Saltar navegación

3.1. A Ilustración: a luz do coñecemento

 

Glosario

Fanatismo

Pictograma que representa a Deus

Definición:

Defensa apaixonada e cega de certas crenzas ou opinións sen tolerar as dos demais.

Exemplo:

Un grupo de fanáticos relixiosos interrompeu a conferencia científica.

Superstición

Pictograma que representa un gato de cor negra

Definición:

Sentimento á marxe da razón, polo que se cre que certas cousas ou signos teñen misteriosamente boas ou malas consecuencias.

Exemplo:

Pensas que terás mala sorte no exame porque se che cruzou un gato negro pola mañá? Iso é unha superstición!

Que é a Ilustración?

Lámpada acesa


A Ilustración foi un movemento cultural, intelectual e político que se desenvolveu en Europa ao longo do século XVIII, coñecido tamén como o Século das Luces. Recibe este nome porque defendía que a razón era a “luz” capaz de iluminar a sociedade e acabar coa ignorancia, a superstición e o fanatismo.

A Ilustración non xurdiu de maneira repentina. Ten as súas raíces nos cambios científicos e intelectuais do século XVII, especialmente na chamada Revolución Científica, representada por figuras como Isaac Newton ou Galileo Galilei. Estes científicos demostraron que o mundo podía explicarse mediante leis racionais e observación, sen recorrer á explicación relixiosa.

O centro principal da Ilustración foi Francia, mais as súas ideas espalláronse por Inglaterra, Alemaña, España e outras zonas de Europa e América.

Lectura facilitada

A Ilustración foi un movemento cultural do século XVIII (dezaoito).
Tamén se chama Século das Luces.

Defendía a razón.
A razón axuda a entender o mundo.
Con ela pódese combater a ignorancia e as falsas crenzas.

Este movemento non apareceu de golpe.
Comezou no século XVII (dezasete).
Nese tempo houbo importantes avances científicos.

Algúns científicos demostraron que o mundo se pode explicar con leis e coa observación.

A Ilustración comezou sobre todo en Francia.
Despois espallouse por outros países de Europa e tamén por América.

Principais características da Ilustración

A Ilustración non foi só unha corrente filosófica, foi unha nova maneira de entender o mundo e a sociedade.

As características fundamentais da Ilustración foron:

Confianza na razón

Perfil dunha cabeza cun cerebro visible


A razón humana considérase a ferramenta principal para coñecer a realidade e mellorar a sociedade. Fronte á tradición e á autoridade, a Ilustración propón pensar de maneira crítica.

Defensa do progreso

Persoa alegre


As persoas ilustradas crían que a humanidade podía avanzar cara a unha sociedade máis xusta e feliz grazas ao coñecemento, á educación e ás reformas políticas.

Crítica ao Antigo Réxime

Persoa con coroa e roupas de gala


Cuestionaron:

  • O poder absoluto dos reis e das raíñas
  • Os privilexios da nobreza e do clero
  • A intolerancia relixiosa
  • Non todas as persoas ilustradas defendían a democracia, pero si limitacións ao poder real e maior participación social

Importancia da educación

Persoas asistindo a unha clase


A educación considerábase esencial para formar cidadanía crítica. Por iso impulsaron proxectos como a Enciclopedia, dirixida por Denis Diderot e Jean le Rond d'Alembert, que pretendía recoller todo o saber da época.

Lectura facilitada

A Ilustración foi unha nova forma de ver o mundo e a sociedade.

As súas ideas principais son:

Uso da razón
A razón é moi importante.
As persoas deben pensar por si mesmas.

Idea de progreso
As persoas crían que o mundo podía mellorar.
Pensaban nunha sociedade máis xusta e feliz.
Para iso son importantes o coñecemento e a educación.

Crítica ao poder
Criticaron o poder dos reis e das raíñas.
Tamén criticaron os privilexios da nobreza e do clero.
E a falta de liberdade relixiosa.

Non todas as persoas querían democracia.


Importancia da educación
A educación é fundamental.
Axuda a pensar de forma crítica.

Fixéronse obras para recoller o saber.
Un exemplo é a Enciclopedia.

Principais pensadores e ideas

Entre os ideólogos máis importantes destacan tres figuras fundamentais:

Montesquieu 

Ideas fundamentais:

Retrato de perfil


Defendeu a separación de poderes:

  • Poder lexislativo (facer as leis)
  • Poder executivo (aplicalas)
  • Poder xudicial (xulgar o seu cumprimento)

Segundo Montesquieu, cando todos os poderes están na mesma persoa (como no absolutismo), existe risco de tiranía. A separación garante equilibrio e liberdade.

Tamén analizou como o clima, a economía ou as tradicións inflúen nas leis, o que supuxo unha visión moderna da política.

Obra principal: O espírito das leis (1748).

Voltaire

Non foi un filósofo sistemático, senón un escritor moi combativo.

Retrato de Voltaire

As súas ideas principais foron:

  • Defensa radical da liberdade de pensamento e expresión
  • Crítica á intolerancia relixiosa e ao fanatismo
  • Defensa dunha monarquía reformada por unha persoa monarca ilustrada (non era partidario da democracia)
  • Voltaire confiaba nun “déspota ilustrado”: unha persoa monarca con formación racional que gobernase para mellorar a vida do pobo, pero sen renunciar ao poder

Rousseau

É un dos pensadores máis influentes e tamén máis complexos.

Retrato de Rousseau

A súas ideas fundamentais foron:

  • A soberanía reside no pobo, non no rei ou na raíña
  • A sociedade baséase nun contrato social: as persoas aceptan normas comúns para vivir en comunidade
  • A lei debe expresar a vontade xeral, é dicir, o interese común

A diferenza de Voltaire, Rousseau tiña unha visión máis democrática e defendía maior participación política. Porén, tamén tiña contradicións: en obras como Emilio, defendía unha educación diferente para as mulleres, limitando o seu papel ao ámbito doméstico.

As súas ideas influíron profundamente na Revolución Francesa.

Lectura facilitada

Pensadores da Ilustración:


Montesquieu

Defendeu a separación de poderes:

  • Facer leis.
  • Aplicar leis.
  • Xulgar.

Isto evita abusos de poder.
Axuda a garantir a liberdade.

Voltaire

  • Defendeu a liberdade de expresión.
  • Criticou a intolerancia relixiosa.
  • Prefería unha monarquía con reformas.

Rousseau

  • O poder pertence ao pobo.
  • A sociedade baséase nun acordo común.
  • A lei debe buscar o ben de todas as persoas.

Fuga de palabras ilustradas

Le o parágrafo seguinte e completa coas palabras que faltan.

A Ilustración foi un movemento do século , tamén chamado Século das , que se desenvolveu en Europa.

Defendía a como ferramenta para entender o mundo e acabar coa superstición. Ten a súa orixe no século XVII, coa Revolución e científicos como Isaac e Galilei, que explicaron o mundo mediante leis e observación.

O centro principal foi , pero espallouse por Europa e América.

A Ilustración foi unha nova forma de entender o mundo:
defendía a , o progreso, a os reis e as raíñas, a nobreza, e a importancia da .

Unha obra destacada foi a , dirixida por Denis Diderot.

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)