Sistema no que o poder se concentra nun único goberno ou autoridade.
Exemplo:
Os Decretos de Nova Planta reforzaron a centralización do poder.
Descendencia
Definición:
Fillos ou fillas que deixa unha persoa.
Exemplo:
Como Carlos II non tivo descendencia, xurdiu un problema sucesorio.
Eivas
Definición:
Defectos ou problemas que dificultan o desenvolvemento normal dunha persoa ou situación.
Exemplo:
Carlos II tiña graves eivas físicas e de saúde.
Equilibrio de poder
Definición:
Situación na que varios países teñen unha forza semellante e ningún domina aos demais.
Exemplo:
No século XVIII buscábase manter o equilibrio de poder en Europa.
Trocamos uns cromos?
A dinastía dos Habsburgo ou Austrias, chega ao seu fin por unha serie de adversidades arrastradas desde o inicio da dinastía e que conflúen na persoa de Carlos II de España e no final do século XVII.
Carlos foi o último rei da casa de Austria da Monarquía Hispánica. Subiu ao trono entre 1665 e 1700, tras a morte do seu pai Filipe IV, herdando o trono e as consecuencias da fin do seu reinado.
A Monarquía Hispánica, en alianza coa Casa de Austria, participou na Guerra dos Trinta Anos, un conflito europeo moi longo e custoso, do que saíu moi prexudicada. En 1648, coa Paz de Westfalia, España recoñeceu a independencia das Provincias Unidas (actual Holanda). Isto foi un golpe para o poder español que perdía un territorio clave no dominio europeo polo que tiña loitado desde o século XVI.
Paralelamente a eses conflitos, Cataluña e Portugal buscaron a súa independencia da monarquía católica, de xeito xa irreversible a segunda, xunto con todos os territorios de ultramar.
Ademais, produciuse un cambio no equilibrio de poder en Europa, a unión das coroas peninsulares nas persoas de Filipe II, III e IV, desfíxose e agora será Francia o reino dominante europeo. A coroa española perdeu territorios fronte a Francia tras a Paz dos Pireneos, na que se acordou entregar a Francia os territorios do Rosellón, o Conflent, o Vallespir e unha parte da Cerdaña. Estas terras estaban situadas ao norte dos Pireneos e foran ocupadas polo exército francés para apoiar a revolta catalá, que foi custosamente recuperada aínda que mutilada. Desde ese momento, a fronteira entre España e Francia quedou establecida seguindo a liña dos Pireneos.
Xunto con esta herdanza, Carlos, tiña graves problemas de saúde, motivados polo costume da dinastía austríaca de casar entre curmáns. As eivas que o sangue da súa familia arrastraba, provocaron na súa persoa graves dificultades físicas e tamén intelectuais. Non se pensou na súa educación na súa infancia, xa que non estaba destinado ao trono. O herdeiro era o príncipe Baltasar Carlos. A súa morte temperá deixou o poder hispánico en mans de Carlos. Un poder que non quería nin para o que estaba capacitado. Debido aos seus problemas físicos, non tivo fillos, o que provocou un gran problema: quen sería o seguinte rei?
O estudo do período de Carlos II mostra que este monarca da casa dos Habsburgo non foi un mal rei. Aínda que tiña un aspecto pouco agraciado e unha saúde delicada, non era nin incapaz nin preguiceiro; ao contrario, era consciente das súas responsabilidades como gobernante. Só recentemente comezou a cuestionarse a imaxe tradicional difundida polos franceses, que presentaba a España do seu reinado como un país empobrecido, atrasado e en decadencia. Ao non ter descendencia, Carlos II fixo testamento pouco antes de morrer. Nomeou como herdeiro a Filipe V, neto do rei francés Luís XIV.
As restantes potencias europeas non viron con bos ollos esta decisión. Temían que Francia e España se unisen baixo a mesma dinastía, o que provocaría un desequilibrio de forzas no continente. Isto foi a causa principal que provocou a Guerra de Sucesión Española, entre 1700 e 1714.
Ao fin da Guerra, Filipe V foi recoñecido como rei, pero o novo monarca perdeu os territorios en Europa quedando reducidos os seus dominios á Península, salvo Xibraltar, e os territorios americanos e asiáticos. Dese xeito comezou unha nova etapa: a dinastía dos Borbóns que substituíu aos Austrias, reinando en España ata hoxe, aínda que de xeito intermitente.
Lectura facilitada
O final dos Austrias en España A dinastía dos Casa de Habsburgo (tamén chamados Austrias) terminou no século XVII (dezasete). O último rei foi Carlos II (segundo) de España. Gobernou entre 1665 e 1700, despois da morte do seu pai, Filipe IV (cuarto) de España.
España xa viña arrastrando moitos problemas políticos, económicos e militares.
Guerras e perdas de territorios España participou na Guerra dos Trinta Anos, un conflito moi longo e moi custoso. En 1648 España recoñeceu a independencia das Provincias Unidas (actual Holanda). Isto significou perder un territorio moi importante en Europa.
Tamén houbo revoltas internas:
Cataluña rebelouse.
Portugal separouse definitivamente de España.
Francia converteuse na nova gran potencia europea. Coa Paz dos Pireneos, España tivo que ceder territorios a Francia. Desde ese momento, a fronteira quedou fixada nos Pireneos.
Os problemas de Carlos II (segundo) Carlos II (segundo) tiña graves problemas de saúde. Isto debeuse aos matrimonios entre familiares dentro da dinastía. Carlos non tivo fillos. Isto creou un gran problema: quen sería o seguinte rei? Hoxe sábese que non foi un rei incapaz. A idea de que España estaba totalmente en decadencia foi moi difundida polos franceses.
A Guerra de Sucesión Antes de morrer, Carlos II (segundo) deixou como herdeiro a Filipe V (quinto) de España, neto do rei francés Luís XIV (catorce). Outros países europeos non aceptaron esta decisión. Isto provocou a Guerra de Sucesión Española (1700-1714). Ao final da guerra, Filipe V (quinto) foi recoñecido como rei, pero España perdeu moitos territorios en Europa. Conservou a Península (excepto Xibraltar) e os territorios de América e Asia.
Unha nova etapa Con Filipe V (quinto) empezou unha nova dinastía en España: os Borbóns. Os Borbóns substituíron aos Austrias e seguen reinando en España na actualidade.
Audio
Apoio visual
Novo rei, novas leis
Os Decretos de Nova Planta foron un conxunto de leis aprobadas por Filipe V entre 1707 e 1716, tras a súa vitoria na Guerra de Sucesión Española. Estes decretos supuxeron unha profunda transformación política na monarquía hispánica e marcaron o inicio dun modelo de Estado máis centralizado e uniforme.
Durante a Guerra de Sucesión, os territorios da antiga Coroa de Aragón —Aragón, Valencia, Cataluña e Mallorca— apoiaran maioritariamente o arquiduque Carlos de Austria, rival de Filipe V. Cando este último se consolidou como rei, decidiu castigar estes territorios pola súa oposición. Para iso, suprimiu os seus foros, é dicir, os seus privilexios e leis propias, así como as súas institucións políticas tradicionais, como as Cortes e os órganos de goberno.
Ata ese momento, coa dinastía dos Austrias, a monarquía funcionaba como unha “monarquía composta ou sinodal”: cada territorio conservaba as súas leis, costumes e institucións, aínda que todos obedecían o mesmo rei. Cos Decretos de Nova Planta, este modelo desapareceu. Filipe V implantou as leis de Castela en case todo o territorio e reforzou a autoridade real, seguindo o modelo centralista e absolutista francés.
Ademais, reorganizouse a administración do Estado. Creáronse novas institucións, como as capitanías xerais e as audiencias, que dependían directamente do rei. Tamén se estableceu o uso do castelán como lingua da administración, especialmente nos territorios da antiga Coroa de Aragón.
Estas reformas suprimiron os foros e institucións propias dos territorios da antiga Coroa de Aragón, como castigo ó seu apoio ao pretendente Carlos de Austria. Implantouse un sistema administrativo uniforme baseado nas leis de Castela e reforzouse a figura do capitán xeral como representante directo do rei. Deste xeito, pasouse dunha monarquía composta, na que cada territorio conservaba as súas leis, a un Estado máis centralizado e uniforme e a perda de autonomía política para varios territorios, o reforzo do poder absoluto do monarca, pasando dunha monarquía plural e descentralizada a un Estado máis uniforme e centralizado baixo a nova casa reinante.
Fai referencia aos consellos de goberno territoriais ou temáticos cos que os Austrias gobernaban os seus territorios
Lectura facilitada
Que foron os Decretos de Nova Planta? Os Decretos de Nova Planta foron unhas leis aprobadas por Filipe V (quinto) de España entre 1707 e 1716, despois de gañar a Guerra de Sucesión Española.
Estas leis cambiaron moito a organización política de España. A partir dese momento, o Estado fíxose máis centralizado, é dicir, con máis poder concentrado no rei.
Por que se aprobaron? Durante a guerra, os territorios da antiga Coroa de Aragón (Aragón, Valencia, Cataluña e Mallorca) apoiaran o arquiduque Carlos de Austria, rival de Filipe V (quinto).
Cando Filipe V (quinto) gañou, decidiu castigar estes territorios pola súa oposición.
Que cambios fixeron? Ata ese momento, coa dinastía dos Casa de Habsburgo (os Austrias), España era unha monarquía composta. Isto significa que cada territorio tiña as súas propias leis e institucións, aínda que todos obedecían o mesmo rei.
Cos Decretos de Nova Planta:
Elimináronse os foros (leis e privilexios propios).
Desapareceron institucións tradicionais como as Cortes.
Implantáronse as leis de Castela en case todo o territorio.
Reforzouse o poder absoluto do rei.
Creáronse novas institucións, como as capitanías xerais e as audiencias, que dependían directamente do monarca.
Impúxose o castelán como lingua da Administración.
Que significaron estes decretos? Con estas reformas:
Perdeuse a autonomía política de varios territorios.
O rei concentrou máis poder.
España deixou de ser unha monarquía plural e descentralizada.
Converteuse nun Estado máis uniforme e centralizado baixo a nova dinastía dos Borbóns.
Audio
Apoio visual
Actividade de lectura
Decretos de Nova Planta
(...) Xulguei conveniente, así por isto como polo meu desexo de reducir todos os meus reinos de España á uniformidade dunhas mesmas leis, usos, costumes e tribunais, gobernándose igualmente todos polas leis de Castela, tan loables e plausibles en todo o Universo, abolir e derrogar enteiramente todos os referidos foros e privilexios (...) ata aquí observados nos referidos reinos de Aragón e Valencia, sendo a miña vontade que estes se reduzan ás leis de Castela e ao uso, práctica e forma de goberno que se teñen e tivéronse nelas e nos seus tribunais sen diferenza algunha en nada, podendo obter por esta razón igualmente os meus fidelísimos vasalos os casteláns, oficios e empregos en Aragón e Valencia da mesma maneira que os aragoneses e valencianos han de poder en diante gozalos en Castela sen ningunha distinción.
Rei Filipe V. Primeiro Decreto de Nova Planta. Adaotación propia (proxecto cREAgal)
Audio
Actividade
Fíxate no ton que emprega o rei, paréceche que é un ton conciliador ou pactista, ou pola contra é impositivo ou autoritario?
Cal é o obxectivo principal deste decreto?
En que reinos se debía aplicar este decreto e que normativa se debía abolir neses reinos?
Investiga que tipo de reformas políticas levaron a cabo na administración central coa instauración dos Borbóns.
Lectura facilitada
Como é o ton que emprega o rei? É conciliador ou autoritario?
Cal é o obxectivo principal deste decreto?
En que reinos se aplicou este decreto? Que leis ou normas se eliminaron neles?
Investiga que cambios introduciron os Borbóns na administración do Estado.