Saltar navegación

3.2. Súbditos ou cidadáns?

 

Glosario

Abolir

Pictograma dunha lei riscado

Definición:

Eliminar ou suprimir algo de forma oficial, como unha lei ou unha institución.

Exemplo:

O rei decidiu abolir o Parlamento e gobernar sen contar con el.

Alta traizón

Pictograma que representa un delito

Definición:

Delito moi grave contra o Estado, o reino ou a autoridade política.

Exemplo:

Carlos I foi xulgado e declarado culpable de alta traizón.

Concesións

Pictograma que representa dúas persoas cambiando cousas

Definición:

Cousas que unha persoa acepta ceder ou cambiar para chegar a un acordo.

Exemplo:

A incapacidade do rei para facer concesións agravou o conflito.

Decapitado

Pictograma que representa unha cabeza

Definición:

Executado cortándolle a cabeza.

Exemplo:

Carlos I foi decapitado en Londres en 1649.

Inimigo público

A imaxe representa un cartel de busca dun inimigo público

Definición:

Persoa considerada perigosa ou contraria ao ben común e ao conxunto da sociedade.

Exemplo:

Na sentenza, o rei foi presentado como inimigo público.

Pena capital

Pictograma dun ataúde

Definición:

Castigo que consiste en condenar unha persoa á morte.

Exemplo:

A sentenza contra Carlos I foi a pena capital.

Tirano

Icona que representa a unha persoa manexando monicreques que representan outras persoas

Definición:

Persoa que goberna con abuso de poder, sen respectar dereitos nin leis.

Exemplo:

Os parlamentarios acusaron o rei de actuar como un tirano.

Era visto: as revolucións e a fin do Antigo Réxime

O Antigo Réxime caracterizouse pola forma de goberno absolutista das monarquías. Pero o absolutismo baséase nun fráxil equilibro no que todo o poder é exercido por un rei ou raíña, apoiado por un pequeno grupo de gobernantes -a nobreza- e apoiado por argumentos superiores que xustifican esta distribución social ofrecidos por outro grupo privilexiado -o clero. Non é máis que a adaptación da pirámide feudal que xa coñecedes de cursos pasados, na que os traballadores (campesiños, burgueses e artesáns) sosteñen co seu traballo e impostos aos outros grupos.

Pirámide estamental que mostra ao rei no cumio, seguido dos estamentos privilexiados da nobreza e o clero, e apoiados polo estamento non privilexiado dos traballadores.

Pero, que pasa cando ese equilibrio se rompe? Que ocorre cando chega unha crise económica, unha crise agraria ou as guerras golpean a poboación, que ve como aumentan os impostos e non chega a comida? Pois isto é o que ocorreu no século XVIII. Neste apartado estudaredes as dúas revolucións máis importantes deste século. Dúas revolucións que marcaron a fin dunha era da Historia e deron comezo á Idade Contemporánea, na que aínda estamos.

Pero como se di habitualmente non hai nada novo baixo o sol, e xa no século anterior houbo un episodio que permitía ver por onde ían ir as cousas unhas décadas despois. Imos un momento a Inglaterra.

Lectura facilitada

  • O Antigo Réxime baséase na sociedade feudal:
    • O rei e a nobreza ocupan a parte superior da pirámide, seguidos do clero.
    • Os traballadores ocupan a base da pirámide e co seu traballo soportan os estamentos superiores.
  • As crises rompen o fráxil equilibrio, e no século XVIII (dezaoito) desaparece o sistema feudal.

O rei Carlos I perde a cabeza!

Entre 1642 e 1648, produciuse unha Primeira Guerra Civil en Inglaterra. A monarquía inglesa era absolutista, pero unha característica deste reino é que dende a Idade Media contaba cun Parlamento no que había representación política dese terceiro estamento: a Cámara dos Comúns. O Parlamento completábao a Cámara dos Lores, onde tiñan dereito a asistir os membros da nobreza. O rei Carlos I decidiu abolir o Parlamento e gobernou once anos exercendo o poder absoluto. Esta decisión desencadeou un importante descontento político e social, desembocando nunha guerra civil entre dous bandos: o parlamentarista e o realista. Ao mando do exército parlamentarista estaba Oliver Cromwell, que tras acadar importantes vitorias remataría por gañar a guerra en 1648. A incapacidade do rei de facer concesións levou inmediatamente a unha Segunda Guerra Civil, que rematará cunha nova derrota real. Os parlamentarios, desexando castigar duramente o rei por ter levado ao país a unha segunda guerra civil, xulgárono e foi declarado culpable de alta traizón como tirano, traidor, asasino e inimigo público. A sentenza foi a pena capital: o 30 de xaneiro de 1649, Carlos I de Inglaterra era decapitado en Londres, sentando así un precedente para o que ocorrerá en Francia máis de cen anos despois. Pero non convén adiantar acontecementos.

Lectura facilitada

  • Inglaterra tiña unha monarquía parlamentaria dende o século XIII (trece).
  • O poder do rei estaba limitado polo Parlamento, e os seus membros gozaban de certos dereitos por riba da autoridade real.
  • O rei Carlos I (primeiro) decidiu disolver o Parlamento, o que levou a unha guerra civil entre un exército real e un exército do Parlamento.
  • O exército real perde a guerra. O rei négase a aceptar as esixencias do Parlamento e é xulgado e decapitado.
  • Tras un período republicano liderado por Oliver Cromwell, Inglaterra volverá a ser unha monarquía.
  • O novo rei será o fillo de Carlos I (primeiro), Carlos II (segundo).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)