Saltar navegación

3.6. É posible seguir así?

Retos e límites do modelo económico

O planeta ten uns recursos finitos, pero a actividade económica parece ignoralo, consumíndoos e degradando o medio natural a un ritmo que resulta insostible a medio e longo prazo.

Lectura facilitada

O planeta ten recursos limitados.

A actividade económica consúmeos moi rápido
a un ritmo que non se sostén a longo prazo.

Cambio de tendencia?

Aínda que a globalización económica non se detivo por completo, amosa unha ralentización debida aos motivos vistos para explicar a relocalización industrial.
A estes motivos hai que engadir a saturación dalgunhas rutas e as tensións comerciais e políticas entre potencias como China e Estados Unidos (a chamada "guerra dos aranceis").
Estas situacións provocan subas nos impostos e dificultan o comercio internacional.

Lectura facilitada

A globalización económica foise ralentizando.

As principais causas son as seguintes:

  • Relocalización industrial
  • Saturación de rutas de transporte
  • Tensións comerciais entre potencias
    como a guerra dos aranceis entre China e EUA.

Os retos sociais

Xa vistes que a globalización non impide grandes diferenzas de desenvolvemento e benestar entre países, e vés como se incrementan no seo de cada sociedade cunha tendencia a concentrar a riqueza en poucas mans. Conseguir un reparto máis equitativo é un dos retos dos sistemas.

O desenvolvemento da intelixencia artificial é outro desafío global, xa que está a modificar profundamente a actividade produtiva e destruír moito emprego manual.

Lectura facilitada

A riqueza concéntrase en poucas mans,
é necesario repartir mellor a riqueza.
A intelixencia artificial constitúe outro reto
xa que destrúe empregos manuais.

Os límites ambientais

A presión sobre o medio natural e os recursos naturais increméntase a medida que as actividades económicas se intensifican e masifican, e a globalización multiplica os desprazamentos de produtos e persoas. 

  • A contaminación. Solos e augas (subterráneas e superficiais) contamínanse cos produtos químicos da agricultura, ao igual que cos nitratos que se infiltran a partir dos residuos orgánicos da gandaría intensiva. Os residuos tóxicos da minaría ou as verteduras industriais son tamén importantes fontes de contaminación da auga. O aire contamínase coa industria e os transportes baseados nos combustibles fósiles. Estes tamén ocasionan grave contaminación mariña, por verteduras e accidentes dos buques, en especial os petroleiros. Terra, ríos e océanos énchense de residuos plásticos.
Contaminación mariña por plástico
Imaxe que mostra unha masa flotante de plásticos no mar.
Os residuos orgánicos da gandaría intensiva contaminan os solos con altos niveis de nitratos
Imaxe que mostra residuos orgánicos dunha explotación gandeira.
  • A emisión de gases de efecto invernadoiro. O transporte con combustibles fósiles e a industria son grandes emisores de CO2. A gandaría emite gran cantidade de metano.
  • O esgotamento dos recursos. A sobreexplotación agraria erosiona e salga o solo, que perde fertilidade. A sobreexplotación pesqueira pon en risco as especies capturadas. Os recursos mineiros son esgotables.
  • A deforestación. Intensifícase da man da explotación forestal masiva e ás veces ilegal, o avance da actividade agropecuaria, a construción de infraestruturas e a expansión urbana. É especialmente preocupante nas selvas tropicais e ecuatoriais, por seren os auténticos pulmóns verdes do planeta.
Erosión do solo en terreo agrícola
Imaxe que mostra a erosión do solo nun terreo agrícola.
Deforestación na Amazonia por explotación forestal ilegal
Imaxe que mostra a deforestación na selva amazónica debida á explotación forestal ilegal.
  • A alteración do medio natural e dos ecosistemas. A urbanización a causa do turismo, no litoral sobre todo pero tamén en áreas de montaña e noutras paraxes naturais, ten destruído paraxes naturais e alterado correntes litorais, acelerando a erosión dalgunhas praias.
  • Residuos. A actividade económica xera inxentes volumes de residuos cuxa xestión e tratamento é un desafío para as autoridades. A isto hai que engadir a toxicidade dalgúns destes residuos. 
África é o destino de gran parte do lixo tecnolóxico, moi tóxico, xerado nos países ricos. Na imaxe podedes ver o vertedoiro de Agbogbloshie, en Ghana. Tamén este tráfico forma parte do comercio mundial
Foto do vertedoiro de lixo en Agbogbloshie, Ghana.
Nas illas Maldivas, un destino turístico paradisíaco no Índico, construíuse a illa artificial de Thilafushi para que servise de vertedoiro do lixo xerado polos turistas. O seu fume tóxico chega ás veces ata a capital do arquipélago
Vista aérea da illa de Thilafushi, en Maldivas, co seu vertedoiro.
  • Elevado consumo de auga. É un recurso vital sometido a gran presión. Os regadíos, a gandaría intensiva, a industria ou o turismo son grandes consumidores tradicionais de auga. A eles súmase a intelixencia artificial: un texto de 100 palabras xerado por IA consome medio litro de auga. A contaminación reduce a auga potable dispoñible mentres a demanda non deixa de crecer.

Lectura facilitada

A actividade económica afecta ao medio natural:

  • Contaminación:
    • Solo e augas contaminadas por químicos e residuos
    • Aire contaminado por industria e transportes
    • Residuos plásticos en terra, ríos e mares
    • Gases de efecto invernadoiro:
      • CO2: transporte e industria.
      • Metano: gandaría.
  • Esgotamento de recursos:
    • Solo erosiona e perde fertilidade.
    • Pesca excesiva pon especies en risco.
    • Minerais son limitados.
  • Deforestación:
    • Explotación forestal, agricultura, construción e expansión urbana.
    • Preocupa especialmente nas selvas tropicais.
  • Alteración do medio natural:
    • Urbanización turística destrúe paraxes naturais.
    • Erosiona praias.
  • Residuos:
    • Gran cantidade e difíciles de xestionar.
    • Algúns residuos son tóxicos.
  • Consumo de auga:
    • Regadíos, gandaría, industria e turismo usan moita auga.
    • A IA tamén consome auga
      (ex: texto de 100 palabras = 0,5 l de auga).
  • Contaminación e aumento da demanda
    dificultan a dispoñibilidade de auga.

Entende o custo ambiental da IA

Accede á web de GCiencia, le a información e responde ás seguintes preguntas:

  1. Explica por que motivos a IA consome moita auga e moita enerxía.
  2. Lembra: que tipo de minerais son moi necesarios para todos os produtos tecnolóxicos?
  3. A extracción destes minerais ten un impacto ambiental moi alto ou moi baixo?
  4. Tal como existe actualmente, consideras que a IA é sostible?

Consecuencias insospeitadas

Pregunta

Le este artigo e responde ao seguinte test.

Cal é a principal causa do descenso das poboacións de aves en Europa segundo o estudo?

Respostas

O cambio climático

A urbanización

A agricultura intensiva

A caza furtiva

Pregunta

Que rexións europeas son as máis afectadas polo descenso de aves?

Respostas

As do norte de Europa

As do leste de Europa

As de Europa occidental

As rexións alpinas

Pregunta

A que se debe este impacto da agricultura nas aves? (pregunta con varias respostas correctas)

Respostas

Quítaselles ás aves terreo onde poder alimentarse de forma variada

A maquinaria agrícola asusta ás aves, que deixan de comer

As aves desoriéntanse e enferman

Os pesticidas e fertilizantes deixan sen alimento aos paxaros, que tamén se contaminan

Pregunta

Que característica da conca mediterránea (e do espazo atlántico) axuda a amortecer a perda de aves?

Respostas

A presenza de grandes parcelas de monocultivos

O clima máis seco

Unha paisaxe agraria en mosaico, con usos diferentes do chan

Pregunta

Que tipo de paisaxe xeran os monocultivos intensivos?

Respostas

Paisaxes diversas

Paisaxes homoxéneas

Paisaxes naturais

Paisaxes forestais

Pregunta

Cal é a segunda causa do descenso das aves, segundo o estudo?

Respostas

Cambio climático

Urbanización

Deforestación

Contaminación acústica

Pregunta

Nos últimos anos os bosques europeos:

Respostas

Ocupan máis superficie pero son de peor calidade por teren árbores vellas

Ocupan menos superficie e son de peor calidade por perderen árbores vellas

Ocupan máis superficie pero son de peor calidade por perderen árbores vellas

Ocupan máis superficie e son de mellor calidade por perderen árbores vellas

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)