Situación na que un Estado ou persoa non pode pagar as súas débedas.
Exemplo:
España estivo preto da bancarrota polos gastos das guerras.
Inflación
Definición:
Aumento xeral dos prezos dos produtos e servizos.
Exemplo:
A inflación fixo subir o prezo do pan e doutros alimentos básicos.
Déficit
Definición:
Situación na que os gastos son maiores que os ingresos.
Exemplo:
O déficit do Estado aumentou polos gastos militares.
Crioulos
Definición:
Persoas descendentes de europeos nacidas en América durante a época colonial.
Exemplo:
Os crioulos lideraron, máis tarde, os movementos independentistas en América.
Ai, Carlos, Carlos...
En 1788 subiu ao trono español Carlos, sucedendo o seu pai, Carlos III.
O reinado de Carlos IV coincidiu cun período de grandes dificultades que marcaron o inicio da crise do Antigo Réxime, fíxate que empeza o seu reinado un ano antes da Revolución Francesa, un proceso que levaría á desaparición da sociedade estamental e á monarquía absoluta, abrindo paso á transición cara á época contemporánea.
Durante os vinte anos do seu goberno (1788-1808), España enfrontouse a unha serie de crises internas e externas que debilitaron a autoridade real e agravaron os problemas sociais e económicos do país.
Crises internas
Problemas económicos e financeiros
O país sufría unha situación de guerra constante, contra a república francesa que implicaba elevados gastos militares. Ademais, herdáronse importantes débedas do reinado do seu pai, que xunto coa inflación e o déficit das contas do Estado levaron a España ao borde da bancarrota.
Epidemias e malas colleitas
Entre os anos 1804 e 1809 a poboación viuse afectada por epidemias que provocaron mortes e enfraquecemento do pobo. Ademais, as malas colleitas e as dificultades no sector agrícola xeraron crises de subsistencia, facendo subir os prezos dos alimentos básicos, especialmente do pan.
Malestar social
A combinación de inflación, carestía e precariedade laboral deteriorou o nivel de vida das clases populares, provocando insatisfacción e tensión social crecente en cidades e vilas.
Crises externas
Impacto da Revolución francesa
O estoupido da Revolución francesa (1789) provocou temor entre as elites e a monarquía española. Para evitar o contaxio das ideas revolucionarias, prohibiuse a entrada de libros e periódicos estranxeiros, e incrementáronse os poderes da Inquisición, que perseguiu a numerosos ilustrados e defensores das reformas.
Conflitos internacionais
España viu complicadas as súas relacións exteriores, enfrontándose en distintos conflitos con Francia e Gran Bretaña, o que aumentou a presión sobre a economía e a política interna.
Lectura facilitada
Carlos IV (cuarto) e o inicio da crise (1788-1808) En 1788 subiu ao trono Carlos IV (cuarto) de España, sucedendo o seu pai, Carlos III (terceiro) de España.
O seu reinado coincidiu co inicio da crise do Antigo Réxime. En 1789 comezou a Revolución Francesa, que puxo fin á monarquía absoluta en Francia e influíu en toda Europa.
Durante os seus 20 anos de goberno, España viviu moitas dificultades.
Crises internas
Problemas económicos
Guerras constantes, sobre todo contra a Francia revolucionaria
Grandes gastos militares
Débedas herdadas do reinado anterior
Inflación e déficit do Estado
España estivo preto da bancarrota
Epidemias e malas colleitas Entre 1804 e 1809 houbo epidemias. As malas colleitas provocaron falta de alimentos. Subiu moito o prezo do pan.
Malestar social A vida fíxose máis difícil para as clases populares. Aumentaron a pobreza e a tensión social.
Crises externas
Impacto da Revolución Francesa A monarquía española tiña medo de que as ideas revolucionarias chegasen a España. Prohibíronse libros e periódicos estranxeiros. Aumentou o poder da Inquisición. Perseguíronse ilustrados e reformistas.
Conflitos internacionais España participou en guerras contra Francia e Gran Bretaña, o que empeorou a situación económica e política.
Audio
Deus bendiga América!
Non podemos esquecer que aínda que coa dinastía francesa se perderon os territorios europeos da Casa de Austria, aínda conservaban boa parte da herdanza da Monarquía Hispánica. Entre outros os territorios en América que se irán engrandecendo grazas os Pactos de familia con Francia.
O reformismo borbónico tamén se aplicou nos territorios americanos. Ao longo do século XVIII, os monarcas da dinastía Borbón buscaron reforzar o control político e económico sobre América co obxectivo de facer máis rendible o Imperio.
Buscaban administrar o seu territorio de maneira máis eficaz e aumentar os ingresos da Coroa, convertendo as colonias nunha fonte estable de metais preciosos e materias primas, ao tempo que se aseguraban de que América fose un mercado privilexiado para os produtos manufacturados españois.
Puxéronse en marcha diversas medidas económicas e administrativas
Traslado da Casa da Contratación
O traslado en 1717 da Casa da Contratación e do monopolio do comercio americano desde Sevilla a Cádiz, que estaba mellor situada e con mellores condicións portuarias, converteuse no principal centro comercial do Imperio.
Decreto de liberdade de comercio
En 1778, aprobouse o decreto de liberdade de comercio, que puxo fin ao monopolio exclusivo de Cádiz e permitiu que varios portos peninsulares —como Santander, Xixón, A Coruña, Málaga, Alacant ou Barcelona— puidesen comerciar directamente con distintos portos americanos. Esta apertura estimulou o intercambio comercial, favoreceu o crecemento económico dalgunhas rexións españolas e impulsou determinadas manufacturas, como o téxtil catalán.
Na administración tamén se levaron a cabo importantes reformas
Reorganización do mapa político americano
Para mellorar o control do territorio e facer máis eficiente a recadación de impostos, reorganizouse o mapa político americano. Creáronse dous novos vicerreinados: o de Nova Granada e o do Río da Prata, que se sumaron aos xa existentes de Nova España e Perú. Ademais, implantouse o sistema de intendencias, inspirado no modelo francés, co obxectivo de fortalecer a autoridade da Coroa e reducir o poder das elites locais.
Impulso da vida cultural en América
Tamén impulsaron a vida cultural en América. Fundáronse novas universidades e fomentaron expedicións científicas para estudar o territorio e os seus recursos naturais, estendeuse o uso da imprenta, axudando á difusión das ideas ilustradas, que acabarían favorecendo a creación dunha identidade propia entre as elites crioulas, que máis tarde liderarían os movementos independentistas.
Lectura facilitada
Coa chegada dos Borbóns, España perdeu os seus territorios en Europa, pero mantivo un gran imperio en América.
Extensión dos territorios de Carlos IV
O reformismo borbónico tamén se aplicou nos territorios americanos. Durante o século XVIII (dezaoito), os reis Borbóns intentaron controlar mellor os territorios americanos e aumentar as riquezas que chegaban á Coroa.
Medidas económicas e administrativas
Traslado da Casa da Contratación A Casa da Contratación trasladouse de Sevilla a Cádiz. Tamén pasou a Cádiz o control do comercio con América. Cádiz estaba mellor situada e tiña mellores portos. Por iso, converteuse no principal centro comercial do Imperio.
Decreto de liberdade de comercio En 1778, aprobouse o Decreto de liberdade de comercio. Desde ese momento, outros portos da Península puideron comerciar directamente con América. Esta apertura aumentou o comercio. Tamén favoreceu o crecemento económico dalgunhas zonas de España.
Reformas na administración americana
Reorganización do mapa político americano Tamén se fixeron reformas na administración. Para controlar mellor o territorio e recadar máis impostos, reorganizouse o mapa político de América. Creáronse novos vicerreinados para gobernar o territorio mellor.
Impulso da vida cultural en América Fundáronse novas universidades e organizáronse expedicións científicas. Tamén se estendeu o uso da imprenta, e difundíronse as ideas ilustradas. Co tempo, estas ideas favoreceron a creación dunha identidade propia entre as elites crioulas. Máis tarde, estas elites liderarían os movementos independentistas americanos.
Audio
Completa os problemas do reinado de Carlos IV
Le o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.