Saltar navegación

1. Abrindo a mente ao mundo

 

Glosario

Diversidade

Imaxe de diferentes persoas

Definición:

É a existencia de persoas con diferentes características a nivel persoal ou grupal.

Exemplo:

Todas as persoas contribuímos á diversidade no mundo.

Inclusión

Imaxe de persoas con diferentes capacidades

Definición:

Capacidade para facer que as persoas se sintan iguais dentro dun grupo ou sociedade.

Exemplo:

Na sociedade existen diversas asociacións que traballan pola inclusión.

Interculturalidade

Imaxe de persoas de diferentes persoas

Definición:

É a relación entre as diferentes sociedades ou culturas do mundo.

Exemplo:

A interculturalidade enriquece as persoas.

Unha cuestión para reflexionar

A profesora formulounos unha serie de preguntas sobre aspectos económicos, políticos e sociais de Galicia, de España e de Europa, pero non soubemos moi ben que responder, o que fixo que nos expuxera outra cuestión para reflexionar: se as persoas que naceron no continente europeo descoñecen as súas principais características, como se poden sentir as que emigran doutras partes do mundo para tentar empezar unha nova vida nese territorio? Iso levou a que saísen palabras como interculturalidade, inclusión, diversidade…Logo, leu unha serie de noticias relacionadas coas persoas inmigrantes e as súas razóns para marchar do seu país, o que xerou un forte debate na clase, a favor e en contra do fenómeno migratorio. 

Fotografía antiga dun barco partindo do porto de Vigo con emigrantes


Despois, lembrounos que as principais causas da emigración son por cuestións laborais e que o pobo galego foi e é emigrante, polo que deberiamos telo en conta á hora de valorar o papel positivo que a emigración xoga no desenvolvemento económico e social dos países receptores, por exemplo, contribuíndo ao rexuvenecemento da poboación. Relacionado con ese tema, indicou que a base de toda boa convivencia é o respecto á diversidade.

Finalmente, preguntounos que solucións se nos ocorrirían para conseguir unha mellor integración en ambos os dous sentidos, pero ao ver que non había moitas ideas propúxonos un reto: imaxínate que pertences a unha asociación cultural que foi contratada para crear uns materiais didácticos para que as persoas que cheguen ao continente europeo, e en concreto, a Galicia e a España, coñezan as súas principais características a nivel económico, social e cultural. 

Coñecer como é a realidade económica, cultural e social da Unión Europea e do país no que vives, axudarache a entender todos os cambios que se produciron nestes últimos anos e a expresalos de forma crítica, ademais de contribuír a conseguir determinadas metas dos ODS (Obxectivos do Desenvolvemento Sostible): -saúde e benestar (obxectivo 3)-, -educación de calidade (obxectivo 4)-, -igualdade de xénero (obxectivo 5), -traballo decente e crecemento económico (obxectivo 8)-, -industria, innovación e infraestruturas (obxectivo 9), -redución das desigualdades (obxectivo 10)-, -paz, xustiza e institucións sólidas (obxectivo 16) e -alianzas para acadar os obxectivos (obxectivo 17)-.

Como reto final terás que elaborar unha serie de produtos finais, a través de diferentes ferramentas e formatos creativos, que che axuden a analizar, comprender e presentar ao resto da comunidade educativa o funcionamento,  a economía e a evolución demográfica e social da Unión Europea, de España e de Galicia. O coñecemento do contorno que habitamos fainos adaptarnos mellor a unha realidade multicultural e cambiante.

A imaxe mostra os obxectivos de desenvolvemento sostible ODS 2030

Lectura facilitada

A profesora fixo diferentes preguntas sobre Galicia, España e Europa.
As preguntas trataban temas:

  • económicos
  • políticos
  • sociais

Unha parte do alumnado non soubo responder.
Outra parte deu respostas incompletas.

Despois, a profesora preguntou como se poden sentir as persoas migrantes
cando chegan a un novo lugar.

Na aula apareceron palabras como:

  • interculturalidade
  • inclusión
  • liberdade

A profesora leu noticias sobre as razóns polas que emigran as persoas.
Despois, o alumnado participou nun debate sobre a migración.

A profesora explicou algunhas ideas importantes:

  • as principais causas da emigración son laborais
  • o pobo galego foi e segue sendo emigrante
  • a emigración pode favorecer o desenvolvemento económico e social
  • a chegada de persoas migrantes pode rexuvenecer a poboación
  • o respecto á diversidade é a base da convivencia

A profesora propuxo un reto.
Neste reto, formaredes parte dunha asociación cultural.
Teredes que crear materiais didácticos para persoas inmigrantes.
Estes materiais deben explicar as principais características económicas, sociais e culturais de España e Galicia.

Coñecer a realidade económica, cultural e social da Unión Europea axudará a:

  • entender os cambios dos últimos anos
  • desenvolver a capacidade crítica
  • traballar varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)

Algúns destes ODS son:

  • Saúde e benestar
  • Educación de calidade
  • Igualdade de xénero
  • Traballo decente e crecemento económico
  • Industria, innovación e infraestruturas
  • Redución das desigualdades
  • Paz, xustiza e institucións sólidas
  • Alianzas para acadar os obxectivos

O reto final consiste en elaborar produtos finais.

Estes produtos deberán:

  • empregar diferentes ferramentas
  • ter formatos creativos
  • axudar a comprender información importante da Unión Europea, España e Galicia
  • facilitar a adaptación a unha realidade multicultural e cambiante

Apoio visual

Diagrama que explica o reto de forma visual

Traballando nesta unidade, aprenderás...

Superado o reto, poderás

  • Entender o funcionamento do mercado europeo e o papel de España e Galicia nel.
  • Coñecer as características dos sectores primario, secundario e terciario.
  • Identificar os aspectos económicos máis salientables da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
  • Analizar e comparar a evolución da poboación europea, española e galega.
  • Identificar os principais retos demográficos actuais.
  • Entender os diferentes modos de vida e a diversidade social.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)