficina de pasaportes.

Xulio Verne, "A volta ao mundo en oitenta días". Adaptación propia (proxecto cREAgal).

Actividade 1: En pequenos grupos, buscade información sobre a viaxe de Phileas Fogg ao redor do mundo. Elaborade un mapa no que sinaledes todas as etapas e os medios de transporte empregados.

Actividade 2: Lede o fragmento aquí presentado. Localizades os progresos citados que caracterizaron a primeira fase da Revolución Industrial. Numerádeos.

Actividade 3: O autor do libro, Xulio Verne, estivo dúas veces en terras galegas, exactamente na cidade de Vigo, nos anos 1878 e 1884. Descubride en que medio de transporte chegou? cal foi o motivo da súa chegada á cidade? Hai unha novela de Xulio Verne que cita a esta cidade galega. Cal é esta novela? Que feito histórico cita? Coñecía Xulio Verne a cidade de Vigo cando a citou na súa novela?

Novas industrias para novos tempos

O Antigo Réxime sitúase como unha ponte entre a Idade Media feudal e o posterior mundo capitalista moderno. As súas bases produtivas radicaban nun sector agrario e artesanal moi tradicional, onde a tecnoloxía era rudimentaria e os traballadores realizaban todo o proceso de fabricación sen especializarse, polo que a división do traballo era case inexistente.

A produción manufactureira organizábase a través de tres vías industriais principais:

  • Reais fábricas ou manufacturas reais: centros impulsados pola monarquía para confeccionar artigos de luxo destinados á corte.
  • Actividade gremial urbana: industria na que as corporacións artesanais regulaban rigorosamente os oficios nas cidades.
  • Industria doméstica rural: un modelo descentralizado onde, o comerciante, entregaba aos campesiños a materia prima para ser tecida no seus fogares. Posteriormente sería recollida para a súa distribución e venda.

A debilidade do tecido industrial reflectíase tamén na fraxilidade do comercio interior, que non conseguía progresar debido a varios factores negativos como: a existencia de aduanas interiores (entre rexións ou territorios do mesmo país); escaso ou nulo poder adquisitivo da meirande parte da poboación (que limitaba o consumo); a lentitude e falta de transportes terrestres para o movemento de mercadorías ou xente (estradas e medios de transporte lentos que encarecían os desprazamentos).

Coa Revolución Industrial xorden cambios na produción industrial que alterarán por completo os métodos de fabricación:

Materias Primas Mineral de ferro, algodón para o fío dos teares e madeira para a construción naval
Fontes de enerxía Carbón mineral (coque: hulla e antracita) e a enerxía hidráulica
Máquinas Máquinas agrícolas, de fiar e tecer, altos fornos
Tipos de industrias Industria téxtil (do algodón) e industria siderúrxica (uso do coque, do pudelado e o convertedor Bessemer para a fabricación do aceiro)
Protagonistas A burguesía industrial e os obreiros (o proletariado)
Medios de transporte O ferrocarril e o barco de vapor
Sistema económico Capitalismo Industrial

Lectura facilitada

O Antigo Réxime foi unha etapa de cambio entre a Idade Media e o mundo moderno.

A maioría das persoas traballaban na agricultura ou na artesanía.

Había poucas máquinas e o traballo facíase de forma manual.

Non existía apenas división do traballo.

Cada persoa facía todo o proceso.

Existían varios tipos de produción:

  • Industria artesanal nas cidades
  • Industria doméstica rural
    Os campesiños elaboraban produtos nas súas casas con materiais que lles daba un comerciante
  • Reais fábricas
    Fábricas para abastecer os pazos reais

A industria era escasa e o comercio tamén tiña dificultades.

Non existía un verdadeiro mercado nacional debido a varios problemas:

  • Había aduanas dentro do mesmo país, que dificultaban o comercio.
  • A maioría da poboación tiña poucos recursos para comprar.
  • Os transportes eran lentos.

Coa Revolución Industrial xorden cambios na produción industrial:

Materias Primas Mineral de ferro,
algodón para o fío dos teares e
madeira para a construción naval.
Fontes de enerxía Carbón mineral (coque: hulla e antracita) e
a enerxía hidráulica.
Máquinas Máquinas agrícolas,
máquinas de fiar e tecer,
altos fornos.
Tipos de industrias Industria téxtil (do algodón)
e industria siderúrxica (a fabricación do aceiro).
Protagonistas A burguesía industrial e
os obreiros (o proletariado)
Medios de transporte O ferrocarril e
o barco de vapor
Sistema económico Capitalismo industrial

A forza da creatividade humana. Chega a maquinaria industrial!


1733

Lanzadeira voante

John Kay patenta un tear que permitía, a un único tecedor, fabricar teas máis grandes en menor tempo.

1764

Máquina de fiar Jenny ou Spinning Jenny

Stanhill, preto de Blackburn en Lancashire (Inglaterra) James Hargreave (ou quizais Thomas Highs) inventa unha máquina de fiar de múltiples fusos, en concreto, oito.

1769

A Water Frame

Patente do industrial inglés, Richard Arkwright, dun bastidor de fiado hidráulico para producir fío de algodón automaticamente e moito máis resistente. Movía o mecanismo cunha roda hidráulica.

1779

Mule Jenny

Esta máquina recibiu o nome de mula, pois este animal é un híbrido, ao igual que a máquina, unha mestura entre a Water-Frame (de Arkwright) e a Spinning Jenny (de Hargreaves). Un só obreiro traballaba con centos de fusos para estirar os fíos, na primeira pasada, e enrolalos de volta.

1804

Lámpada de gas de carbón

O alemán Frederick Winsor deixou apampados os londinienses logo de alumear a avenida Pall Mall con lámpadas de luz de gas.

1807

Barco de vapor comercial

Robert Fulton botou o Clermont, de 146 pés, movido por un motor de vapor e rodas de paletas. O traxecto inaugural percorreu 400 km polo río Hudson entre Nova Iork e Albany. De novo, este enxeñeiro tentara impresionar a Napoleón Bonaparte cos seus enxeños. No ano 1801 probou con éxito o Nautilus en Brest, logrando mergullarse varias horas. Dous anos máis tarde, no 1803, tentouno navegando cun barco de vapor polo río Sena. A embarcación afundiuse polo peso da maquinaria, reflotárona e rematou funcionando. A Napoleón non lle gustaron demasiado as ideas de Fulton.

1813

Serra circular para serradoiros

A tecedora Tabitha Babbitt crea a serra circular conectando un disco metálico con dentes a un mecanismo xiratorio.

1826

Cámara fotográfica

O francés Joseph Nicéphore Niépce fai unha fotografía permanente, por primeira vez, captando o Point de vue du Gras. Empregou unha cámara escura e unha placa de peltre. No ano 1839, Louis Daguerre creou o daguerrotipo, un método comercial práctico que popularizou a fotografía.

1829

A máquina de vapor Rocket

Aínda que a primeira máquina de vapor foi un invento do enxeñeiro británico-galés, Richard Trevithick, o foguete de George Stephenson ou Rocket está considerado como o avance clave para o desenvolvemento da locomotora de vapor e o ferrocarril moderno.

1837

Telégrafo

Samuel Morse revolucionou o mundo das comunicacións con puntos e raias. No ano 1840 patentou o invento que permitía transmitir mensaxes instantáneos. En 1844, as cidades de Washington e Baltimore quedaron conectadas, revolucionando o mundo do periodismo, a sociedade e o comercio.

1846

Anestesia con éter

O doutor Crawford Williamson Long realizou a primeira cirurxía usando éter para retirar uns quistes no pescozo do seu paciente. A primeira demostración pública, con éxito, realizouna o doutor T.G. Morton en 1846 e foi el quen levou a fama.

1843

Computadora mecánica

Ada Lovelace, matemática e escritora inglesa, é considerada a primeira programadora da historia. Por desgraza, é máis coñecida por ser a filla de Lord Byron.

1856

Henry Bessemer

Este inventor inglés, con ascendencia francesa, patentou un convertedor co seu nome que conseguiu fabricar aceiro a partir da oxidación do ferro. Tamén demostrou a importancia de patentar para protexer a creación de inventos. Utilizou máis de 129 patentes, unha para a fabricación de azucre de cana.

Unha mula é o cruce entre un cabalo e un asno.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)