Saltar navegación

4. Redacción: elaborando o voso xornal

Últimas noticias! Chega a prensa libre!

Comeza o momento de poñerse na pel dunha auténtica redacción xornalística. Como reporteiro ou reporteira, terás que investigar, seleccionar a información máis relevante e contar os feitos desde o teu punto de vista. É hora de transformar todo o aprendido en noticias que expliquen unha época chea de revolucións, conflitos e novas ideas.

Organizando o reto

Persoas traballando en grupoEquipos e temas.

  1. Coa axuda da vosa profesora ou profesor formaredes grupos de 3 ou 4 membros.
  2. Cada grupo deberá traballar un tema:
    1. O tema será repartido ao chou entre os distintos grupos.
    2. Non se poderán repetir os temas.
    3. O medio de comunicación debe reflectir distintas sensibilidades, tendencias políticas ou ámbitos da vida. Aquí tedes algunhas propostas: de tendencia absolutista; de tendencia liberal; do partido Xirondino; do partido Xacobino; das 13 colonias británicas en América; Arte e Cultura do século XVIII.
  3. Repartiredes o traballo entre os membros do grupo. Lembrade que nos medios de comunicación hai: redactores, investigadores, fotógrafos, ilustradores, presentadores,... todas as tarefas son importantes e a colaboración de todos fundamental!
  4. Elaboraredes un guión previo para o voso traballo. Non vos esquezades de ensinarllo á vosa profesora ou profesor para corrixir os posibles erros!

Debuxo dun xornalUn xornal en papel ou dixital.

Os quioscos das nosas cidades e vilas énchense de xornais diarios, revistas semanais, publicacións mensuais ou anuais, etc, que ofrecen noticias con datos obxectivos, mais cunha liña editorial que reflicte a ideoloxía dos seus directivos. 

Buscade algún xornal en papel e dixital e observade a súa estrutura. Veredes que son diferentes e teñen distintas seccións: Portada, Contraportada, Mundo, Nacional, Local, Cultura, Opinión, Necrolóxicas, Entretemento, Anuncios,... Escollede as que queredes que formen parte do voso traballo.

Para elaborar os artigos do periódico, debedes ter en conta que sempre ten un titular, subtitular, corpo e pode levar foto ou fotos (pé de foto). O tamaño da letra e a letra negra axudan a diferenciar cada unha das súas partes, destacando a súa importancia.

Un xornal, que se prece, debe ter un nome rechamante. Non esquezades escribir en columnas e adaptar os artigos a estes espazos.

Respectar a vosa liña editorial é fundamental, así como identificar o Equipo de Redacción: quen é o director, o editor, o redactor, os colaboradores, os fotógrafos,...

Para o voso periódico dixital podedes empregar o programa GooDocs, con diversos deseños para elaborar un xornal.

Tamén podedes empregar modelos para Libre Office.

Mirade estes periódicos da época! Daranvos unha pista de como facer o voso traballo!

Portada do xornal
Sección dun xornal francés nos inicios da Revolución Francesa

Non esquezades difundir o voso traballo! Non esquezades incluír que é unha edición non venal!

Aparato receptor de radioUn programa de radio.

Pictograma que representa a dúas persoas facendo un programa de radio

Cando ides no coche coas vosas familias, seguro que tedes escoitado a radio para facer a viaxe máis entretida. En xeral, preferimos a música, mais en ocasións quedamos pendentes dalgún programa que nos fala da actualidade, das novas locais, provinciais, autonómicas ou nacionais. Pode ser un programa de últimas noticias, de actualidade, de debate, etc.

Os aspectos que debedes ter en conta para elaborar o voso programa de radio son:

  1. Familiarizarvos con este medio de comunicación, escoitade distintas cadeas de radio. Ao igual que os periódicos, teñen distintas liñas editoriais, en función das ideas dos seus propietarios, aínda que non sexan rigorosos coas noticias.
  2. Escollede un nome para o voso programa de radio.
  3. Investigade sobre os distintos tipos de programa e escollede un para o voso tema.
  4. Elixide temas para o voso programa (o traballado neste REA será de moita axuda).
  5. Creade un guión e os contidos das vosas noticias. Non esquezades escoller música e publicidade para intercalar entre as vosas noticias.
  6. Non esquezades repartir as tarefas do voso equipo: presentador, produtor, operador, etc.
  7. Gravade o voso programa, cunha voz nidia e radiofónica.
  8. Emitídeo pola radio do voso centro. Sorte na emisión!

MicrófonoOu un pódcast.

Non debemos confundir un pódcast cun programa de radio. Mentres o primeiro está pregravado, audible en calquera momento, a radio é un medio vivo, cuxos programas emítense nun horario fixo e cun alcance xeográfico determinado.

Para a elaboración dun pódcast debedes:

  1. Contar cun espazo de gravación. Os equipos de radio dos vosos centros poden ser lugares axeitados.
  2. Ter algo que contar. Que vos parece algún revolucionario ou algunha revolución?
  3. Creade un texto que sexa impactante aos oídos dos vosos potenciais oíntes.
  4. Buscade pódcast de historia na rede, non para copialos, senón para darvos unha idea do que podedes facer.
  5. Formulade os vosos obxectivos.
  6. Elixide o tema e a vosa idea.
  7. Precisades un formato de pódcast: entrevistas, monólogos, conversacións de grupo ou narracións documentais. A duración do mesmo pode rondar os 5 minutos.
  8. Creade unha identidade propia para o voso pódcast: voz, música...
  9. A gravar o voso pódcast e a compartilo.

Existen diversos programas de uso libre. Un dos máis usados é Audacity

Pois, mans á obra. Dar a coñecer os revolucionarios e os seus logros está ao alcance da vosa voz. Atrevédesvos?

O voso xornal non está destinado á venda comercial, é dicir, non podedes cobrar por el.

Lectura facilitada

Chegou o momento de convertervos nunha auténtica redacción xornalística.
Como reporteiros e reporteiras, teredes que investigar,
seleccionar a información máis importante

Organizando o reto

Equipos e temas

  • Formaredes grupos de 3 ou 4 persoas.
  • Cada grupo traballará un tema diferente.
  • Os temas repartiranse ao chou e non se poderán repetir.
  • Repartiredes as tarefas entre os membros do equipo.
  • Elaboraredes un guión previo e amosarédelo á profesora ou ao profesor.

O voso medio de comunicación deberá representar unha liña editorial.

Algúns exemplos son:

  • absolutista
  • liberal
  • xirondina
  • xacobina
  • das trece colonias británicas en América
  • de arte e cultura do século XVIII (dezaoito)

Produto final

Que produto podedes crear?

  • un xornal
  • un programa de radio
  • un pódcast
  • Se escolledes un xornal
    • Buscade exemplos de xornais.
    • Escollede un nome rechamante.
    • Decidide as seccións.
    • Redactade noticias con titular, subtitular e corpo.
    • Podedes engadir fotografías ou ilustracións.
    • Indicade quen forma parte do equipo de redacción.
  • Se escolledes un programa de radio
    • Escoitade distintos programas de radio.
    • Escollede un nome.
    • Preparade un guión.
    • Repartide os papeis do equipo.
    • Gravade o programa cunha voz clara.
  • Se escolledes un pódcast
    • Escollede un tema.
    • Preparade un texto atractivo.
    • Decidide o formato.
    • Creade unha identidade propia con voz e música.
    • Gravade e compartide o voso pódcast.

Non esquezades difundir o voso traballo.

Como se avalía o voso reto?

Rúbrica para a avaliación do reto
 ExcelenteNotableBenInsuficiente
ContidoOs feitos históricos, políticos e sociais están recollidos e relacionados entre si, ofrecendo unha explicación dos mesmos. (4)Os feitos históricos, políticos e sociais están recollidos e relacionados parcialmente, cunha explicación xeral dos mesmos. (3)Recóllense algúns feitos históricos, pero con pouca relación entre eles ou con explicación limitada. (2)Os feitos históricos son escasos, incorrectos ou non están relacionados nin explicados. (1)
DeseñoO xornal, programa de radio ou pódcast está ben estruturado, reflicte unha posición política histórica e o tratamento da información é rigoroso. (2)O produto está estruturado correctamente e reflicte unha posición política, aínda que con menor rigor ou coherencia. (1.5)O produto presenta unha estrutura básica, con pouca coherencia ou escasa identificación da posición política. criterios establecidos no reto. (1)O produto está desorganizado, contén información pouco rigorosa ou insuficiente e non permite identificar con claridade ningunha tendencia política do século XVIII. (0,5)
Ortografía e gramáticaO produto informativo está ben escrito, emprega un vocabulario axeitado. (1.5)Presenta poucos erros ortográficos ou gramaticais e o vocabulario é adecuado. (1.25)Presenta varios erros ortográficos ou gramaticais que non dificultan totalmente a comprensión. (1)Presenta numerosos erros ortográficos ou gramaticais que dificultan a comprensión. (0.5)
ClaridadeA información está presentada dun xeito claro e conciso, tratando todos os puntos clave. (1.5)A información é clara e trata a maioría dos puntos clave. (1.25)A información é pouco clara ou faltan algúns puntos importantes. (1)A información é confusa e non trata os puntos clave. (0.5)
Traballo en grupoO alumno / a alumna traballou en grupo de xeito correcto, realizando todas as tarefas asignadas e apoiando aos seus compañeiros / as súas compañeiras. (1)O alumno / a alumna participou no traballo en grupo e realizou a maioría das tarefas asignadas. (0.75)O alumno / a alumna participou de forma limitada e realizou só parte das tarefas. (0.5)O alumno / a alumna apenas participou no traballo en grupo ou non realizou as tarefas asignadas. (0.25)

Elaboración propia (proxecto cREAgal). Rúbrica para a avaliación do reto (CC BY-NC-SA)

  • Actividade
  • Nome
  • Data
  • Puntuación
  • Notas
  • Reiniciar
  • Imprimir
  • Aplicar
  • Nova xanela

Na redacción: peche de edición

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Para pechar este apartado, acudide ao voso diario de aprendizaxe e reflexionade sobre a experiencia realizando o reto e o traballo en grupo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)