Globalización e interculturalidade
Un pequeno gran mundo: a globalización

A globalización é un proceso que permite que tanto os países como as persoas estean cada vez máis estreitamente interconectados. Grazas a ela podemos comunicarnos de maneira instantánea con persoas de todo o mundo, viaxar con comodidade e rapidez a lugares afastados, coñecer novas que acontecen en calquera recuncho do planeta e adquirir todo tipo de mercadorías en calquera momento do día.
Este proceso de interconexión tamén fai posible que o que suceda en calquera parte do planeta poida ter consecuencias rápidas noutros lugares, de maneira que o que nos parece moi afastado ou alleo pode chegar a afectarnos directamente.
Non obstante, a globalización tamén xera problemas. Exemplos evidentes son: a crecente contaminación atmosférica derivada do constante traslado de persoas e mercadorías, a explotación laboral nos países máis pobres ou mesmo a capacidade dalgunhas empresas multinacionais, debido ao inmenso poder que acumulan, de influír nas decisións dalgúns gobernos.
Mil voces, un son: interculturalidade
A interculturalidade é un termo que alude á convivencia respectuosa entre persoas pertencentes a diferentes eidos culturais. Implica, por unha parte, recoñecer que existen diversos xeitos de vivir, de pensar e de actuar e, por outra, ser conscientes de que o respecto entre todos e todas é a base da convivencia.
A interculturalidade é respecto polo diferente e aprendizaxe mutua: uns e outros aprendemos de maneira recíproca. Cando existe respecto e curiosidade por coñecer, a diversidade cultural convértese nunha riqueza e nun alicerce básico para construír sociedades xustas.
Os dous termos, globalización e interculturalidade, están profundamente relacionados pois, mentres que o primeiro permite que todo o mundo estea preto e comunicado entre si, o segundo ensínanos a convivir coa variedade de realidades existentes.
Lectura facilitada
A globalización é un proceso
que fai que os países e as persoas
estean cada vez máis conectados entre si.
Grazas a ela podemos:
- Comunicarnos rapidamente con persoas de todo o mundo
- Viaxar con comodidade e rapidez
- Coñecer noticias de calquera lugar
- Comprar produtos de case calquera sitio
A globalización tamén significa
que o que ocorre en calquera parte do planeta
pode afectarnos directamente.
Mais este proceso tamén xera problemas.
Por exemplo:
- A contaminación polo transporte constante de persoas e mercadorías
- A explotación laboral nalgúns países pobres
- O gran poder das empresas multinacionais
que ás veces poden influír nas decisións dalgúns gobernos
A interculturalidade é a convivencia respectuosa
entre persoas de diferentes culturas.
Significa recoñecer que hai moitos xeitos de vivir,
pensar e actuar.
E tamén comprender que o respecto é moi importante
porque é a base da boa convivencia.
A interculturalidade implica dúas cousas:
- respecto polo diferente
- e aprendizaxe mutua
pois todas as persoas podemos aprender unhas das outras.
Cando hai respecto e curiosidade por coñecer,
a diversidade cultural convértese nun piar básico
para crear sociedades máis xustas e abertas.
Os dous termos están relacionados:
a globalización permite que o mundo estea conectado,
e a interculturalidade ensínanos a convivir
con esa gran variedade de realidades.