Construción pensada para efectuar a fusión e redución de minerais de ferro para a fundición e fabricación de pezas. Durante a primeira fase da Revolución Industrial, a súa aplicación foi un dos grandes motores do cambio na industria siderúrxica.
Exemplo:
Un alto forno utiliza o carbón de coque como fonte de enerxía e o mineral de ferro para fabricar pezas.
División do traballo
Definición:
Sistema de organización do traballo no que cada persoa realiza unha tarefa específica dentro do proceso de produción.
Exemplo:
Na fábrica aplicábase a división do traballo para producir máis rápido e con maior eficiencia.
Estaleiros
Definición:
Lugar onde se constrúen, reparan e manteñen barcos.
Exemplo:
Durante a Revolución Industrial, os estaleiros creceron grazas ao aumento do comercio marítimo.
Investimentos
Definición:
Emprego de diñeiro ou recursos nun proxecto ou actividade coa intención de obter beneficios no futuro.
Exemplo:
A construción do ferrocarril requiriu grandes investimentos para desenvolver as novas infraestruturas.
Sociedade estamental
Definición:
A sociedade estamental caracterizou a Idade Media e Moderna. Estaba formada por grupos sociais pechados chamados estamentos (nobreza, clero e terceiro estado), aos que se accedía por nacemento.
Exemplo:
Na sociedade estamental do Antigo Réxime, a nobreza e o clero tiñan privilexios, mentres que o terceiro estado pagaba a maior parte dos impostos.
Economía: a todo vapor!
Viaxe inaugural do ferrocarril de Liverpool a Manchester
Logo de que analicedes as revolucións políticas dos séculos XVIII e século XIX , (Independencia das trece colonias británicas, a revolución Francesa, as revolucións liberais...) seguro que xa tedes claro que ningunha revolución é, en realidade, o resultado dun instante, dun único feito histórico. Efectivamente, o detonante do que falan os historiadores e os seus libros adoita ser ese instante no que converxen profundos cambios radicais que modifican as estruturas sociais, políticas, económicas ou culturais dunha sociedade nun longo período de tempo.
A Revolución Industrial xorde no norte e centro de Inglaterra, cara a mediados do século XVIII , ante as necesidades militares e imperialistas do país. Á expansión do Imperio británico vanse unir as melloras na agricultura, o sector metalúrxico, téxtil, os estaleiros, a química, etc.
Dende as illas británicas, a industrialización vaise estender pola Europa occidental-continental, EUA e Xapón.
É que non había industria antes do ano 1760, momento no que se inicia a revolución? Volvemos ao noso instante histórico. En realidade, a Revolución Industrial foi un proceso longo, iniciado no século XVII .
Poderiamos definir esta nova era como una etapa revolucionaria, tecnolóxica, transformadora, económica e social .
Cales foron os piares desta revolucionaria transformación?
Lectura facilitada
A Revolución Industrial xorde no norte e centro de Inglaterra a mediados do século XVIII (dezaoito).
Os ingleses necesitaban as industrias para manter o seu Imperio.
Produciranse melloras na agricultura, o sector metalúrxico, téxtil, os estaleiros, a química...
A industrialización vaise estender pola Europa occidental-continental, EUA e Xapón.
Cales foron os piares desta revolucionaria transformación?
Audio
Cales foron os piares desta revolucionaria transformación?
A cidade: un rostro salvaxe
A literatura do século XIX deixounos curiosos retratos de cidades industriais como París, Londres ou Manchester. O escritor inglés, Charles Dickens, converteu a estas cidades en protagonistas das súas novelas, en personaxes vivos que falan da súa deshumanización e da súa escuridade.
Que mellor que un exemplo!
Era unha cidade de ladrillos encarnados, ou máis ben de ladrillos que serían colorados, se o fume e as cinzas o permitiran; mais tal como estaba, era unha cidade dun vermello e dun negro pouco natural, como o pintado rostro dun salvaxe. Era unha cidade de máquinas e de altas chemineas, de onde saían sen descanso interminables serpes de fumareda, que se deslizaban pola atmosfera sen desenroscarse nunca do todo. Tiñan unha canle escura e un arroio que levaba unha auga enturbada por un mollo fétido, e existían vastas construcións,
furadas por xanelas, que resoaban e retumbaban todo o santo día, mentres o pistón das máquinas de vapor subía e baixaba monotonamente, como a cabeza dun elefante enfermo de melancolía. Contaba a cidade de varias rúas grandes, que se parecían entre si, e de infinitas calellas aínda máis parecidas unhas a outras, habitadas por xentes que se parecían igualmente, que entraban e saían ás mesmas horas, que pisaban de igual modo, que ían facer o mesmo traballo, e para quen cada día era idéntico ao anterior e ao de despois, e cada ano o vivo reflexo do que lle precedía e do que ía seguirlle.
Charles Dickens, Tempos difíciles (1854). Adaptación propia (proxecto cREAgal).
Un lugar de traballo chamado fábrica
O sistema fabril, da primeira fase da Revolución Industrial, substituíu os obradoiros manuais, transformaron a produción artesanal en industrial, atraendo a obreiros e máquinas, principalmente nos sectores téxtil, siderúrxico e mineiro cara ás cidades. Estas primeiras industrias, caracterizadas polo uso da máquina de vapor e o carbón, proliferaron en Reino Unido e logo en Europa, provocando o éxodo rural e a división do traballo.
As fábricas construiranse preto de ríos (para producir enerxía hidráulica), dos xacementos de carbón e nas proximidades dos centros urbanos, que lles proporcionaban man de obra e vías de comunicación (o ferrocarril) para o traslado dos seus produtos.
Eran grandes edificios insalubres, escuros, inseguros, cheos de máquinas que se movían coa forza da auga ou do carbón.
Non semellan lugares atraentes para ir de visita, verdade? Botádelle unha ollada a este testemuño...
O cabalo de ferro e vapor: o ferrocarril
Seguro que algunha vez viaxastes en tren. Nas grandes cidades e vilas galegas podemos achegarnos ás estacións de tren e viaxar pola península ou transbordar a longas viaxes por Europa. O ferrocarril pode transportar pasaxeiros ou mercadorías; levarnos a percorrer o mundo en viaxes de luxo, en trens turísticos ou de baixo custe. Mais a súa historia non é moi longa, nin sempre foi así. Na súa orixe o transporte polas vías de ferro limitábase ao transporte de vagonetas no interior das minas.
A mediados do século XVIII , coa aparición da máquina de vaporprocuráronse aplicacións ao mundo do transporte. Foi o enxeñeiro británico George Stephenson o que perfeccionou a locomotora de vapor e construíu a primeira liña férrea do século XIX, que uniu as cidades industriais de Manchester e Liverpool. Nacía así un novo medio de transporte que permitía percorrer longas distancias, transportando maior carga e persoas, que nos transportes terrestres existentes ata o momento e en menos tempo. Toda unha revolución!
A construción do ferrocarril recibiu fortes investimentos que permitiron o seu rápido desenvolvemento en Inglaterra, Francia, Alemaña ou Bélxica. En España tivemos que esperar ata 1848 para a inauguración da primeira liña de ferro de Barcelona e Mataró.
Que sensación causaría aquel primeiro ferrocarril? Imaxinades? Que velocidade!
Semella que o escritor francés Victor Hugo, si que o impresionou viaxar no tren. Lede as súas palabras:
Reconcilieime cos ferrocarrís (...) Eu fixen onte o percorrido entre Anvers e Bruxelas e o retorno. Partín ás catro horas e dez minutos e regresei ás oito e cuarto (...) a velocidade é sorprendente (...) as árbores danzan (...) É preciso moito esforzo para non imaxinarse que o cabalo de ferro é un animal verdadeiro. Óeselle (...) súa, treme, asubía, relincha, desbócase ... Lanza ao longo do camiño un excremento de carbóns ardentes e uns ouriños de auga fervendo (...) e o seu alento flota sobre as vosas cabezas en belas nubes de fumareda branca.
Victor Hugo: Viaxe a Bélxica (1837). Adaptación propia (proxecto cREAgal).
E non deixedes de ver este vídeo. Unha curiosa viaxe no "cabalo de ferro" do que fala Víctor Hugo.
Importante: o vídeo abre en inglés. Se non vos animades a escoitalo en versión orixinal, lembrade escoller no menú a tradución ao castelán.
Chega a mobilidade social!
Morra a sociedade estamental! Viva a sociedade de clases!
O Antigo Réxime chega ao seu fin. A Revolución Industrial transforma a sociedade estamental nunha sociedade de clases, no que a posición social está determinada pola riqueza, os ingresos e as propiedades e non polo nacemento.
Neste momento da historia aparece, por unha banda, a burguesía industrial, como clase poderosa, formada polos propietarios das fábricas, dos bancos e dos medios de produción e, doutra banda, o proletariado industrial, a man de obra, obreiros que traballaban longas xornadas a cambio de baixos salarios, en condicións moi duras e inseguras e que vivían en barrios insalubres.
Outro xeito de desigualdades que levará os obreiros a loitar polos seus dereitos asociándose, manifestándose ou coas folgas.
Sempre se cita que foi James Watt o seu inventor, mais non é certo. É o resultado de diversos avances. O citado enxeñeiro escocés patentouna no ano 1769 e perfeccionouna para súa aplicación aos mecanismos industriais.
Está considerado "o pai dos ferrocarrís", que a súa locomotora máis famosa, chamada "Rocket", foi deseñada polo seu fillo Robert e que a primeira liña férrea era pública?
Entre as dúas cidades hai 30 quilómetros de distancia; que ese tramo de vía segue existindo na actualidade e que foi proxectada polo empresario Miguel Biada, un indiano nacido en Mataró.
A sociedade estamental caracterizou a Idade Media e Moderna. Estaba formada por grupos sociais pechados chamados estamentos (nobres, clero e terceiro estado), aos que se accedía por nacemento. Era un sistema moi inxusto e desigual, no que os ricos non pagaban impostos e o terceiro estado non participaba na política e pagaba impostos.
Lectura facilitada
1.- As cidades
Había grandes cidades como París, Londres ou Manchester.
As cidades proporcionaban man de obra e vías de comunicación (o ferrocarril)
para o traslado dos produtos elaborados nas fábricas.
2.- As fábricas
O sistema fabril substituíu os obradoiros manuais.
As industrias concentráronse en Reino Unido e Europa continental.
As fábricas construiranse preto de ríos, dos xacementos de carbón e dos centros urbanos.
Eran grandes edificios insalubres, escuros, inseguros,
cheos de máquinas que se movían coa forza da auga ou do carbón.
As máquinas movíanse coa enerxía do vapor e o carbón.
As fábricas atraían obreiros e máquinas.
Os sectores industriais, que destacaron, foron o téxtil o siderúrxico e o mineiro.
Provocaron o éxodo rural e a división do traballo.
3.- O ferrocarril
O ferrocarril pode transportar pasaxeiros, levarnos de viaxe ou trasladar mercadorías.
O transporte polas vías de ferro, ao principio, era para o transporte de vagonetas no interior das minas.
No século XVIII (dezaoito) creouse a máquina de vapor de James Watt.
O enxeñeiro británico George Stephenson aplicou a máquina de vapor á locomotora.
A máquina desprazábase por vías férreas.
A primeira vía férrea uniu as cidades industriais de Manchester e Liverpool.
A construción do ferrocarril recibiu fortes investimentos
que permitiron o seu rápido desenvolvemento en Inglaterra, Francia, Alemaña ou Bélxica.
En España tivemos que esperar ata 1848 (mil oitocentos corenta e oito)
para a inauguración da primeira liña de ferro de Barcelona e Mataró.
4.- Mobilidade social
Coa Revolución Industrial aparecen novos grupos sociais:
A burguesía industrial era a clase poderosa,
formada polos propietarios das fábricas, dos bancos e dos medios de produción.
O proletariado industrial era a man de obra,
obreiros que traballaban longas xornadas.
Os obreiros traballaban a cambio de baixos salarios.
O traballo eran en condicións moi duras e inseguras.
Vivían en barrios insalubres.
Os obreiros loitaron contra as desigualdades asociándose.
Os obreiros tamén manifestábanse.
As folgas eran unha forma de protesta.
Audio
Xogos e pasatempos: sopa de letras revolucionaria
2
Logo do visionado destes breves vídeos e a lectura destes fragmentos literarios, serías quen de atopar as dez palabras ocultas?
Opinión: a primeira traxedia ferroviario da historia
Agrupamento: 4-6 persoas
A alta velocidade da máquina Rocket provoca o primeiro accidente ferroviario da historia.
Un tremendo descoido provoca a primeira vítima mortal da “máquina de ferro a vapor” na sesión inaugural da Liverpool and Manchester Railway (L&MR). Unha auténtica traxedia.
Xornal Sarita, Sección Internacional/Sucesos. Xoves, 16 de setembro de 1830
Axencia Galega
No día de onte, a que debería ter sido unha xornada festiva, converteuse nunha traxedia sen igual. Ducias de miles de persoas reuníronse para contemplar como oito máquinas locomotoras arrastraban varios espléndidos vagóns que lembraban ás carruaxes de cabalos coas que chegaron os pasaxeiros á estación. Presidía esta sarta de caixóns rectangulares sobre rodas, a locomotora Northumbria, conducida por George Stephenson, fundador da empresa construtora das primeiras máquinas ferroviarias.
O Duque de Wellington, non quixo perderse tan grandioso acontecemento e viaxaba no interior dos vagóns como convidado de honra na inauguración da primeira liña férrea interurbana, entre as cidades británicas de Liverpool e Manchester, propulsada pola forza do vapor. Acompañaban o Primeiro Ministro, o señor Peel, Secretario de Estado e os persoeiros máis destacados da sociedade e da política británica.
A comitiva partiu de Liverpool e fixo unha escala técnica a 17 millas para aprovisionar de combustible e auga as caldeiras. A locomotora capitá foi situada nunha liña paralela, o que permitiu ao duque de Wellington gozar dun xeito diferente do novo logro do seu país. Algúns pasaxeiros baixaron a estirar as pernas e liberar a tensión acumulada pola alta velocidade acadada.
O Sr. Huskinsson (que estaba convalecente dunha operación e era un pouco zoupón) baixouse da carroza e estaba de pé alén da estrada xunto á cal se vía xurdir rapidamente a locomotora “The Rocket”. Nese momento, o Duque de Wellington, cuxa amizade co Sr. Huskinsson arrefriárase un pouco, fixo un sinal de recoñecemento e tendeulle a man. Déronse un rápido pero amigable saúdo, e antes de que soltasen as súas mans oíuse un berro entre os transeúntes: “Apártese, apártese!”. Axitado e confuso o Sr. Huskinsson tentou rodear a porta aberta da súa carruaxe […], pero ao facelo foi golpeado por “The Rocket” caendo cunha perna dobrada sobre o raíl. A perna resultou esnaquizada no acto. As súas primeiras palabras ao ser levantado foron “vou morrer”, que desgraciadamente resultaron certas, debido a que faleceu esa mesma tarde na casa parroquial de Eccles. Naqueles días comentouse como algo digno de mención que a locomotora “Northumbrian”, conducida en persoa por George Stephenson, transportou o corpo ferido do desventurado cabaleiro a unha distancia duns 25 quilómetros en 25 minutos, isto é á velocidade de 60 quilómetros por hora.
Samuel SMILES, As vidas dos enxeñeiros. Volume 5: La Locomotora - George Stephenson e Robert Stephenson (1862). Adaptación propia (proxecto cREAgal)
Se lle fixese caso ao seu médico outro galo cantaría e, seguramente, estaría gabándose de ter participado de tan grandiosa celebración no club privado The Athenaeum (en Church Alley).
A pesar deste contratempo, estamos seguros de que Inglaterra se converterá no “obradoiro do mundo”, motor dunha revolución dos sistemas de produción, da maquinaria, das fábricas... moi superior ás do vello e decrépito continente europeo.
Que tipo de artigo é o documento aquí recollido?
Credes que é verosímil a historia que conta? Organizádevos en dous grupos (a favor e en contra) tentade argumentar a vosa opinión.
Que personaxes históricos menciona o texto e cales eran os seus cargos ou a súa posición social?
Que importancia tivo o Duque de Wellington na historia da Francia do século XIX?
Descubride a equivalencia dunha milla e calculade a que distancia de Liverpool tivo lugar o fatídico accidente?
Ten razón o autor ou autora do texto no seu parágrafo final?