Outros servizos
Servizos sanitarios
Inclúen todos os servizos orientados á prevención e ao tratamento das diferentes doenzas. Este conxunto de servizos pode ser prestado polo Estado (sanidade pública) ou por empresas privadas (sanidade privada). Unha modalidade de prestación de servizos sanitarios que está a experimentar unha rápida expansión son os convenios establecidos entre as administracións públicas e empresas privadas, mediante os cales estas prestan servizos sanitarios pagados polo Estado ás persoas doentes.

Servizos educativos
Engloban todos os servizos dedicados á educación da cidadanía. De igual maneira que no caso anterior estes servizos poden ser prestados polo sector público, polo sector privado ou de maneira mixta, a través dos concertos educativos. Trátase dun acordo económico entre centros educativos privados e as administracións públicas para impartir ensinanzas gratuítas en centros privados financiadas con fondos públicos.

Servizos financeiros
Comprenden todas as actividades que permiten xestionar o diñeiro de maneira eficiente. Permiten o aforro, o investimento e a protección fronte os riscos.
Inclúen actividades como:
- Bancos: reciben os aforros das persoas e empresas e prestan os cartos cobrando un xuro.
- Compañías de seguros: a cambio do pagamento dunha prima, protexen as persoas e as empresas de diferentes riscos.
- Fondos de investimento e as bolsas de valores: os fondos son un produto financeiro a través dos que moitas persoas xuntan os seus aforros para que profesionais se encarguen de investilos, mercando accións ou bonos, coa finalidade de obter un beneficio. As bolsas de valores son os lugares onde se compran e se venden as accións.
- Servizos de pagamento: permiten realizar pagamentos, enviar e recibir diñeiro de maneira segura.
Servizos persoais
Abranguen actividades que permiten mellorar a calidade de vida das persoas, pois axudan a satisfacer necesidades como educación, saúde, limpeza, ocio ou reparación, entre outras.

Servizos sociais
Son servizos prestados polo Estado ou por diferentes organismos para axudar a colectivos pouco favorecidos ou en situación de necesidade. As súas finalidades son garantir os dereitos das persoas e promover, a igualdade e o benestar social.

Servizos de comunicación
Son aqueles que permiten transmitir información ou mensaxes entre persoas, empresas e institucións de forma rápida e eficaz. Inclúen o correo e a mensaxería, a telefonía, os medios de comunicación (prensa, radio e televisión) e tamén Internet.

Servizos a empresas
Inclúense neste apartado aquelas de actividades que lle permiten ás empresas mellorar a súa organización, ser máis eficientes e máis produtivas. Exemplos son o transporte, a publicidade, a asesoría legal, a seguridade ou o mantemento. Actualmente moitas empresas a realizar estas actividades a través de empresas externas para así poderen centrarse naquelas actividades para as que foron creadas e sexan máis eficaces.

Lectura facilitada
- Servizos sanitarios:
Inclúen prevención e tratamento de doenzas.
Poden ser públicos (Estado),
ou privados (empresas).
Tamén hai servizos mixtos,
onde empresas privadas cobran do Estado
para atender doentes.
- Servizos educativos:
Inclúen escolas, institutos e universidades.
Poden ser públicos, privados ou mixtos.
Os concertos educativos permiten ensino privado gratis
financiado polo Estado.
- Servizos financeiros:
Axudan a xestionar o diñeiro.
Permiten aforrar, investir e protexerse de riscos.
Exemplos:- Bancos: gardan diñeiro e prestan cartos con xuro.
- Seguros: protexen persoas ou empresas a cambio dunha prima.
- Fondos de investimento: xuntan aforros e invístense
para obter beneficios. - Bolsas de valores: onde se compran e venden accións.
- Servizos de pagamento: permiten enviar e recibir diñeiro
de forma segura.
- Servizos persoais:
Aumentan a calidade de vida:
Exemplos son educación, saúde, limpeza, ocio, reparacións…
- Servizos sociais:
Prestados polo Estado
ou organismos para persoas necesitadas.
Buscan igualdade e benestar social.
- Servizos de comunicación:
Permiten transmitir información:- Correo e mensaxería
- Telefonía
- Medios de comunicación (prensa, radio, TV)
- Internet
- Servizos a empresas:
Axudan ás empresas a ser máis eficientes:- Transporte
- Publicidade
- Asesoría legal
- Seguridade
- Mantemento
Moitas empresas subcontratan estes servizos
para centrase nas actividades nas que están especializadas..