Este reto é para realizar de forma individual ou en parella. Se escolles traballar en parella, é importante repartir ben o traballo entre as dúas partes.
Para completar o reto con éxito, segue os seguintes pasos:
1. Lectura comprensiva
- Tes unha selección de 5 textos escritos por diferentes autores: Bartolomé de las Casas, Felipe Guamán Poma de Ayala, Eduardo Galeano, José de Acosta e Simón Bolívar. Os que acabas de descargar no primeiro apartado desta páxina.
- Cada texto reflicte unha visión distinta sobre a colonización e as súas consecuencias.
- Le os textos con calma e subliña ou anota as ideas que che parezan importantes.
2. Análise e reflexión
A continuación, analiza os textos coas seguintes preguntas como guía:
- Que ideas ou posturas defende o autor?
- En que época histórica foi escrito o texto e como afecta isto á súa visión?
- Estás de acordo ou en desacordo coas ideas do texto? Por que?
- Cres que estas ideas seguen sendo importantes na actualidade? Por que?
3. Redacción
Baseándote nos textos e nas túas opinións, escribe unha reflexión crítica.
Estas son as indicacións para a reflexión:
- A extensión debe ser dunha páxina.
- Argumenta a túa postura con ideas claras e organizadas.
- Relaciona o que din os textos co que aprendiches na unidade e co impacto que cres que a colonización tivo no presente.
4. Revisión
Asegúrate de que a túa reflexión sexa clara, coherente e estea ben redactada e sen faltas ou erros de ortografía.
Se traballaches en parella, revisade xuntos o traballo antes de entregalo.