Saltar navegación

Un artista atemporal: Goya

 

Glosario

Cartón

Imaxe dunha paleta de cores, dun pincel e dunha cara

Definición:

Bosquexo ou deseño para trasladalo a unha obra de arte.

Exemplo:

Goya elaboraba cartóns para facer tapices.

Costumismo

Imaxe dunha muller facendo cerámica

Definición:

Movemento literario e artístico que reflicte aspectos da vida cotiá dunha determinada sociedade.

Exemplo:

Goya pintou escenas costumistas da sociedade madrileña do século XVIII.

Gravado

Imaxe dun gravado dun castelo

Definición:

Técnica artística na que se transfire unha imaxe dunha matriz ou prancha de metal o doutro material a un papel.

Exemplo:

Os Caprichos son gravados que elaborou Goya.

Un artista atemporal: Goya

Pintura onde aparece Francisco de Goya

O meu nome é Francisco José de Goya y Lucientes, un cidadán e, sobre todo, un pintor que retratou a sociedade, os cambios políticos e as circunstancias persoais que me tocaron vivir. Moitas persoas consideran que son un dos artistas máis importantes da historia da pintura.

Para axudarche na consecución do teu reto, tratarei de explicarche os principais acontecementos da España de finais do século XVIII (dezaoito) e principios do XIX a través das obras máis importantes da miña produción pictórica.

Podes ver un resumo da miña vida e obra no seguinte vídeo:


 

Lectura facilitada

O meu nome é Francisco José de Goya y Lucientes.

Son un cidadán e pintor.

Retratei:

  • A sociedade
  • Os cambios políticos
  • As circunstancias persoais que me tocaron vivir

Considéranme un dos artistas máis importantes da historia da pintura

Axudareiche na consecución do teu reto:

  • Explicando os principais acontecementos da España de finais do século XVIII (dezaoito) e principios do XIX (dezanove)
  • A través da miña produción artística

Verás nun vídeo un resumo da miña obra e vida.

A miña arte

Pintura onde aparece un autorretrato de Goya


A continuación fareiche un pequeno resumo das obras máis importantes da miña produción artística, que recolle a crise do Antigo Réxime e a chegada das ideas liberais a España. Despois da miña morte, comezaron a considerarme como o artista que influíu no Impresionismo, no Expresionismo e no Surrealismo.

Nos meus cadros recollín todo tipo de temas: costumistas, relixiosos, históricos e os retratos.

Os cartóns

Unha sociedade amable

  • Pintei composicións relixiosas, destacando a cúpula "Regina Martyrum" da basílica do Pilar.
  • Cando cheguei a Madrid, comecei a traballar nos cartóns para a Real fábrica de tapices de Santa Bárbara.
  • Os temas son de carácter costumista, reflectindo dunha forma amable a sociedade madrileña do Antigo Réxime.
  • Son pinturas cheas de luz e cor, moi do gusto Neoclásico e rococó.
  • Destacan obras como “O parasol”, “A galiña cega” ou “A pradeira de San Isidro”.
Pintura dun grupo de persoas nunha pradeira
Goya: A pradeira de San Isidro

Os retratos

A miña chegada á Corte

  • En pouco tempo conseguín ser pintor da Corte dos reis Carlos III, Carlos IV e Fernando VII.
  • Retratei a nobres, reis e a personaxes importantes da época. Tamén a persoas da rúa.
  • Pintei con moitas cores e usei a luz para crear ambiente e darlle volume ás figuras.
  • Usei composicións de carácter neoclásico.
  • Non son simples retratos, senón que reflicten perfectamente o carácter da persoa retratada.
  • Nos cadros nótase por quen sentía antipatía e simpatía.
  • Destacan os retratos de “Carlos III”, “Floridablanca”, “Jovellanos” , “A maja espida”, “A maja vestida” e, sobre todo, “A familia de Carlos IV
Pintura da familia do rei español Carlos IV
Goya: A familia de Carlos IV

Os gravados

A enfermidade

  • Padecín unha grave enfermidade que me deixou unha pegada terrible: unha xordeira.
  • Caín nunha forte depresión e illamento.
  • Nesa época estalou a Revolución Francesa e moitos dos meus amigos ilustrados comezaron a ser perseguidos.
  • Fixen unha serie de 80 gravados, os Caprichos.
  • Neles denunciei os vicios da sociedade da miña época.
  • Critiquei a ignorancia, á Igrexa, á fidalguía e ás crenzas populares.
  • Usei o claroscuro e figuras de animais e de seres grotescos.
  • Cada gravado leva un texto que axuda a entendelo.
  • Elaborei outras series de gravados ao longo da miña vida como os" Disparates" ou "Proverbios", onde critico o Antigo Réxime, ou "Tauromaquia", onde amoso a miña paixón polas corridas de touros. 
Imaxe dunha persoa rodeada de paxaros
Goya: O sono da razón produce monstros

A temática da guerra

Maldita Guerra!

  • No 1808 as tropas napoleónicas invadiron España, dando comezo á Guerra de Independencia, que durou ata 1814, cando foron expulsados.
  • Pintei unha serie de gravados sobre as atrocidades que os soldados franceses cometeron no país; os Desastres da Guerra.
  • Tamén pintei dous cadros sobre esa guerra, quizás os máis importantes da miña produción; “A carga dos mamelucos” e “Os fusilamentos do 3 de maio”.
  • Neles amoso a loita do pobo contra a invasión francesa e o seu sufrimento por mor da guerra.
  • Destaca o dramatismo nos rostros dos personaxes, a violencia, os contrastes de luz e sombras e a pincelada solta.
Pintura dun grupo de soldados disparando a outras persoas
Goya: Os fusilamentos do 3 de maio

As Pinturas Negras

O pesimismo chega a miña vida

  • A miña decepción co ser humano, a angustia na que vivía e o meu pesimismo co mundo reflectino en catorce obras, as Pinturas Negras, que pintei nos muros da miña casa, a Quinta do Xordo.
  • Moitos anos despois pasáronas a lenzos.
  • Pintei personaxes sinistros, con rostros deformados e cun protagonismo dos tons escuros e con pouca cor.
  • DestacanSaturno devorando o seu fillo”, “Duelo a mocazos” ou “A romaría de San Isidro”.
Imaxe dunha persoa coméndose a outra
Goya: Saturno devorando o seu fillo

As últimas pinturas

Recuperando o optimismo

  • Despois da restauración do absolutismo en España, logo dun período liberal de tres anos (1820-1823), exilieime voluntariamente a Bordeos (Francia)
  • Pintei a obra “A leiteira de Bordeos
  • Neste cadro recuperei o colorido e a luz, reflexo de certo optimismo na miña vida.
  • Morrín no 1828.
imaxe dunha muller cun cántaro
Goya: A leiteira de Bordeos

Lectura facilitada

Fareiche un resumo das obras máis importantes da miña produción artística.

Recollen:

  • a crise do Antigo Réxime
  • a chegada das ideas liberais a España

Considéranme o artista que influíu no:

  • impresionismo
  • expresionismo
  • surrealismo

Recollín os seguintes temas:

  • costumistas
  • relixiosos
  • históricos
  • retratos

Os cartóns

  • Unha sociedade amable:
    • Pintei composicións relixiosas.
      Destaca a cúpula "Regina Martyrum" da basílica do Pilar.
      En Madrid traballei nos cartóns para a Real Fábrica de Tapices de Santa Bárbara.
    • Os temas son costumistas.
      Reflicten a sociedade amable madrileña do Antigo Réxime.
    • Son pinturas cheas de luz e cor.
      Teñen influencia neoclásica e rococó.
    • Destacan:
      • "O parasol"
      • "A galiña cega"
      • "A pradeira de San Isidro"

Os retratos

  • A miña chegada á Corte:
    • Conseguín ser pintor dos reis:
      • Carlos III (terceiro)
      • Carlos IV (cuarto)
      • Fernando VII (sétimo)
    • Retratei:
      • nobres
      • reis
      • personaxes importantes da época
      • persoas da rúa
    • Pintei con moitas cores.
      Usei a luz para crear ambientes e darlle volume ás figuras.
      As composicións teñen carácter neoclásico.
    • Os retratos reflicten o carácter da persoa.
      Nótase a miña antipatía ou simpatía.
    • Destacan os retratos de:
      • Carlos III (terceiro)
      • Floridablanca
      • Jovellanos
      • "A maja espida"
      • "A maja vestida"
      • "A familia de Carlos IV (cuarto)"

Os gravados

  • A enfermidade:
    • Padecín unha grave enfermidade.
      Deixoume xordo.
    • Estalou a Revolución Francesa.
      Moitas persoas ilustradas comezaron a ser perseguidas.
    • Fixen os "Caprichos".
      Son 80 gravados.
    • Denuncio os vicios da miña sociedade.
    • Critiquei:
      • a ignorancia
      • a Igrexa
      • a fidalguía
      • as crenzas populares
    • Usei:
      • claroscuro
      • figuras de animais
      • seres grotescos
    • Cada gravado leva un texto explicativo.
    • Fixen outros gravados:
      • os "Disparates" ou "Proverbios", unha crítica ao Antigo Réxime.
      • "Tauromaquia", amosa a miña paixón polas corridas de touros.

A temática da guerra

  • "Maldita guerra!":
    • No 1808 (mil oitocentos oito) as tropas napoleónicas invadiron España.
      Deu comezo á Guerra de Independencia.
      Durou ata 1814 (mil oitocentos catorce).
      As tropas francesas foron expulsadas.
    • Pintei unha serie de gravados chamada "Os Desastres da Guerra".
      Reflicten as atrocidades dos soldados franceses.
    • Pintei dous cadros sobre a guerra:
      • "A carga dos mamelucos"
      • "Os fusilamentos do 3 de maio"
    • Neles amoso a loita do pobo español contra os franceses.
      E o sufrimento do pobo español.
      Hai violencia e dramatismo nos rostros dos personaxes.
      Tamén destacan os contrastes de luces e sombras
      e a pincelada solta.

As Pinturas Negras

  • O pesimismo chega á miña vida:
    • Foi unha época de decepción co ser humano e de angustia.
    • Pintei 14 obras nos muros da Quinta do Xordo.
      Estas obras coñécense como as "Pinturas Negras".
    • Pasáronas a lenzos.
      Aparecen personaxes sinistros,
      con rostros deformados,
      con tons escuros.
      Hai pouca cor.
    • Destacan:
      • "Saturno devorando o seu fillo"
      • "Duelo a mocazos"
      • "A romaría de San Isidro"

As últimas pinturas

  • Recuperando o optimismo:
    • Restaurouse o absolutismo en España.
      Despois do período liberal (1820-1823).
    • Exilieime a Bordeos.
      Pintei "A leiteira de Bordeos".
    • Recuperei o colorido e a luz.
      Hai optimismo na miña vida.
    • Morrín no 1828 (mil oitocentos vinte e oito).

"Un pintor de cine"

Sabías que...?


Os premios máis importantes do cine español
 levan o meu nome: os Goya.

Decidiron poñerlle o meu rostro ao premio polo carácter secuencial de moitas das miñas obras, é dicir, pola súa capacidade para narrar unha historia, como nos "Desastres da Guerra" ou como nos "Caprichos".



Pescudando na obra de Goya

Imaxe dunha pintura cunha paleta de cores e un cadro

Espero que che gustara a miña obra. Agora tócache investigar de forma individual. Que tes que facer? Segue as seguintes instrucións:

  1. Busca en Internet as pinturas que se correspondan con cada un dos apartados da miña obra.
  2. Escolle unha obra de cada apartado que che resulte rechamante ou interesante.
  3. Descarga as imaxes e elabora un documento, presentación, póster... no que aparezan as obras escollidas, co título e data da súa elaboración, ademais dun pequeno resumo sobre o que se representa nelas. 

Adiante!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)