Adiante co reto!
Hai que empezar a traballar no voso plan de acollida para Nora ou Amadou.

Podedes elixir o formato en que o ides presentar entre pódcast para a radio escolar, ou unha exposición con pósters informativos no vestíbulo do instituto. Cada grupo, independentemente do formato elixido, presentará o seu traballo a outras clases do instituto, nunha xornada de benvida simbólica aos novos compañeiros e ás novas compañeiras.
Debedes ser rigorosos no tratamento da información, citando correctamente as fontes que utilicedes e localizando a información xeográfica en mapas, recorrendo aos contidos facilitados no REA ou outros que busquedes vós. Para axudarvos, nas seguintes páxinas tedes indicacións para dividir o traballo en tres fases, con pautas para cada unha delas.
Hai moito traballo que facer, así que hai que organizarse ben!
Ánimo! Vós podedes.
Lectura facilitada
Hai moito traballo que facer.
Por iso, hai que organizarse ben.
Dividídevos en catro grupos.
Cada grupo terá unha tarefa diferente.
Grupo 1: Sudán do Sur e África:
- Explicade os problemas que a globalización
pode causar ao sur global.
Grupo 2: Un mundo de migrantes:
- Falade das migracións, é dicir, cando as persoas se moven a outros países.
- Relacionade as migracións coa globalización.
- Explicade as causas, as formas e as consecuencias das migracións.
- Poñede o exemplo de Amadou.
- Contade que a súa chegada é unha boa oportunidade para aprender valores interculturais.
Grupo 3: Organismos internacionais e Unión Europea:
- Explicade que é a ONU e para que serve.
- Contade como a ONU axuda ás persoas que teñen que marchar dos seus países.
- Explicade que é a Unión Europea (UE).
- Dicídelle a Amadou cales son as características básicas da UE.
Grupo 4: España e Galicia:
- Explicade como se organiza politicamente España.
- Falade tamén da comunidade autónoma de Galicia.
- Contade que España é un estado democrático.
- Explicade os dereitos e deberes das persoas que viven aquí.
Normas para todos os grupos:
- A información debe ser correcta e clara.
- Debedes dicir de onde sacades a información (as fontes).
- Usade mapas para situar os lugares.
- Podedes axudarvos dos materiais do REA ou doutros que busquedes.
Como traballar en grupo:
- É importante traballar xuntos.
- Todos e todas debedes participar.
- Respectade as opinións dos demais.
- Cumpride os prazos.
- Axudádevos entre vós.
- Mantede un bo ambiente no grupo.
Organización:
- Elixide un coordinador ou coordinadora.
- Esta persoa moderará os debates e falará co profesor ou profesora.
- Escollede un dos catro temas para comezar.
- Repartide as primeiras tarefas entre vós.
Para empezar, escollede un dos catro aspectos a tratar
e logo repartide os primeiros quefaceres.
Traballade con ilusión.
Vós podedes!
Unha vez alcanzado o reto final, toca valorar o traballo realizado para conseguilo.