A continuación tedes unha serie de actividades que servirán para repasar o que xa sabedes do Antigo Réxime. Lembrade que nesta unidade ides aprender como se desenvolveron as revolucións da segunda metade do século XVIII que supuxeron o fin da Idade Moderna e o inicio da Idade Contemporánea. Pero estas revolucións non sucederon porque si, así que, canto recordades das monarquías absolutistas?
Lectura facilitada
A continuación tedes unha serie de actividades para repasar o que xa sabedes sobre o Antigo Réxime.
Nesta unidade aprenderedes como as revolucións da segunda metade do século XVIII (dezaoito) cambiaron o mundo.
Estas revolucións puxeron fin á Idade Moderna e deron comezo á Idade Contemporánea.
Antes de empezar, imos comprobar o que recordades.
Que sabedes das monarquías absolutistas?
Audio
O despotismo ilustrado
Durante o século XVIII, moitas das principais potencias europeas estaban gobernadas por monarcas absolutos que buscaron combinar o seu poder absoluto coas novas ideas de progreso difundidas pola Ilustración. Estes reis e raíñas promoveron reformas para modernizar a economía, a cultura e a administración dos seus reinos, pero sen alterar a estrutura social nin política, mantendo os privilexios da nobreza e do clero.
Esta combinación deu lugar a un modelo de goberno coñecido como despotismo ilustrado, tamén chamado “absolutismo reformista”. A súa esencia recóllese na frase: “Todo para o pobo, pero sen o pobo”. É dicir, os monarcas buscaban o benestar e o progreso da poboación, mellorando a educación, a economía e a ciencia, pero sen permitir que o pobo participase nas decisións políticas.
O despotismo ilustrado desenvolveuse en diferentes países europeos, como España, Francia, Prusia ou Rusia. Entre as medidas máis habituais destes monarcas reformistas destacaban:
A potenciación da industria nacional, coa creación de manufacturas e fomento da produción interna para reducir a dependencia das importacións.
O impulso do comercio, tanto interno como exterior, mediante a mellora de rutas, portos e mercados.
O apoio ao desenvolvemento científico e cultural, favorecendo academias, escolas, observatorios e bibliotecas, e promovendo as ideas da Ilustración.
A centralización da administración pública, buscando que os gobernos controlasen de forma máis eficaz os territorios e reducindo a autonomía dos distintos reinos ou cidades.
A profesionalización do exército, mellorando o adestramento e a disciplina, e modernizando o armamento para reforzar a defensa do Estado
Lectura facilitada
Que foi o despotismo ilustrado?
No século XVIII (dezaoito), moitos países europeos estaban gobernados por reis ou raíñas con poder absoluto.
Estes reis quixeron aplicar as ideas da Ilustración.
Defendían o progreso, a educación e a ciencia. Pero non querían perder o seu poder nin cambiar a sociedade estamental (con privilexios para nobreza e clero).
A este modelo chámaselle despotismo ilustrado ou absolutismo reformista.
A súa idea principal resúmese na frase:
"Todo para o pobo, pero sen o pobo."
É dicir:
facer reformas para mellorar o país,
pero sen permitir que o pobo participe na política.
Onde se aplicou?
O despotismo ilustrado desenvolveuse en países como:
España
Francia
Prusia
Rusia
Principais reformas:
Os monarcas ilustrados adoitaron:
Impulsar a industria nacional para producir máis dentro do país.
Fomentar o comercio mellorando portos, camiños e mercados.
Apoiar a ciencia e a cultura (academias, escolas, bibliotecas).
Centralizar a administración, reducindo a autonomía dos territorios.
Modernizar e profesionalizar o exército.
Audio
Lembrando o pasado
Escolle unha das tres actividades para facer un repaso. Seguro que sabes moito máis do que pensas!
Opción B: enche os ocos e completa este resumo do Antigo Réxime e do despotismo ilustrado
Le o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.
Opción C: "pensamento visual" coas principais características do Antigo Réxime e do despotismo ilustrado
No caderno, elabora un mapa conceptual empregando a técnica do "pensamento visual" no que se recolla por unha banda unha liña cronolóxica cos principais fitos do Antigo Réxime e, por outra, cales eran as principais características que definían o sistema de goberno, quen exercía os poderes do Estado, cal era o papel da poboación e cales foron as principais achegas da Ilustración no século XVIII.
Se precisas ideas sobre como empregar esta técnica, mira este vídeo que explica o proceso:
Lectura facilitada
No caderno, elabora un mapa conceptual empregando a técnica do pensamento visual.
O mapa debe incluír:
unha liña cronolóxica cos principais acontecementos do Antigo Réxime
as características principais do Antigo Réxime
quen exercía os poderes do Estado
cal era o papel da poboación
as principais achegas da Ilustración no século XVIII (dezaoito)
Audio
Actividade grupal: gobernades un pequeno territorio... pero como?
Poñédevos en situación: hai un cataclismo natural e por diferentes razóns quedades pechados no instituto.
Este será o voso reino: as aulas, as instalacións deportivas, os patios... tedes que organizarvos e facelo o mellor que poidades para sobrevivir a esta catástrofe momentánea, e para conseguilo é importante saber como distribuír o traballo, como conseguir recursos e que aspectos son importantes e cales non o son tanto.
Para ver que modelo é o máis axeitado neste momento de crise, formaredes 3 grupos para reflexionar sobre como xestionar o voso pequeno reino de acordo cos principios do absolutismo, do despotismo ilustrado e do liberalismo. Despois faredes unha posta en común para decidir que sistema se adapta mellor ás vosas circunstancias.
Grupo 1: Monarquía absoluta
Neste primeiro grupo ides gobernar o voso territorio co sistema do absolutismo: un/unha de vós será o rei ou a raíña con plenos poderes, e o resto seredes os seus súbditos e súbditas. Cales serán as decisións desta monarquía absoluta? En grupo, anotade como foi o proceso de nomear o voso monarca absoluto ou a vosa monarca absoluta e que decisións tomou.
Outorgou títulos nobiliarios?
Estableceu impostos? Como repartiu os cartos?
Como se relacionou cos gobernos das outras aulas?
Que fixo o pobo? Acatou as súas decisións?
Grupo 2: Despotismo ilustrado
Neste grupo haberá un/unha monarca absoluta, pero o seu poder estará enfocado á mellora das condicións de vida do pobo, aínda que sen contar con el. Recordade as características do despotismo ilustrado e pensade como gobernaría esta aula alguén influído polas ideas do século das luces. Tomade as seguintes preguntas como suxestión:
Cal é a principal diferenza entre a monarquía absoluta e o despotismo ilustrado?
En quen se apoia o/a monarca ilustrada para gobernar?
Recordades algo sobre as academias científicas? Podedes incorporar algo parecido no voso pequeno reino do instituto?
Grupo 3: Liberalismo
O liberalismo é un sistema político constitucional, polo que deberedes redactar unha Constitución coas principais obrigas e dereitos do voso reino, pero... seredes un reino ou escolleredes outro sistema de goberno?
Como se dividirán os tres poderes do estado no voso territorio?
Que forma de goberno ides escoller?
Cales serán as principais medidas de goberno?
Como se estruturará a vosa sociedade?
Lectura facilitada
Grupo A: goberno seguindo o Antigo Réxime:
Poder absoluto do rei.
Apoio da nobreza.
Impostos pagados polos traballadores.
Grupo B: goberno seguindo o Despotismo ilustrado:
Poder absoluto do rei.
Busca de melloras baseadas na Ilustración.
Os traballadores non teñen opinión sobre o seu estado.
Grupo C: goberno seguindo os principios do liberalismo:
Monarquía constitucional
A soberanía recae no pobo.
Liberdade económica e diminución dos impostos.
Audio
Na redacción: que recordabas?
Agora que xa refrescaches os coñecementos, é o momento de reflexionar.