Os sectores produtivos: O sector secundario
As actividades máis importantes do sector secundario son a industria e a construción. A primeira encárgase de transformar as materias primas en produtos elaborados (destinados ao consumo directo) ou semielaborados (os que necesitan unha segunda transformación para seren empregados). A segunda dedícase a construír edificios e infraestruturas tales como portos, estradas, aeroportos.
Adoita incluírse tamén no sector secundario a obtención de enerxía (industria enerxética).

O sector secundario é economicamente moi relevante porque produce útiles para a vida cotiá e ademais crea moito emprego.
No apartado 2.3.: Onde a materia se transforma, vistes as materias primas, a clasificación das industrias e tamén tomastes un primeiro contacto coas fontes de enerxía. Agora é o momento de profundar un chisco máis nelas.
Lectura facilitada
As actividades máis importantes do sector secundario
son a industria e a construción.
A industria encárgase de transformar as materias primas
en produtos elaborados ou en produtos semielaborados.
Os produtos elaborados están listos para o consumo.
Os produtos semielaborados precisan outra transformación.
A construción dedícase a construír edificios e infraestruturas.
Os portos, estradas e aeroportos son exemplos de infraestruturas.
A produción enerxética e a minaría
tamén están no sector secundario.
O sector secundario é moi importante para a economía.
Produce obxectos de uso cotián.
Ademais, xera moitos postos de traballo.
No apartado 2.3., xa estudaches as materias primas,
a clasificación das industrias
e as fontes de enerxía.
Agora é o momento de afondar un pouco máis.