Búscanse profesionais da comunicación
Neste recurso enfrontaraste a un reto que combina historia, medios de comunicación e unha viaxe no tempo ata un momento cheo de cambios, conflitos e novas ideas.
Mais… como se viviron realmente estes feitos? Quen os contou? Que noticias chegaron á xente nun mundo que buscaba afastarse do Antigo Réxime, para avanzar cara a unha sociedade con maior “liberdade, igualdade e fraternidade”?
Converteraste en reporteiro ou reporteira e, en pequeno grupo, crearás un xornal (en papel, dixital, radio ou pódcast) sobre os principais acontecementos deste período revolucionario na segunda metade do século XVIII.
Cada grupo traballará cunha liña editorial concreta, é dicir, contará as noticias desde un punto de vista determinado. Por exemplo: absolutista, liberal... na Revolución Francesa; reformista ou tradicional na España borbónica; colonos ou británicos na independencia americana; ou diferentes visións na Revolución Industrial: patróns, proletariado...
Entre toda a clase intentaredes cubrir distintos territorios e diferentes puntos de vista, para comprender que a historia non se viviu igual para todas as persoas.
A través das túas noticias, explicarás como estas revolucións transformaron o mundo e a vida das persoas.
Lectura facilitada
Neste recurso terás un reto.
Este reto combina historia, medios de comunicación e unha viaxe no tempo.
Viaxarás a unha época con moitos cambios, conflitos e novas ideas.
Pero… como se viviron estes feitos?
Quen os contou?
Que noticias chegaron á xente?
Neste tempo, moitas persoas querían cambiar o mundo.
Querían afastarse do Antigo Réxime.
Buscaban máis liberdade, igualdade e fraternidade.
Vas converterte en reporteiro ou reporteira.
Traballarás en pequeno grupo.
Crearás un xornal.
Pode ser en papel, dixital, radio ou pódcast.
Cada grupo terá un punto de vista diferente.
É dicir, contarás as noticias desde unha posición concreta.
Por exemplo:
- Na Revolución Francesa: absolutista, liberal...
- En España: reformista ou tradicional
- En América: colonos ou británicos
- Na Revolución Industrial: patróns ou proletariado
Entre toda a clase cubriredes distintos lugares e puntos de vista.
Así entenderás que a historia non foi igual para todas as persoas.
Co teu xornal, explicarás como estas revolucións cambiaron o mundo
e a vida das persoas.

Buscar, seleccionar e organizar información fiable sobre as revolucións burguesas, a Revolución Industrial e a crise do Antigo Réxime en España e Galicia.