Saltar navegación

A Independencia das colonias americanas

 

Glosario

Colonia

Pictograma dun territorio cunha bandeira

Definición:

Territorio sometido ao dominio político doutro país ou estado máis desenvolvido, que explota os seus recursos.

Exemplo:

As colonias americanas de Inglaterra serán o xermolo dos Estados Unidos.

Constitución

Portada da Constitución de 1812

Definición:

Lei fundamental dun estado, que establece a súa forma política e os dereitos e deberes dos seus cidadáns.

Exemplo:

A Constitución Española de 1812 foi un dos textos legais máis avanzados do seu momento.

Federación

Icona redes

Definición:

Conxunto de estados ou territorios que se unen nun só país mantendo certa autonomía.

Exemplo:

Os Estados Unidos son unha federación formada por varios estados.

Inalienable

Pictograma que representa o voto secreto

Definición:

Que non se pode quitar nin separar dunha persoa.

Exemplo:

O voto secreto é un dereito inalienable nunha democracia.

Metrópole

Bandeira do Reino Unido

Definición:

Estado que exerce dominio político, económico e territorial sobre unha colonia.

Exemplo:

Inglaterra era a metrópole das trece colonias americanas.

Independence Day: que sabemos da Guerra de Independencia dos Estados Unidos?

A Guerra de Independencia dos Estados Unidos é un dos períodos máis mitificados e máis retratados no cinema. É un momento capital que supón o nacemento da nación máis poderosa do planeta -polo menos ata o de agora- e está cheo de nomes ben coñecidos: George Washington, Benjamin Franklin, Thomas Jefferson... e grazas a un musical de grande éxito, Alexander Hamilton.

Pero, que sabemos deste período? Responde estas preguntas para sorprenderte.

Pregunta 1

En 1779, John Adams, que sería o segundo presidente dos Estados Unidos, andou de visita por Ferrol.

Pregunta 2

A primeira pedra da Casa Branca foi posta por un comerciante de Navarra.

Pregunta 3

A cidade de Galveston, en Texas, ten a orixe do seu nome nun español.

Pregunta 4

O dólar americano é, en orixe, unha moeda española.

Moito descontento e un pouco de té

Litografía que mostra os sucesos do Motín do Té de Boston

Inglaterra desenvolveu en América unha política colonial con marcadas diferenzas coa expansión territorial española nese mesmo continente. Mentres que no caso da coroa de Castela os territorios formaban parte dunha mesma entidade política -é dicir, ante a lei non había diferenzas entre unha persoa nada en Madrid e outra en Cartaxena de Indias-, Inglaterra mantiña unha relación xerárquica e desigual cos seus territorios no Novo Mundo: as famosas trece colonias que darán lugar aos Estados Unidos. Despois da Guerra dos Sete Anos entre Francia e Inglaterra (1756-1763), Francia perdeu os seus territorios norteamericanos (a Luisiana), que pasou a mans de España, de Inglaterra e dos nativos americanos. Inglaterra viu a posibilidade de expandir as súas colonias cara o Oeste, pero eses territorios non quedaron en mans dos colonos, senón que pasaron a mans da monarquía e da nobreza inglesas.

Outra destas diferenzas fundamentais era que as colonias americanas non tiñan representación no Parlamento inglés, polo que non podían exercer un peso significativo nas políticas reais. Ademais, estaban obrigadas a pagar numerosos impostos á coroa e a contribuír a manter o exército real nas numerosas campañas fóra do territorio americano. Os representantes dos habitantes destas colonias reuníanse nos chamados congresos continentais co obxectivo de presentar as súas demandas á coroa, pero o seu poder de autogoberno estaba moi limitado. A xente destes territorios, especialmente os que xa naceran en América e non tiñan un vínculo real coa metrópole, sentíanse cada vez máis descontentos e desvinculados con Inglaterra, creando un caldo de cultivo imparable para una revolución. 

Este clima de tensión estoupou en 1773 co Motín do Té de Boston. A coroa británica aprobara unha lei pola que se favorecía á Compañía Británica das Indias Orientais permitindo que pagara menos impostos, polo que vendían o té máis barato que os comerciantes locais. Estes, liderados por Samuel Adams, disfrazáronse como indios e asaltaron tres barcos da Compañía no porto de Boston, derramando a súa carga pola borda. Trátase dun dos fitos máis importantes e que darán paso a unha revolución aberta contra a monarquía inglesa. Os feitos foron a orixe do Boston Tea Party, un partido político que se opoñía ao goberno inglés.

Lectura facilitada

  • As colonias inglesas estaban obrigadas a pagar impostos e non tiñan representación no Parlamento.
  • Os habitantes das colonias reuníanse en Congresos Continentais. As decisións políticas viñan da metrópole.
  • A tensión creceu ata que estoupa en 1773 (mil setecentos setenta e tres) co Motín do Té de Boston.

Apoio visual

Apoio visual causas motín do té de Boston

Comeza a guerra

Dende o Masacre de Boston de 1770 e o Motín do Té de 1773, os colonos fóronse enfrontando o exército inglés en pequenas escaramuzas. Nun principio estes colonos non se organizaron nun exército regular, senón que formaron milicias e guerrillas. Os dous feitos que marcaron o inicio da Guerra de Independencia serán dúas batallas o 19 de abril de 1775, en Concord e Lexington. A situación era xa insostible e as relacións entre a metrópole e as colonias non tiñan arranxo posible, de xeito que as trece colonias se reuniron nun congreso e encargaron a cinco relatores -o Comité dos Cinco- que redactaran unha declaración de independencia. O principal ideólogo deste escrito será Thomas Jefferson, representante da colonia de Virxinia. A Declaración de Independencia será presentada o 4 de xullo de 1776 , e marcará o inicio oficial da Guerra de Independencia dos Estados Unidos.

Pintura de John Trumbull que representa a presentación do borrador da Declaración ao Congreso
Imaxe do manuscrito da Declaración de Independencia dos Estados Unidos

O Masacre de Boston de 1770  foi un enfrontamento entre as tropas do exército inglés e a poboación civil, no que un grupo de soldados disparou contra un grupo de persoas que estaban a protestar contra os impostos da coroa. Houbo un xuízo no que os soldados foron declarados inocentes, argumentando que dispararon en defensa propia. Curiosamente foron defendidos polo avogado John Adams, que acabará sendo un dos líderes políticos da independencia americana e o segundo presidente do país.

Lectura facilitada

  • Dende o Masacre de Boston de 1770 (mil setecentos setenta) e o Motín do Té de 1773 (mil setecentos setenta e tres) a xente das colonias mostrará o seu descontento coa coroa.
  • Os habitantes das colonias enfrontaranse o exército inglés a partir de 1775 (mil setecentos setenta e cinco).
  • As dúas primeiras batallas serán as de Concord e Lexington.
  • No 1776 (mil setecentos setenta e seis) as trece (13) colonias decláranse independentes de Inglaterra.

Apoio visual

Secuencia que levou á Guerra de Independencia en Estados Unidos

Unha guerra na que participaron moitos países

Aínda que nun primeiro momento pensemos que a Guerra de Independencia Americana foi un asunto interno entre Inglaterra e unha das súas colonias, en realidade foi un conflito no que interviñeron practicamente todas as potencias europeas do momento. As trece colonias buscaron alianzas cos inimigos naturais da súa metrópole: Francia, que perdera a Guerra dos Sete Anos e buscaba socavar o poder inglés, e España, que tiña un especial interese nos territorios americanos debido á súa presenza cos vicerreinados de Perú e Nova España.

Tanto Benjamin Franklin coma Thomas Jefferson e John Adams viaxaron a Europa como diplomáticos para asegurar o apoio destas nacións para a súa causa de independencia. Non podemos esquecer que nese momento Inglaterra xa era o imperio máis poderoso do mundo coas súas colonias americanas, asiáticas e africanas. Para o rei Xurxo III de Inglaterra o desafío das colonias americanas era un dobre perigo: por unha parte, arriscábase a perder uns territorios que proporcionaban materias primas fundamentais para a metrópole, como o algodón e o tabaco. Pero por outra, podían ser un mal exemplo para o resto de territorios que estaban sometidos á monarquía, polo que dende o primeiro momento o exército inglés actuou con dureza para reprimir o movemento revolucionario.

Os chamados "casacas vermellas" e os xenerais ingleses desenvolveron unha guerra "de libro". Os colonos americanos non podían opoñer unha resistencia militar organizada, polo que a organización dun exército continental foi unha das prioridades. Ao mando do exército revolucionario estaría o xeneral George Washington, que rematada a guerra será o primeiro presidente da nova nación. As principais batallas foron o asedio de Boston, as batallas de Trenton, as batallas de Saratoga, a batalla da baía do río Delaware e a batalla de Yorktown. A última batalla oficial da Guerra de Independencia Americana será a batalla de Arkansas Post, e curiosamente non participará o exército americano, senón que será un conflito entre Inglaterra e España, que obterá a vitoria.

Lectura facilitada

  • A Guerra de Independencia americana non afectou só ás 13 colonias e a Inglaterra.
  • Francia e España estaban interesadas en facerlle perder poder a Inglaterra, polo que apoiaron a causa independentista.
  • Tanto Francia como España envían tropas que se unen ao exército americano liderado por George Washington.
  • A presenza de tropas españolas e francesas dotou as colonias dun exército regular que se uniu ás milicias iniciais.

Un novo país

Imaxe da primeira páxina da Constitución dos Estados Unidos

Tras a fin da guerra e o recoñecemento da nova nación por parte do rei de Inglaterra co Tratado de París de 1783, nacían os Estados Unidos de América. As colonias xa non eran tal, senón estados independentes que se aliaban nun sistema federativo pero que lle permitía a cada un establecer as súas propias leis e o seu propio goberno. Os "pais fundadores" tiveron como modelo a política da Ilustración: o comezo da Declaración de Independencia é a manifestación dunha vontade da busca da liberdade e dos dereitos individuais, e unha das liñas máis citadas da Historia: Consideramos que estas verdades son evidentes por si mesmas: que todos os homes son creados iguais, que están dotados polo seu Creador de certos dereitos inalienables, que entre estes están a vida, a liberdade e a procura da felicidade.

O novo país estará fundado sobre eses dereitos fundamentais, recollidos nunha Constitución aprobada en 1787, ratificada en 1788 e en vigor a partir do ano seguinte. O poder lexislativo quedaba en mans dun Congreso dos Estados Unidos formado por un Senado e unha Cámara de Representantes.

O cadro de Benjamin West que representa a sinatura do Tratado de París está incompleto: os únicos personaxes que chegou a representar o pintor son a delegación estadounidense, entre os que se atopan, de novo, John Adams e Benjamin Franlkin. Na parte dereita deberían estar os delegados ingleses, pero estes, considerando que a sinatura do tratado e a independencia americana eran unha humillación para Inglaterra, negáronse a posar e a obra quedou inacabada.

Cadro que representa a sinatura do Tratado de París de 1783

Lectura facilitada

  • En 1786 remata a Guerra coa sinatura do Tratado de París.

Para resumir: liña do tempo

1756-1763

Guerra dos Sete Anos

Francia perde a Luisiana e ese territorio pasa a mans de España e da coroa e a nobreza inglesa.

1770

Masacre de Boston

Un dos primeiros conflitos con derramamento de sangue entre o exército real e os habitantes das colonias americanas.

1773

Motín do Té de Boston

Un grupo de colonos asalta os buques da Compañía Británica das Indias Orientais e baleira o cargamento na baía de Boston.

1776

Abril: Batallas de Lexington e Concord

As batallas de Lexington e Concord marcan o inicio da Guerra de Independencia.

4 de xullo: Declaración de Independencia

O Congreso Continental declara a independencia das trece colonias respecto de Inglaterra.

1776 - 1783

Principais batallas: Saratoga, Baía do Delaware, Yorktown

O Exército Continental, ao mando de George Washington, obtén importantes vitorias sobre o exército inglés. As colonias reciben apoio militar de España e Francia.

1783

Tratado de París

Remata a Guerra de Independencia e os Estados Unidos son recoñecidos como un país en si mesmo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)