Saltar navegación

3.3. Cando a poboación cambia, a paisaxe muda

 

Glosario

Avellentamento

Casa coa cara de dúas persoas maiores dentro

Definición:

Nunha poboación, aumento do número de persoas maiores en relación coas novas xeracións. Tamén se pode empregar envellecemento.

Exemplo:

Debido ao avellentamento da poboación, cada vez son necesarios máis servizos sanitarios.

Despoboamento

Paisaxe deserta

Definición:

Redución da poboación dun lugar, especialmente no rural, cando a xente se vai vivir ás cidades ou a outros territorios.

Exemplo:

Moitas aldeas galegas sofren despoboamento porque a xente nova vai vivir ás cidades.

A poboación como espello da sociedade

Vivimos nun mundo en constante cambio. As persoas movémonos, traballamos, creamos espazos e transformamos o territorio, deixando nel a nosa pegada. Pero… por que algunhas zonas medran mentres outras se baleiran? Que consecuencias ten que cada vez haxa máis persoas maiores e menos nacementos?

En Galicia e en España vivimos un importante cambio demográfico e social: a poboación envellece, o rural perde habitantes e, ao mesmo tempo, chegan persoas doutras partes do mundo que enriquecen a nosa cultura e contribúen ao desenvolvemento económico.

Neste apartado aprenderás a interpretar como e por que cambia a poboación, a comprender os efectos do avellentamento, do despoboamento e a reflexionar sobre como construír unha sociedade máis equilibrada, inclusiva e sostible.

Lectura facilitada

O mundo cambia todo o tempo.
As persoas móvense, traballan e cambian o territorio.

Hai zonas que medran.
Hai zonas que se baleiran.
Hoxe hai máis persoas maiores e hai menos nacementos.

En Galicia e en España a poboación está a cambiar.
O rural perde xente.
As cidades teñen máis habitantes.
Tamén chega xente doutros países.
Esta xente trae novas culturas e axuda á economía.

Neste apartado aprenderás como cambia a poboación.
Tamén entenderás os efectos do envellecemento e do despoboamento.
Pensarás en como facer unha sociedade máis equilibrada e sostible.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)