Unha historia paralela: os pobos precolombianos e a Monarquía Hispánica
3.2. A ver que descubrimos!: unha época de exploracións
Glosario
Colonización
Definición:
Proceso polo cal un país ou grupo establece o control sobre outro territorio, explotando os seus recursos e impoñendo a súa cultura, goberno e costumes, frecuentemente en prexuízo das poboacións locais.
Exemplo:
A colonización española de América supuxo o fin de moitas culturas indíxenas.
O S. XV e os grandes descubrimentos
No século XV, Europa viviu un período histórico de grandes cambios, entre eles a expansión dos seus coñecementos e fronteiras. Este período está marcado pola expansión territorial, os descubrimentos científicos e, sobre todo, o inicio da era das grandes exploracións. Durante este tempo, os europeos comezaron a explorar novas rutas marítimas para acceder a novos territorios, recursos e mercados.
As principais causas desta expansión foron:
Necesidade de novas rutas comerciais co leste
En 1453 o imperio otomán toma Constantinopla, e a ruta terrestre que conectaba Oriente e Occidente vese interrompida. Europa tiña un gran interese en acceder ás riquezas de Asia (especias, sedas, metais prezados) e necesita buscar alternativas.
Avances na navegación
Para levar a cabo estas exploracións, foron necesarios grandes avances na navegación. Algúns dos principais avances foron:
A carabela: Un barco novo que foi utilizado polos portugueses. Era máis lixeiro e manexable que outros barcos, o que facilitaba os longos viaxes polo mar.
O compás: Un instrumento que permitía orientarse no mar, especialmente útil nas grandes travesías.
O astrolabio e o cuadrante: Estes instrumentos permitiron mellorar a precisión na navegación, medindo a latitude e axudando na navegación para atopar a localización en alta mar.
Desexo de poder político e económico
As monarquías de Europa querían expandir os seus territorios e, ao mesmo tempo, mellorar a súa economía, o que motivou a financiación de diferentes exploracións, como as portuguesas ou as castelás.
Lectura facilitada
No século XV, Europa comezou a explorar novas rutas marítimas
para conseguir novos territorios e recursos.
As causas principais foron:
Necesidade de novas rutas comerciais
Despois de que o imperio otomán tomara Constantinopla en 1453,
Europa necesitaba atopar novas formas de acceder ás riquezas de Asia.
Avances na navegación
Inventos como a carabela (un barco máis manexable), a brúxula (para orientarse no mar)
e o astrolabio (para medir a latitude) axudaron nas exploracións.
Desexo de poder e riqueza
As monarquías querían expandir os seus territorios e mellorar a economía.
Audio
As exploracións portuguesas
Portugal foi un dos primeiros países en adentrarse nas exploracións marítimas, liderado polo Príncipe Henrique, coñecido como "O Navegante". A súa corte de Sagres converteuse nun centro de investigación e aprendizaxe, onde se reuniron as mellores persoas cartógrafas, navegantes e científicas da época. Os principais obxectivos das expedicións portuguesas eran:
Bordear o continente africano e ir establecendo novas rutas comerciais.
Chegar a Asia para continuar co comercio das especias e outros produtos exóticos.
Principais exploracións portuguesas
En 1415, Ceuta
Portugal pensaba que a conquista de Ceuta lle abriría as portas para controlar o norte de África pero equivocouse. O imperio otomán xa dominaba a zona e non estaba disposto a perder poder.
En 1419, Arquipélago de Madeira
O dominio deste tipo de illas era moi importante para poder descansar nelas nos seus viaxes ata o sur. Eran un enclave estratéxico.
En 1431, Arquipélago das Azores
Estaba deshabitado cando Portugal o conquistou. A súa importancia estratéxica foi maior cando, anos despois, funcionou como escala para as flotas cargadas de ouro e prata do Novo Mundo.
En 1460, Golfo de Guinea
Portugal chamou ao Golfo de Guinea "Costa dos Escravos", "Costa do Ouro" ou "Costa da Pementa", dependendo dos recursos que predominaban en cada zona. Este sistema de nomes reflicte a explotación económica que realizaban en función das riquezas locais.
En 1468, Cabo de Boa Esperanza
Bartolomeu Dias, coñecido por ser o primeiro navegante en bordear o extremo sur de África e pasar do océano Atlántico ao Índico, abrindo así a ruta que chegaría a Asia.
En 1498, India
Vasco da Gama foi o navegante que logrou culminar o proxecto de chegar a Asia, establecendo unha ruta marítima directa. Fíxoo seis anos despois de que Colón chegara a América.
En 1500, Brasil
Pedro Álvares Cabral lideraba unha expedición portuguesa cara a India seguindo a ruta arredor de África. Porén, desviouse cara ao oeste, probablemente intencionadamente, e chegou a unha terra que máis tarde se coñecería como Brasil.
Lectura facilitada
Portugal foi un dos primeiros países en explorar o mar,
baixo o liderado do Príncipe Henrique ("O Navegante").
A súa corte en Sagres converteuse nun centro de investigación,
onde se reuniron as persoas cartógrafas, navegantes e científicas.
Os obxectivos principais eran:
Bordear África e establecer novas rutas comerciais.
Chegar a Asia para comercializar especias e outros produtos exóticos.
Principais exploracións portuguesas:
1415: Ceuta. 1419: Arquipélago de Madeira. 1431: Arquipélago das Azores. 1460: Golfo de Guinea. 1468: Cabo de Boa Esperanza. 1498: India. 1500: Brasil.
Audio
As exploracións castelás
Despois da conquista do reino de Granada, á coroa de Castela non lle quedaban territorios sobre os que expandirse na península ibérica polo que a raíña Isabel accedeu a financiar o proxecto de Cristovo Colón. Este navegante aseguraba que a terra era redonda e que, segundo os seus cálculos, podía chegar ás Indias navegando cara o oeste. Para isto, asinaron as Capitulacións de Santa Fe, polas cales Colón se reservaba a décima parte das riquezas conseguidas ultramar e títulos.
As viaxes de Colón:
A primeira viaxe
Colón partiu o 3 de agosto de 1492 coas tres famosas carabelas: a Pinta, a Niña e a Santa María. Tras semanas de navegación, chegou o 12 de outubro a unha illa que chamou San Salvador, no Caribe. Tamén explorou Cuba e La Española (actual República Dominicana e Haití), pensando que estaba en Asia. Este foi o inicio do contacto entre Europa e América.
A segunda viaxe
Esta expedición foi máis grande e tiña como obxectivo colonizar as terras descubertas. Colón explorou novas illas, como Porto Rico e Xamaica, e fundou o primeiro asentamento europeo en América, chamado La Isabela, na actual República Dominicana. Porén, tamén tivo problemas coa poboación indíxena e conflitos entre os propios colonos.
A terceira viaxe
Nesta viaxe, Colón explorou por primeira vez o continente americano, concretamente a costa de Venezuela, onde descubriu a desembocadura do río Orinoco. A pesar deste importante descubrimento, tivo dificultades en La Española debido a rebelións entre os colonos e foi arrestado e enviado de volta a Castela.
A cuarta viaxe
Na súa última expedición, Colón buscou unha ruta que conectase o Atlántico coas Indias a través de América Central. Explorou as costas de Honduras, Nicaragua, Costa Rica e Panamá, pero non atopou o paso cara ao Pacífico. Esta viaxe foi especialmente difícil debido ás tormentas, enfermidades e ataques indíxenas.
Lectura facilitada
Despois de conquistar Granada, a raíña Isabel decidiu financiar o proxecto de Cristóbal Colón. Colón pensaba que a terra era redonda e que podía chegar ás Indias navegando cara ao oeste. Firmaron as Capitulacións de Santa Fé, onde Colón se quedaba co 10% das riquezas.
As viaxes de Colón
Primeira viaxe Colón saíu o 3 de agosto de 1492 con tres barcos:
A Pinta A Niña A Santa María Chegou o 12 de outubro a San Salvador (no Caribe) e tamén explorou Cuba e La Española. Pensaba que chegou a Asia.
Segunda viaxe Nesta viaxe, Colón tratou de colonizar as terras descubrindo Porto Rico e Xamaica. Fundou o asentamento de La Isabela, pero tivo problemas cos nativos e os colonos.
Terceira viaxe Colón explorou a costa de Venezuela e descubriu o río Orinoco. Tivo problemas en La Española e foi arrestado e levado de volta a Castela.
Cuarta viaxe Colón buscou un paso que conectase o Atlántico co Pacífico. Explorou as costas de Honduras e Panamá, pero non atopou o paso.
Audio
Sabías que...?
Colón nunca soubo que as terras que descubriu pertencían a un novo continente; ata o final da súa vida, el pensaba que chegara a Asia. Foi anos despois, en 1507, cando o cartógrafo alemán Martin Waldseemüller nomeou estas terras como "América" en honra ao navegante Américo Vespucio. Este explorador foi quen primeiro argumentou que se trataba dun "Novo Mundo" e non parte de Asia, grazas ás súas viaxes e análises xeográficas.
As expedicións de Colón abriron o camiño para a colonización europea de América e marcaron o inicio dunha nova etapa na historia, onde o mundo se conectou a través do comercio, a cultura e as exploracións. Este descubrimento revolucionou o coñecemento xeográfico da época e transformou profundamente as relacións entre os continentes
Lectura facilitada
Cristóbal Colón nunca soubo que as terras que descubriu eran un novo continente. El pensaba que chegou a Asia.
Foi en 1507 cando o cartógrafo alemán Martin Waldseemüller nomeou esas terras "América". Américo Vespucio foi o primeiro en decir que esas terras eran un "Novo Mundo", e non parte de Asia.
As viaxes de Colón abriron o camiño para que Europa empezara a colonizar América. Isto comezou unha nova etapa na historia, onde os continentes se conectaron a través do comercio e as exploracións. Este descubrimento fixo que as persoas soubesen máis sobre o mundo.