Os sectores produtivos: o sector primario
A actividade económica divídese en tres grandes sectores produtivos, primario, secundario e terciario, estreitamente interrelacionados: o primario obtén recursos da natureza, que o sector secundario transforma en bens elaborados utilizados polos outros sectores como bens de produción, e o sector terciario ofrece servizos, ademais de a particulares, a empresas de todos os sectores.
O sector primario inclúe a agricultura, a gandaría, a explotación forestal, a pesca e a minaría. Malia abastecer a 8.000 millóns de persoas, o seu peso na economía está en retroceso tanto en emprego (hai 30 anos un 44 % da poboación activa, hoxe: un 26 %) como en achega ao PIB (hai 30 anos: 8 %, hoxe: menos do 4 %).
Existen grandes diferenzas segundo o nivel de desenvolvemento dos estados. Nos países con alto nivel de vida a porcentaxe de poboación ocupada neste sector sitúase entre o 1 e o 5 % e a súa achega ao PIB está por baixo do 2 %. Nos menos desenvolvidos os valores soben ata o 50 e o 20 % respectivamente.

Lectura facilitada
A actividade económica divídese en tres grandes sectores produtivos:
- Sector Primario
- Sector Secundario
- Sector Terciario
Os tres sectores están estreitamente interrelacionados.
O primario obtén recursos da natureza.
O sector secundario transfórmaos en bens elaborados.
Estes bens van ser utilizados polos outros sectores.
O sector terciario ofrece servizos a particulares e a empresas.
O sector primario inclúe: a agricultura, a gandaría, a explotación forestal e a pesca.
O sector primario é un sector que ten cada vez menos importancia.
Cada vez ocupa menos xente e achega menos ao PIB.
É un sector con maior importancia nos países pouco desenvolvidos.
Audio
Falar con propiedade
Ten en conta que...
Non se deben confundir os termos agrario e agrícola. Agrario refírese ao conxunto de agricultura, gandaría e explotación forestal. O segundo só alude ao cultivo da terra. Agropecuario úsase para o conxunto de agricultura e gandaría.
Tampouco hai que confundir espazo agrario e espazo rural. O agrario é o espazo no que se desenvolven actividades agrarias, mentres que espazo rural é toda superficie non urbana, independentemente das actividades que nela se desenvolvan.
Lectura facilitada
Ten en conta que...
Os termos agrario e agrícola non se deben confundir.
Agrario refírese ao conxunto de agricultura, gandaría e explotación forestal.
A palabra agrícola só se refire ao cultivo da terra.
Agropecuario úsase para o conxunto de agricultura e gandaría.
Tampouco hai que confundir espazo agrario e espazo rural.
O espazo agrario é aquel no que se desenvolven actividades agrarias,
o espazo rural é toda superficie non urbana
independentemente das actividades que nela se desenvolvan.