Saltar navegación

3.2. Denominación de orixe: o papel de España e Galicia na economía europea

 

Glosario

Acuicultura

Pictograma que representa unha vieira

Definición:

Cultivo de especies animais e vexetais nun medio acuático.

Exemplo:

As bateas son un exemplo de acuicultura en auga salgada.

PEMES

Pictograma que representa unha pequena empresa

Definición:

Siglas de Pequenas e Medianas Empresas: aquelas con menos de 250 persoas traballadoras.

Exemplo:

Boa parte das PEMES son empresas familiares.

Xentrificación

Pictograma que representa o centro histórico dunha cidade

Definición:

Fenómeno urbano polo que barrios populares ou deteriorados atraen residentes con maior nivel adquisitivo, provocando o aumento do prezo da vivenda e o desprazamento da poboación orixinal.

Exemplo:

A proliferación de vivendas turísticas está acelerando a xentrificación nos centros históricos.

O sector primario en España

Durante a primeira metade do século XX, España aínda era un país maioritariamente agrario. Nas últimas décadas o sector foi perdendo peso ata representar só o 4 % da poboación activa. Porén, a súa repercusión no PIB estatal é significativa, cun 2,5 % por riba da media europea.

Agricultura e gandaría

É o sector que máis acusa a perda de poboación activa durante as últimas décadas. Isto débese en parte á tendencia á mecanización dun sector máis tecnificado e que esixe menos man de obra. Mais tamén estamos a falar dunha crecente especialización no traballo e no tratamento das especies, buscando a máxima rendibilidade.

A incorporación de España á UE implicou adoptar as normas da PAC: a Política Agraria Común. Entre elas destacan o aumento da aposta pola agricultura e gandaría ecolóxicas, os cultivos con denominación de orixe, ou o fortalecemento do tecido socioeconómico das zonas rurais.

Entre os principais cultivos destaca a tríade mediterránea –vide, oliveira e trigo- ademais doutros cereais como cebada, centeo ou millo. Tamén son salientables os legumes, as hortalizas e as froitas, tanto para consumo interno como para exportación. É un dos primeiros produtores e exportadores de gando porcino e, en menor medida, de gando vacún.

Espigas de trigo
Porcos ibéricos pacendo nunha devesa de Estremadura, exemplo de gandaría extensiva porcina

Pesca

O sector pesqueiro é un dos máis salientables dentro da Unión Europea, cunha actividade que abrangue a pesca de altura, a de baixura, a acuicultura e o marisqueo. Entre os portos de maior envergadura sitúanse os de Vigo, A Coruña, Isla Cristina, Barbate, Pasaia, Avilés e Xixón. Entre as especies capturadas destacan o bacallau, a pescada, a sardiña, o atún, o polbo e o marisco.

O sector enfronta problemas como a explotación excesiva, o esgotamento dos caladoiros, o cambio climático e as limitacións ás capturas impostas pola UE. Isto implica procurar alternativas en caladoiros do estranxeiro.

Buques pesqueiros amarrados no porto de Vigo

Lectura facilitada

A comezos do século XX en España predominaba o sector primario. 
Durante o século XX o sector primario foi perdendo importancia.
Hoxe o sector primario ocupa só o 4 % da poboación activa de España. 
O seu peso no PIB (Produto Interior Bruto) estatal é un 2,5 % superior á media europea. 

Agricultura e gandaría

É onde máis se nota a perda de poboación activa.
Necesítase menos man de obra porque hai máis máquinas e técnicas avanzadas.
Este traballo especializouse nos últimos anos.
Tamén é máis rendible.

Nos últimos anos España incorporouse ás políticas da PAC.
A PAC é a Política Agraria Común da Unión Europea. 
A PAC:

  • aposta pola agricultura e gandaría ecolóxicas
  • impulsa os produtos con denominación de orixe
  • quere fortalecer as zonas rurais.

Os principais cultivos de España son os cereais, a vide e a oliveira. 
En España tamén abundan os legumes, as hortalizas e as froitas. 
Estes produtos consómense dentro do Estado e tamén se exportan ao estranxeiro. 
España tamén produce abundante carne de porco e de vacún. 

Pesca

O sector pesqueiro español é un dos máis destacados da Unión Europea. 
Inclúe pesca de altura, pesca de baixura, acuicultura e marisqueo. 

Ten portos moi importantes como o de Vigo ou o de Xixón. 

O que máis se pesca é bacallau, pescada, sardiña ou polbo. 

O sector pesqueiro ten varios problemas.
Un deles é o esgotamento dos caladoiros. 

Apoio visual

Esquema sector primario en España

A industria en España

España viviu unha industrialización tardía, que non se implantou de xeito definitivo ata a segunda metade do século XX. Na actualidade a tendencia é a redución do seu crecemento, debido á progresiva terciarización e aos procesos de desindustrialización e deslocalización de empresas que experimentan os países desenvolvidos.

O sector secundario ocupa na actualidade o 10 % da poboación activa e representa arredor do 14 % do PIB. Entre os sectores industriais destacan o agroalimentario, o automobilístico, o químico, o farmacéutico e o de produción de enerxía. Porén, España presenta unha alta dependencia enerxética do exterior, que se manifesta sobre todo na importación de combustibles fósiles como petróleo e gas natural.

Así mesmo, o sector industrial español está formado maioritariamente por PEMES: Pequenas e Medianas Empresas de menos de dez persoas empregadas. Moitas destas empresas enfrontan grandes retos como a transformación dixital e a competitividade global, sendo dependentes de fondos europeos ou de capital estranxeiro.

Mapa que amosa as rexións industriais de España

En España destacan tres grandes paisaxes industriais:

Áreas industriais desenvolvidas

As provincias de Madrid e Barcelona, sede de industrias máis punteiras.

Áreas en expansión

Levante e cunca do Ebro, con sectores en desenvolvemento como o agroindustrial.

Áreas en declive

Eixo cantábrico, desde Galicia a Euskadi, con industrias máis tradicionais actualmente en reconversión, como a mineira ou a naval.

Lectura facilitada

España industrializouse de forma tardía na segunda metade do século XX. 
Na actualidade dáse o proceso inverso: a desindustrialización. 

Isto explícase porque aumenta o sector terciario.
Tamén se debe a que moitas empresas levan as súas fábricas a outros países onde é máis barato producir. 

O sector secundario ocupa o 10 % da poboación activa de España. 
E representa o 14 % do PIB de España.

Destacan a industria do automóbil, a de produción de alimentos e a química. 

Pero España depende da enerxía que importa do exterior, sobre todo petróleo e gas natural.

A maioría das empresas españolas teñen menos de dez persoas empregadas.
Estas pequenas empresas chámanse PEMES.
Moitas destas empresas dependen de axudas europeas ou doutros países. 

En España destacan tres grandes paisaxes industriais.

  • Áreas industriais desenvolvidas:
    Corresponden coas áreas de Madrid e Barcelona.
    Nelas sitúanse as industrias máis punteiras.
  • Áreas en expansión:
    Son a cunca do Ebro e a costa levantina. 
    Alí destacan industrias en desenvolvemento como a agroalimentaria. 
  • Áreas en declive:
    Corresponde ao eixe cantábrico, desde Galicia a Euskadi.
    Ten industrias máis tradicionais como a mineira ou a naval.
    Estas industrias están en proceso de reconversión ou desaparición. 

Apoio visual

Esquema sector secundario en España

O sector servizos en España

O sector terciario é o verdadeiro motor da economía estatal cun 70 % do PIB e da poboación activa. Nesa alta porcentaxe destaca o turismo como principal actividade, seguida do comercio, o transporte, os servizos financeiros como a banca, e os servizos sociais como a educación e a sanidade. Igual que outros países desenvolvidos, a de España é unha economía terciarizada, notable desde a década de 1960, e que continúa aínda hoxe a tendencia á terciarización. 

Turismo

É o subsector clave, responsable da terceira parte da economía do sector servizos do Estado e o 12 % do PIB. Non en van, España é un dos principais destinos turísticos a nivel mundial, ocupando en 2024 o segundo posto con 94 millóns de turistas internacionais. Estes turistas proveñen de países como Reino Unido, Francia e Alemaña, seguidos de Italia e Países Baixos. Chegan atraídos pola oferta de sol e praia en destinos como a costa mediterránea e os arquipélagos canario e balear; pola gastronomía e ocio nocturno das grandes urbes como Madrid e Barcelona; e tamén polo patrimonio cultural de cidades como Salamanca, Córdoba ou Toledo.

Con todo, o crecemento descontrolado do turismo de masas está a provocar importantes problemas:

- Impacto ambiental: O turismo, sobre todo de sol e praia, comporta problemas de contaminación (aire, auga, residuos), esgotamento dos recursos naturais, perda de biodiversidade e destrución de ecosistemas.

- Turistificación e xentrificación: Moitos edificios dos centros das cidades convértense en aloxamentos turísticos, expulsando a veciñanza cara á periferia e alterando o tecido social. Isto tamén ten un notable impacto na oferta de vivenda, cada vez máis escasa e con prezos á alza.

- Perda de identidade: Substitución de comercios tradicionais por tendas de souvenirs e franquías, e unha oferta gastronómica homoxeneizada.

- Dependencia económica estatal dun sector moi estacional nos meses de verán co turismo de sol e praia, e que se demostrou vulnerable e inestable ante situacións de crise, como a recente da COVID-19.

Por estes motivos, cada vez son máis frecuentes as protestas cidadás contra o actual modelo de turismo e a demanda de alternativas máis sostibles.

Vista dunha praia de Palma de Mallorca, exemplo de turismo de sol e praia

Comercio

É outro subsector moi relevante que representa unha parte importante do PIB e do emprego. Nos últimos anos creceu o comercio exterior, con exportacións lideradas polo automóbil, os produtos farmacéuticos e os agroalimentarios. Porén, España segue arrastrando un histórico déficit comercial, xa que as exportacións son menores que as importacións. Entre estas últimas destacan os produtos enerxéticos, bens de capital e produtos químicos.

No interior predomina o comercio polo miúdo, cun gran número de PEMES que nos últimos anos deberon afrontar unha transformación dixital e a competencia cada vez maior das grandes superficies e do comercio electrónico.

Transportes

Nas últimas décadas aumentou a construción de infraestruturas de transporte terrestre: autoestradas, rede ferroviaria de alta velocidade... Con todo, a estrutura radial desta rede de transportes implica a primacía das conexións coa capital e a falta de conexión de moitas outras zonas do Estado.

Algo semellante acontece co transporte aéreo, cunha ampla rede de aeroportos que na meirande parte operan un número de destinos moi reducido e con escasa frecuencia, fronte á ampla oferta dos aeroportos de Madrid ou Barcelona.

Mapa coas autoestradas e autovías en España
Mapa coas vías de tren en España

Lectura facilitada

O sector terciario é o máis destacado da economía española.
Ocupa o 70 % da poboación activa de España. 

O turismo é a principal actividade do sector terciario español.
Outras actividades importantes son o comercio, os transportes, a sanidade ou a educación. 

A economía española é unha economía terciarizada. 

Turismo
É a principal actividade do sector servizos estatal. 
O turismo representa un terzo do sector servizos.
O turismo achega o 12 % do PIB.

España é un dos principais destinos turísticos a nivel mundial. 
En 2024 foi o segundo país máis visitado con 94 millóns de turistas. 
Estes turistas proveñen de países como Reino Unido, Francia e Alemaña.

Un dos principais atractivos é o turismo de sol e praia en zonas de costa e nas illas. 
Outro dos motivos é a gastronomía e o ocio nocturno.
Tamén atrae visitantes o patrimonio cultural.

O turismo de masas está a provocar graves problemas:

  • Impacto ambiental: contaminación, esgotamento dos recursos, perda de biodiversidade...
  • Turistificación e xentrificación: a suba dos alugueiros obriga moitas persoas a marchar dos centros das cidades.
  • Perda de identidade: moitos comercios tradicionais substitúense por franquías ou tendas de souvenirs. 
  • A economía estatal depende moito dun  sector que pode verse moi afectado nas crises. 
  • Por estes motivos cada vez son máis as demandas dun modelo de turismo máis sostible.

Comercio

É outra actividade importante do sector servizos.
Nos últimos anos creceu o comercio exterior.
As exportacións máis destacadas son as de automóbiles, produtos farmacéuticos e agroalimentarios. 

España ten déficit comercial porque exporta menos do que importa. 
O que máis importa son produtos enerxéticos.

No interior predomina o comercio polo miúdo. 

Moitas PEMES deberon afrontar unha transformación dixital.
As PEMES tamén teñen unha forte competencia das grandes superficies e do comercio por internet. 

Transportes

Nas últimas décadas aumentou a construción de autoestradas e liñas de tren de alta velocidade. 

España ten unha rede de transportes radial, con centro en Madrid. 
Esta rede radial provoca desequilibrios, con zonas da periferia mal conectadas. 

Na rede de aeroportos acontece algo semellante.
Hai moitos aeroportos pequenos pero con menos conexións. 

Apoio visual

Esquema sector terciario en España

Reflexiona sobre o turismo sostible

Le a seguinte reportaxe sobre protestas en Europa contra o turismo de masas e responde as cuestións:

  • Cales son os motivos das protestas?
  • Que fan as persoas manifestantes para expresar o seu malestar?
  • Que alternativas propoñen ao modelo actual de turismo de masas?

Procura na Rede exemplos semellantes na túa contorna máis próxima. Organizade na clase un debate sobre os efectos negativos do turismo de masas. 

O sector primario en Galicia

Foi o sector predominante ata ben entrado o século XX, cando comezou a descender. Na actualidade continúa esa tendencia, representando menos do 5 % do PIB galego. Alén desta porcentaxe, o sector primario en Galicia é fundamental na distribución alimentaria e como primeiro do sistema económico.

No eido agrario destaca o predominio da gandaría bovina para produción láctea e cárnica e, en menor medida, da porcina e aviar. Nos últimos anos foi notable a tecnificación das explotacións, moitas delas cooperativas, e o incremento da agricultura e a gandaría ecolóxicas. Aínda así, o sector enfronta varios problemas como o progresivo abandono do rural, unha estrutura da propiedade minifundista, que supón un freo á competitividade e á exportación, e tamén unha masa social envellecida con escaso relevo xeracional.

O sector pesqueiro galego mantén o seu arraigo tradicional en zonas costeiras. É un dos máis relevantes dentro da UE, cunha frota de máis de 4000 embarcacións con portos clave como o de Vigo, o maior do Estado en descargas de peixe fresco. Destaca a variedade da súa actividade, que engloba a pesca de baixura, a de altura, o marisqueo e a piscicultura. Entre as especies capturadas destacan o polbo, a sardiña, o bacallau ou o atún.

Nas últimas décadas cobrou forza o sector forestal, en parte como consecuencia do abandono da actividade agrícola e gandeira e da proliferación de industrias madeireiras. Iso supuxo un incremento da porcentaxe de superficie forestal, que acada xa o 49 % do noso territorio, unha cifra que non deixa de medrar. Galicia produce o 60 % da madeira do Estado, sobre todo con plantacións de especies de crecemento rápido como o eucalipto e o piñeiro, que empobrecen o solo, alteran a biodiversidade e facilitan a propagación de incendios forestais.

Lectura facilitada

O sector primario foi o máis importante en Galicia ata ben entrado o século XX.
Desde entón foi perdendo importancia.
Na actualidade representa menos do 5 % do PIB (Produto Interior Bruto) galego.
Aínda así, segue a ser fundamental para a produción de alimentos.

Agricultura e gandaría

Destaca a gandaría bovina para a produción de leite e carne.
Tamén son importantes a gandaría porcina e a aviar.

Nos últimos anos aumentou o uso de máquinas e técnicas avanzadas.
Tamén medrou a produción ecolóxica.

Moitas explotacións agrarias funcionan como cooperativas.

O sector agrario galego ten varios problemas:

  • o abandono do rural
  • o minifundismo
  • o envellecemento da poboación

Pesca

O sector pesqueiro galego segue a ter moita importancia nas zonas costeiras.
É un dos máis importantes da Unión Europea.

Conta con portos destacados como os de Vigo e A Coruña.
O porto de Vigo é o maior do Estado en descargas de peixe fresco.

Inclúe pesca de altura, pesca de baixura, marisqueo e acuicultura.

Entre as especies capturadas destacan o polbo, a sardiña, o bacallau e o atún.

Sector forestal

Nas últimas décadas o sector forestal gañou importancia.

Isto débese en parte ao abandono Nas últimas décadas cobrou forza o sector forestal, en parte como consecuencia do abandono da actividade agrícola e gandeira e a proliferación de industrias madeireiras. e ao desenvolvemento da industria da madeira.

Na actualidade a superficie forestal ocupa arredor do 49 % do territorio galego.

Galicia produce o 60 % da madeira do Estado.

As especies máis empregadas son o eucalipto e o piñeiro.

Estas especies poden provocar problemas ambientais:

  • empobrecemento do solo
  • perda de biodiversidade
  • maior propagación dos incendios forestais

O eucalipto baixo a lupa

Como vemos, cada vez proliferan máis as plantacións de eucalipto en Galicia. Alén do seu beneficio económico, supoñen un impacto no medio natural que segue de actualidade. En grupos de 3-4 persoas, procurade información sobre os efectos ecolóxicos do eucalipto: biodiversidade, solo e auga. Cada grupo investigará un aspecto: 

  • Consumo de auga
  • Efectos sobre o solo
  • Biodiversidade
  • Risco de incendios
  • Substitución de especies autóctonas e impacto na paisaxe

Cada grupo elaborará unha ficha resumo visual que exporá ao resto da clase.

O sector secundario en Galicia

Representa arredor do 16 % do PIB e da poboación ocupada, polo que o seu peso é superior á media estatal. Entre as industrias galegas máis destacadas adoitan citarse a automobilística e a téxtil, con Citroën e Inditex como grandes multinacionais. Con todo, hai que ter en conta que a primeira depende de capital estranxeiro, e a segunda ten deslocalizada a súa produción en países menos desenvolvidos. Máis tradición teñen sectores como o agroalimentario ou o naval, aínda que este último leve anos en proceso de reconversión. No da alimentación destacan as industrias derivadas da actividade pesqueira, como a conserveira, tanto de peixe como de marisco.

Nos últimos anos está a cobrar impulso a produción de enerxía, sobre todo en renovables como a hidráulica, a eólica e a biomasa. As renovables representan o 80 % da enerxía producida en Galicia, destinada maioritariamente a exportación ao resto da Península. A eólica, con case 200 parques, é a que máis crece e tamén a que enfronta maior rexeitamento social polo enorme impacto ambiental e paisaxístico que implica a súa instalación.

Antigas latas de conserva expostas no Museo do Mar de Galicia. Exemplo de industria tradicional galega vinculada ao sector pesqueiro.

Vista dos aeroxeradores dun parque eólico en Carnota

Lectura facilitada

O sector secundario representa o 16 % do PIB (Produto Interior Bruto) galego.
Tamén emprega o 16 % da poboación activa.
O seu peso é superior á media estatal.

Industria

Entre as industrias galegas destacan a automobilística e a téxtil.

A industria automobilística depende de empresas estranxeiras.
A industria téxtil fabrica moitos dos seus produtos noutros países.
Dícese que ten deslocalizada a súa produción.

Outros sectores tradicionais son o agroalimentario e o naval.
O sector naval está en proceso de reconversión.

No sector agroalimentario destacan as industrias conserveiras de peixe e marisco.

Enerxía

Nos últimos anos aumentou a produción de enerxía.

Destacan as enerxías renovables:
a hidráulica, a eólica e a biomasa.

O 80 % da enerxía producida en Galicia é renovable.
A maior parte expórtase ao resto da Península.

A enerxía eólica é a que máis medra.
Galicia conta con case 200 parques eólicos.

Porén, tamén xera críticas polo seu impacto ambiental.

O sector terciario en Galicia

É o predominante, representando arredor do 70 % da poboación activa e do PIB galego.

Comercio

É a principal actividade, con máis da metade do sector terciario. As exportacións supoñen unha alta porcentaxe do PIB galego, por riba do 40 %, superando a media estatal. Disto son responsables subsectores como a industria alimentaria, a automobilística e a enerxética. A balanza comercial é positiva, ao haber máis exportacións que importacións. Con todo, o PIB per cápita sitúase por debaixo da media do Estado.

Turismo

É un subsector clave, aínda que representa unha porcentaxe menor que a media estatal debido á súa estacionalización. Con todo segue a medrar, superando en 2024 os 8 millóns de turistas. Predomina o turismo estatal, procedente de lugares como Asturias, Castela e León ou Madrid. Nos últimos anos continúa a aumentar o turismo internacional, acadando xa o 30 % e que provén principalmente de Portugal, EUA.., Italia e Alemaña. Os destinos máis visitados son cidades como Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo, ademais das Rías Baixas e do Camiño de Santiago. A oferta abrangue desde o turismo de costa ata o cultural, pasando polo natural ou o termal.

O crecemento masivo do turismo nos últimos anos provoca reaccións semellantes ás que experimentan outros destinos estatais. Cada vez son máis as voces que piden unha mellor regulación do sector para acadar un crecemento sustentable e respectuoso co medio.

Transportes

O transporte por estradas mobiliza a diario un gran volume de persoas e mercadorías, sobre todo en vías de alta capacidade (autovías e autoestradas). No transporte de pasaxeiros é fundamental tamén a rede ferroviaria, que nos últimos anos incorporou a alta velocidade nalgúns tramos. Tanto na Rede de estradas como na de ferrocarril apréciase o maior peso das conexións no eixe atlántico en comparación con outras zonas do interior de Galicia.

O transporte marítimo é vital na importación e exportación de mercadorías, a través de grandes portos comerciais como Vigo e A Coruña. Para o transporte aéreo conta cos aeroportos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Mapa coas diferentes liñas de transporte ferroviario en Galicia

Lectura facilitada

O sector servizos é o máis importante en Galicia.
Representa o 70 % da poboación activa e do PIB.

Comercio

É a principal actividade do sector terciario.
Representa máis da metade do sector.

As exportacións superan a media estatal cun 40 %.

O que máis se exporta son automóbiles, alimentos e enerxía.

A balanza comercial galega é positiva.
Hai máis exportacións que importacións.

O PIB por habitante é inferior á media do Estado.

Turismo

O turismo é unha actividade importante en Galicia.

A maior parte da actividade turística concéntrase en determinadas épocas do ano.
Por iso representa unha porcentaxe menor ca na media do Estado.

O turismo segue a medrar.
En 2024 superou os 8 millóns de visitantes.

A maioría dos turistas proceden do propio Estado.
Destacan Asturias, Castela e León e Madrid.

O turismo internacional tamén segue a medrar.
Representa arredor do 30 % do total.
Os principais países de orixe son Portugal, Estados Unidos, Italia e Alemaña.

Os destinos máis visitados son A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Tamén reciben moitos visitantes as Rías Baixas e o Camiño de Santiago.

A oferta turística inclúe turismo de costa, cultural e termal.

O aumento do turismo está a xerar reaccións.
Moitas reclaman un turismo máis sostible.

Transportes

O transporte por estrada move un gran volume de persoas e mercadorías.
Destacan as autovías e as autoestradas.

A rede ferroviaria tamén é fundamental para o transporte de pasaxeiros.
Nos últimos anos incorporouse a alta velocidade a algúns tramos.

As principais conexións sitúanse no eixe atlántico.

No transporte marítimo predominan as mercadorías.
Son importantes os portos da Coruña e Vigo.

Galicia conta cos aeroportos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)