Pensar, gobernar e crear: a Ilustración e o Século das Luces
3.2. Todo para o pobo, mais con luces: o despotismo ilustrado
Glosario
Burocracia
Definición:
Actividade da Administración Pública.
Exemplo:
A burocracia encárgase de organizar expedientes, aplicar normas e tramitar permisos dentro das institucións do Estado.
Déspota
Definición:
Persoa que exerce o poder ou a autoridade dun xeito arbitrario e absoluto, impondo a súa vontade e dominio aos demais.
Exemplo:
O rei Luís XVI foi un déspota.
Fiscal
Definición:
Relativo aos recursos financeiros do Estado e á recadación de impostos.
Exemplo:
O goberno aprobou unha nova política fiscal para reducir o déficit público.
O despotismo ilustrado
As novas ideas de liberdade ou igualdade que promovía a Ilustración chocaban de cheo co sistema absolutista vixente na maior parte de Europa. Por iso a reacción inicial das monarquías foi reprimir calquera intento de difusión do pensamento ilustrado. Con todo, a forza desas ideas foi tal que pronto se espallaron por todo o continente.
Ante esa situación, en moitos Estados instaurouse o despotismo ilustrado, unha nova forma de goberno que conxugaba o absolutismo con ideas reformistas propias da Ilustración. As monarquías rodeáronse de pensadores e ministros ilustrados para introducir certas modernizacións, sen que iso afectase á esencia do poder absoluto. O obxectivo do despotismo ilustrado condénsase na máxima “Todo para o pobo, mais sen o pobo”, isto é, mellorar a vida da cidadanía sen lles permitir formar parte do goberno.
O reformismo do despotismo ilustrado materializouse nos seguintes ámbitos:
Administración
Reformas fiscais na recadación de impostos e maior centralización da burocracia.
Economía
Fomento do comercio e da agricultura con diferentes reformas agrarias.
Educación e cultura
Creación de academias, universidades e bibliotecas.
Relixión
Limitación do poder da Igrexa por parte do Estado (regalismo) e maior tolerancia relixiosa.
Urbanismo
En moitas cidades deseñáronse trazados urbanísticos máis racionais, moitos deles con rede de sumidoiros ou alumeado público.
Os exemplos máis representativos de monarcas do despotismo ilustrado son:
Federico II de Prusia
Catalina II de Rusia
Xosé II de Austria
Carlos III de España
Lectura facilitada
Ao principio, as monarquías absolutas tentaron reprimir as ideas da Ilustración.
Mais esas ideas eran tan fortes que pronto se espallaron por toda Europa.
En moitos Estados instaurouse unha nova forma de goberno chamada despotismo ilustrado.
O despotismo ilustrado conxugaba o goberno absolutista con ideas da Ilustración.
Queríanse introducir certas reformas sen que iso afectase ao poder absoluto.
O obxectivo do despotismo ilustrado condénsase na frase “Todo para o pobo, mais sen o pobo”
Isto significa: mellorar a vida da cidadanía sen lles permitir formar parte do goberno.
Algúns exemplos de reformas do despotismo ilustrado son:
Administración: reformas fiscais na recadación de impostos e maior centralización da burocracia.
Economía: fomento do comercio e da agricultura.
Educación e cultura: creación de academias, universidades e bibliotecas.
Relixión: limitación do poder da Igrexa por parte do Estado (regalismo) e maior tolerancia relixiosa.
Urbanismo: deseños de cidades máis racionais, con redes de sumidoiros e alumeado público.
Os exemplos máis representativos de monarcas do despotismo ilustrado son:
Federico II (segundo) de Prusia
Catalina II (segunda) de Rusia
Xosé II (segundo) de Austria
Carlos III (terceiro) de España
Audio
Mandar ou mellorar? O dilema do despotismo ilustrado
Le o seguinte texto sobre o despotismo ilustrado. De xeito individual, responde as preguntas no teu caderno:
O absolutismo caracterizábase por unha exaltación da monarquía e do rei, que trata de controlar a vida pública porque a súa función última é a felicidade dos seus súbditos, mais facendo felices aos seus pobos, se é necesario, pola forza. É un soberano por dereito divino, cuxos intereses persoais e dinásticos non están separados dos do Estado.
O soberano ilustrado, pola súa parte, tampouco recoñece a separación entre o rei e o reino, mais acepta os principios da Ilustración e quere poñelos en práctica para lograr unha maior eficiencia do Estado en beneficio deste e dos súbditos. Considera que todo é reformable, mais non mediante un cambio súbito, senón a través dun labor paciente educativo e lexislativo, para o que precisa o concurso dos ilustrados.
Así prodúcese unha asociación que parecía imposible: os filósofos e os monarcas alíanse co fin de traballar en proveito da monarquía e dos súbditos. Hai algúns puntos de unión que o explican: os déspotas ilustrados loitan contra os privilexios, e de aí nace a comunidade de acción; emprenderon unha reforma igualitaria e destruíron os vestixios do feudalismo; partidarios do progreso, tomaron as medidas económicas necesarias para favorecer a prosperidade dos pobos.
As Luces foron útiles para o brillo do seu reinado. Son homes do seu tempo e influídos polo ambiente ilustrado, e necesitan a colaboración dos ilustrados porque hai que loitar contra moitos hábitos, costumes e privilexios incompatibles con criterios lóxicos e eficientes.
Esta alianza non sempre tivo éxito: en España si, xa que a monarquía era o centro da reforma, mais outros monarcas acabaron tomando da Ilustración só aquilo que lles resultaba útil. Porén, o absolutismo ilustrado preparou o triunfo da revolución.
L. M. Enciso (2001): A Europa do século XVIII. (Texto adaptado. Proxecto cREAgal)
Que diferenzas existen entre o absolutismo e o despotismo ilustrado?
Que obxectivos e medidas presenta o despotismo ilustrado?
Por que di o autor do texto que a asociación entre filósofos e monarcas parece imposible?
Que quere dicir a frase "o absolutismo ilustrado preparou o triunfo da revolución"?
Imaxina que es un/ha monarca ilustrado/a. Redacta catro medidas que aplicarías no teu reino e explica por que, mais sen dar participación política á poboación.
Audio
Compara absolutismo e despotismo ilustrado
Elabora unha táboa comparativa entre o absolutismo e o despotismo ilustrado. Deberás explicar en cada caso os seguintes aspectos: