Saltar navegación

3.1. Oda á alegría: o mercado na Unión Europea

 

Glosario

Manufacturas

Pictograma que amosa unha fábrica con materia prima cacao e produto final chocolate

Definición:

As manufacturas son produtos que se fan nun taller ou nunha fábrica, transformando materias primas en obxectos que xa podemos usar, como móbiles, roupa, mobles ou coches.

Exemplo:

Cando unha fábrica colle leite, azucre e cacao e produce tabletas de chocolate, está realizando unha actividade de manufactura.

Materia prima

Pictograma que muestra una fábrica con materia prima cacao y producto final chocolate

Definición:

Material básico que se emprega para fabricar outros produtos.

Exemplo:

O cacao é a materia prima do chocolate.

PIB (Produto Interior Bruto)

Pictograma que representa billetes de euro

Definición:

Valor dos bens e dos servizos producidos por un país nun período determinado de tempo, normalmente un ano.

Exemplo:

O PIB é un dos indicadores que miden a riqueza económica dun país.

Rendibilidade

Pictograma que representa a compra dun obxecto con cartos

Definición:

A rendibilidade é a relación entre o que se gaña e o que se gasta nunha actividade. Dicimos que algo é rendible cando os beneficios que obtés son maiores que os custos que tivo facelo.

Exemplo:

Se un agricultor gasta 200 € en sementes e maquinaria, pero logo vende as verduras por 600 €, a súa actividade é rendible porque gaña máis cartos dos que investiu.

O mercado na Unión Europea

A imaxe amosa o mapa dos países da actual Unión Europea

A Unión Europea é unha das principais áreas económicas mundiais, sendo na actualidade a primeira rexión comercial do planeta. A isto contribúe a existencia dun mercado único dentro da UE, e que ten como obxectivo principal permitir a libre circulación de bens, servizos, capitais e persoas entre os Estados membros sen aranceis nin controis fronteirizos. A economía da rexión é a terceira máis grande do mundo en termos nominais.

A UE é o maior exportador de manufacturas e servizos como maquinaria, vehículos e produtos químicos. Os principais destinos das exportacións son Estados Unidos, Reino Unido e China. Ao mesmo tempo, a UE é dependente de importacións en enerxía e materias primas

Verás agora máis detalles do mercado europeo por sectores produtivos.

Lectura facilitada

A Unión Europea é unha das principais áreas económicas mundiais.

Na actualidade, A Unión Europea é a primeira rexión comercial do planeta. 

A iso contribúe a existencia dun mercado único dentro da UE. 

O mercado único ten como obxectivo principal
permitir a libre circulación de bens, servizos, capitais e persoas entre os Estados membros
sen aranceis nin controis fronteirizos.

A economía da rexión é a terceira máis grande do mundo en termos nominais.

A UE é o maior exportador de manufacturas e servizos como maquinaria, vehículos e produtos químicos.

Os principais destinos das exportacións son Estados Unidos, Reino Unido e China.

A UE é dependente de importacións en enerxía e materias primas. 

Verás agora máis detalles do mercado europeo por sectores produtivos.

Apoio visual

Esquema da economía da UE

O sector agrario en Europa

Aproximadamente, 1 de cada 25 europeos traballa no sector primario
Ilustración que representa 25 persoas das cales só unha ten diferente cor xa que representa o 4% da poboación que se dedica ao sector primario

O sector primario en Europa ocupa arredor de 8,6 millóns de persoas, o que representa o 4,2 % da poboación activa. A pesar do seu reducido peso, ten unha alta produtividade, achegando máis do 1,2 % do PIB da UE.

O sistema agrario europeo destaca por ser un dos máis tecnificados e produtivos do mundo. Entre as principais exportacións destacan produtos como cereais, lácteos, carne de porco e viño.

A Política Agraria Común (PAC)

Bandeira europea coas siglas PAC Política Agraria ComúnO principal instrumento que regula o sector agrario na Unión Europea é a Política Agraria Común (PAC), compartida por todos os países membros. Entre os seus obxectivos están ofrecer axuda ás persoas agricultoras (normalmente con subvencións), mellorar a rendibilidade do sector, garantir alimentos accesibles, conservar o medio natural e loitar contra o cambio climático. Con todo, a PAC é foco de controversias polos criterios á hora de asignar as subvencións ou por reverter en melloras reais no sector agrario.

Lectura facilitada

O sector primario en Europa ocupa arredor de 8,6 millóns de persoas.
Iso é aproximadamente o 4,2 % da poboación activa.
O sector primario ocupa pouca poboación e ten un peso reducido na economía.

Porén, a súa produtividade é moi alta.
É dicir, produce moito con poucas persoas traballadoras.
Achega máis do 1,2 % do PIB europeo.

A Política Agraria Común (PAC)

O principal instrumento que regula o sector agrario na Unión Europea é a Política Agraria Común (PAC).
Todos os países membros comparten esta política. 

A PAC ten varios obxectivos:

  • axudar ás persoas agricultoras
  • mellorar a rendibilidade do sector
  • protexer o medio natural
  • loitar contra o cambio climático

A PAC tamén recibe críticas.
Un dos motivos é a forma de repartir as subvencións.

Apoio visual

Esquema sector primario na UE

A industria europea

Aproximadamente, 2 de cada 10 europeos traballa no sector secundario.
Ilustración con 10 persoas das cales 2 están en diferente cor representando a porcentaxe de persoas que en Europa traballan no sector secundario


Europa segue a ser unha das principais rexións industriais do mundo, cunha longa tradición histórica, malia non ser na actualidade o sector predominante. Emprega arredor do 17 % da poboación activa e representa o 19 % do PIB, aínda que existen diferenzas dun país a outro.

A imaxe mostra un mapa de Europa con unha franxa pintada de azul, a correspondente á rexión coñecida como banana azul

A industria en Europa caracterízase pola súa produtividade e tecnificación. Entre os sectores máis destacados podemos mencionar o químico, o automobilístico, o siderúrxico e o agroalimentario. Con todo, nos últimos anos a industria europea está a experimentar un decrecemento, por mor dos procesos de desindustrialización e  de deslocalización.

A principal rexión industrial europea é a coñecida como Eixe central ou Banana azul. Comprende zonas de Europa central desde Londres ata o norte de Italia pasando por Bruxelas, París ou Frankfurt. Nela concéntranse moitas das grandes industrias e centros financeiros do continente.

Lectura facilitada

Europa segue a ser unha das principais rexións industriais do mundo.
Pero na actualidade o sector secundario xa non é o máis importante.

O sector secundario europeo emprega arredor do 17 % da poboación activa.
Representa o 19 % do PIB europeo.

A industria europea é moi produtiva e emprega tecnoloxía avanzada.

Os sectores máis destacados son:

  • o químico
  • o automobilístico
  • o siderúrxico
  • o de produción de alimentos

Nos últimos anos a industria europea perdeu importancia.

A principal rexión europea chámase Eixe central ou Banana azul.
A Banana azul abrangue zonas de Europa como Londres, Bruxelas, París ou Frankfurt.
Nesa zona concéntranse moitas das grandes industrias do continente.

Apoio visual

Esquema sector secundario na UE

O sector servizos en Europa

É o sector predominante, representando arredor do 70 % do PIB e ocupando a maior parte da poboación activa, máis do 70 %.

Aproximadamente, 7 de cada 10 europeos traballa no sector terciario
Ilustración con 10 persoas das cales 7 están en diferente cor representando a porcentaxe de persoas que en Europa traballan no sector terciario

Comercio

É a principal actividade do sector terciario. A UE é unha das maiores potencias comerciais do mundo, cun forte mercado exterior e interior sen aranceis entre os países membros.

Transporte

Está ligado ao desenvolvemento do comercio, vertebrado nunha ampla rede de transportes que tamén estrutura o territorio: rede de estradas e vías rápidas, vías ferroviarias e transporte aéreo.  

Turismo

Europa alberga algúns dos principais destinos turísticos do mundo, como Francia, España ou Italia. Trátase dun sector económico de grande importancia, representando o 10 % do PIB e empregando a máis de 23 millóns de persoas. Tras superar as perdas da pandemia, agárdase que o sector siga medrando nos próximos anos. Isto pon de relevancia un dos principais desafíos do sector: o crecemento sostible e respectuoso co medio natural e as persoas que habitan os espazos turísticos.

Lectura facilitada

O sector servizos é o máis importante en Europa.
Representa arredor do 70 % do PIB europeo.
Ocupa máis do 70 % da poboación activa de Europa.

O comercio é a principal actividade do sector servizos europeo.
A Unión Europea é unha das maiores potencias comerciais do mundo.
O seu comercio baséase en:

  • un forte mercado exterior
  • un forte mercado interior, sen aranceis entre os países membros

O transporte en Europa está vinculado ao desenvolvemento do comercio.
Destacan a rede de estradas e vías rápidas, as vías ferroviarias e o transporte aéreo.

Europa alberga algúns dos principais destinos turísticos do mundo.
Algúns deses destinos son Francia, España e Italia.

O turismo é un sector económico moi importante en Europa.
Achega o 10% do PIB europeo.
No turismo europeo traballan máis de 23 millóns de persoas.

Na pandemia, o sector tivo perdas importantes.
Tras a pandemia, agárdase que siga medrando nos próximos anos.

O sector do turismo ten varios desafíos.
Un deses desafíos é o crecemento sostible e respectuoso co medio natural.

Apoio visual

Esquema sector terciario na UE

Sectores produtivos na UE porcentaxe do PIB

Economizando

Le o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.

A Unión Europea é a rexión comercial do planeta. Exporta manufacturas e servizos como maquinaria, e produtos químicos. Os principais destinos das exportacións son Estados Unidos, Reino Unido e . Ao mesmo tempo, a UE é dependente de importacións en e materias

O sistema agrario europeo destaca por ser un dos máis   e produtivos do mundo. O principal instrumento que regula o sector agrario na Unión Europea é a Política Común. 

Europa segue a ser unha das principais rexións industriais do mundo. Entre os sectores máis destacados podemos mencionar o , o , o e o . A principal rexión industrial europea é a coñecida como Eixe central ou  azul .

O sector servizos é o predominante en Europa. A principal actividade do sector é o . A UE ten un forte mercado exterior e interior sen entre os países membros. Europa tamén alberga algúns dos principais destinos turísticos do mundo, como Francia, España ou . Un dos principais desafíos do sector é o crecemento

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)