Saltar navegación

3.3. Aquí mando eu!: as monarquías e a concentración do poder

Preparando o camiño... As monarquías autoritarias

A finais da Idade Media, as monarquías tiñan un poder limitado polo sistema feudal: dependían dos nobres, da Igrexa e das cortes para gobernar. Porén, a partir do século XV, algunhas persoas monarcas iniciaron un proceso de fortalecemento da súa autoridade, dando lugar ás monarquías autoritarias.

Aínda que nas monarquías autoritarias a persoa monarca tiña máis poder que na Idade Media, seguía tendo importantes limitacións. A nobreza conservaba moita influencia nos seus territorios, as cortes tiñan que aprobar impostos e leis importantes, e a Igrexa controlaba grandes riquezas e poder social. Ademais, os reinos estaban divididos en territorios con leis e costumes propios, o que dificultaba a centralización e o seu control. Tamén faltaban ingresos fixos para a persoa monarca, que dependía doutras institucións para gobernar. Por iso, o seu poder era maior, pero aínda non absoluto.

Este modelo autoritario será o paso previo ao desenvolvemento das monarquías absolutas, nas que a persoa monarca concentrará todo o poder sen apenas limitacións, feito que se consolidará no século XVII.

Lectura facilitada

Ao final da Idade Media, as persoas monarcas non tiñan moito poder.

Dependían da nobreza, da Igrexa e das cortes para gobernar.

No século XV, algunhas persoas monarcas comezaron a ter máis poder.

Este cambio creou as monarquías autoritarias.

Nestes reinos, as persoas monarcas tiñan máis poder ca antes, pero aínda tiñan limitacións.

A nobreza tiña moito poder nos seus territorios.

As cortes decidían sobre impostos e leis importantes.

A Igrexa tamén tiña moita riqueza e poder.

Os reinos estaban divididos en zonas con leis diferentes. Isto facía difícil que as persoas monarcas controlaran todo o territorio.

As persoas monarcas non tiñan moitos ingresos e necesitaban a axuda doutros grupos para gobernar.

Por todo isto, o poder das persoas monarcas era maior, pero non absoluto.

Este modelo de monarquía autoritaria foi o paso previo para que as persoas monarcas tiveran todo o poder.

Iso pasou no século XVII.

Que entendemos por monarquías absolutas?

Fotografía dunha coroa e un cetro
Coroa e cetro

As monarquías absolutas foron sistemas de goberno nos que a persoa monarca tiña todo o poder. Non se consultaba a ninguén, nin á Igrexa, nin á nobreza, nin ao pobo. A persoa monarca mandaba sen límites, e todas as persoas debían obedecer. Moitas veces, as persoas monarcas crían que o seu poder viña directamente de Deus, polo que tiñan a última palabra en todo.

Neste tipo de goberno, a persoa monarca centralizaba o poder, tomaba todas as decisións importantes e controlaba os recursos e as leis do país. O pobo non podía opoñerse, xa que se consideraba que a persoa monarca tiña a autoridade divina para gobernar.

Lectura facilitada

As monarquías absolutas foron formas de goberno onde a persoa monarca tiña todo o poder.

Non pedía opinión á Igrexa, á nobreza nin ao pobo.

Controlaba as leis, os cartos e as decisións importantes do país.

O pobo non podía protestar, porque cría que o poder da monarquía viña de Deus.

Como se crearon as monarquías absolutas?

Os reis e as raíñas alcanzaron o seu poder de varias maneiras. No caso de moitas monarquías, a centralización do poder foi un proceso gradual, durante o cal foron diminuíndo a influencia da Igrexa e da nobreza. No camiño cara á centralización do poder, fixeron cambios significativos na estrutura política e social dos seus reinos. Aquí están as características e as accións clave que levaron a cabo:

Centralización do poder

Pictograma de poder

A persoa monarca tomou o control absoluto sobre o goberno, reducindo a influencia da nobreza e da Igrexa. Crearon novos sistemas de goberno para controlar mellor as súas terras e xestionar de maneira máis eficaz os recursos e impostos.

Poder divino

Pictograma de deus

A persoa monarca baseaba o seu poder na idea de que era elixido por Deus, polo que non tiña que render contas a ninguén, o que lle permitía gobernar sen limitacións. Isto xustificaba as súas decisións e a imposición de leis sen consulta.

Exércitos fortes

Pictograma dun exército

A creación de novos impostos permitiu ás persoas monarcas financiar as súas guerras e mellorar a administración dos seus territorios. Tamén fortaleceron o exército real, facendo que non dependesen da nobreza para a defensa e a orde no reino.

Funcionariado

Pictograma do parlamento


Para controlar mellor os seus reinos, as persoas monarcas rodeáronse de ministros e conselleiros leais que non pertencían á nobreza. Isto aseguraba que as decisións do monarca non foran influenciadas por intereses externos.

Lectura facilitada

Os reis e as raíñas foron conseguindo máis poder pouco a pouco.

Para iso, quitaron forza á Igrexa e á nobreza, que antes mandaban moito.

Fixeron cambios importantes para controlar mellor os seus reinos.

Comezaron a mandar máis directamente, sen pedir tantas opinións.

Tamén organizaron o goberno dun xeito novo, para que todas as decisións pasasen por eles ou elas.

Características:

Centralización do poder
As persoas monarcas quitaron poder á nobreza e á Igrexa.
Fixeron novos gobernos para controlar mellor as terras, os impostos e os cartos.

Poder divino
Dicían que o seu poder viña de Deus.
Por iso, podían mandar sen pedir permiso a ninguén.
Facían as leis e tomaban todas as decisións.

Exércitos fortes
Poñían impostos para conseguir máis cartos.
Con eses cartos pagaban exércitos propios.
Así, xa non dependían da nobreza para facer a guerra ou manter a orde.

Funcionariado
Rodeábanse de persoas de confianza que lles axudaban a gobernar.
Estas persoas non eran da nobreza.
Así, os reis e as raíñas tomaban decisións sen presións doutros grupos.

Exemplos de monarquías autoritarías e absolutas

En España, un claro exemplo de monarquía autoritaria foron os Reis Católicos, Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón. A súa unión foi clave para a centralización do poder e para fortalecer o control sobre os reinos. Ao longo do seu reinado, reduciron a influencia da nobreza e aseguraron o poder real a través de reformas políticas e militares.

Retrato dos Reis Católicos
Retrato dos Reis Católicos

En Europa, un dos exemplos máis famosos de monarquía absoluta foi Luís XIV de Francia, tamén coñecido como a "o rei sol". Luís XIV centralizou todo o poder na súa persoa e controlou todos os aspectos do goberno, desde as finanzas ata a guerra. A súa frase "O Estado son eu" resume perfectamente a idea dunha monarquía absoluta, onde a persoa monarca era considerada a máxima autoridade do país.

Retrato de Luis XIV
Retrato de Luis XIV

Lectura facilitada

En España, un exemplo de monarquía autoritaria foron os Reis Católicos:

Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón.

Casaron e uniron os seus reinos.

Xuntos, conseguiron máis poder para a Coroa.

Quitaron poder á nobreza e reforzaron o exército.

Así, controlaron mellor os seus territorios.

En Europa, o rei máis famoso dunha monarquía absoluta foi Luís XIV de Francia.

Chamábanlle "o rei Sol".

Quería ter todo o poder para el.

Decidía sobre todo: o diñeiro, as leis e a guerra.

Dixo unha frase moi coñecida: "O Estado son eu".

Con iso, quería dicir que el mandaba en todo o país.

Na busca das palabras perdidas

Completa este texto coas palabras que precisas para que teña pleno sentido histórico.

Nas monarquías o poder real estábase fortalecendo pero este aínda tiña importantes.

As monarquías foron formas de goberno nas que a persoa monarca concentraba todo o . Non existía de funcións nin control doutros grupos como a , a Igrexa ou o pobo. A autoridade considerábase , é dicir, que viña directamente de Deus, e por iso as súas decisións non se cuestionaban.

Para reforzar este poder, as persoas monarcas crearon novas estruturas de goberno, organizaron profesionais, impuxeron e contaron con fiel para administrar os seus reinos. Así, conseguiron centralizar o poder e sen oposición.

Activar JavaScript

Feito con eXeLearning (Nova xanela)