A actividade económica

A actividade económica defínese como o conxunto de accións realizadas polas persoas co obxectivo de satisfacer as súas necesidades mediante a produción de bens (tanxibles, como un iogur) e servizos (intanxibles, como a educación). Bens e servizos son produtos.
A actividade económica, polo xeral, consta de tres fases:
- Produción: é o proceso polo cal, a través dunha serie de recursos, se crean bens e servizos, que en conxunto son produtos.
- Distribución: accións necesarias para achegar os produtos aos consumidores ou consumidoras que os demandan (transporte, almacenaxe, posta en venda...).
- Consumo: fase final do ciclo na que os bens e servizos son adquiridos por persoas, empresas e institucións para satisfacer as súas necesidades.
Repara no exemplo das tres fases da actividade económica no caso dun coche:
Unha empresa fabrica un coche (produción). O coche terminado trasládase ao concesionario para a súa venda (distribución), onde as persoas o mercan (consumo).


Lectura facilitada
Coa actividade económica as persoas cobren as súas necesidades.
As persoas producen bens.
Os bens son cousas que se poden tocar.
Exemplo: un iogur ou un libro.
As persoas tamén ofrecen servizos.
Os servizos non se poden tocar.
Exemplo: a educación ou o transporte.
A actividade económica ten tres partes:
- Produción
- Na produción créanse bens e servizos.
- Para producir fan falta recursos.
- Os recursos poden ser materiais, máquinas ou tempo de traballo.
- Distribución:
- Na distribución lévanse os produtos ás persoas.
- Inclúe transporte, almacenamento e venda.
- Consumo:
- No consumo as persoas compran bens e servizos.
- As persoas usan o que compran para cubrir as súas necesidades.
Exemplo: un automóbil
Unha factoría produce coches. (Produción)
Os camións trasladan os coches ata o concesionario. (Distribución)
As persoas mercan os coches nos concesionarios. (Consumo)



