Saltar la navegación

3.1 Caída do Imperio Romano e situación xeográfica dos pobos xermánicos

 

Glosario

Cultura clásica

Fotografía de Augusto de Prima Porta

Definición:

O termo cultura clásica comprende as expresións artísticas e culturais de Grecia e Roma: arquitectura, escultura, pintura e literatura. É o xermolo da cultura occidental, que se viu modificada e enriquecida coa adición de novas correntes artísticas e literarias a medida que avanzaron os séculos.

Exemplo:

O Coliseo de Roma ou as obras de Aristóteles son exemplos da cultura clásica grecorromana.

Imperio

Mapa do imperio romano de occidente

Definición:

Un imperio é un conxunto de países que están baixo o dominio dunha mesma persoa, que recibe o título de emperador / emperatriz.

Exemplo:

O imperio romano comprendía os territorios de moitos países actuais, coma España, Italia, Portugal, Grecia, Exipto ou Francia.

Mercenario

Figura de bronce que representa un guerreiro suevo

Definición:

As tropas mercenarias eran soldados profesionais que loitaban por cartos. A diferenza dos exércitos señoriais, as tropas mercenarias non tiñan ningún tipo de obriga máis alá do contrato que os ligaba á persoa que os contrataba. Unha vez rematada a batalla e cobrado o seu salario, podían loitar para o inimigo se este as contrataba.

Exemplo:

Ao final da época imperial os romanos non querían loitar no exército e para solucionar a falla de soldados o Imperio contratou tropas mercenarias entre os pobos xermanos.

A división do Imperio Romano

O Imperio romano abarcaba case toda a totalidade do territorio europeo, dende as illas británicas ata Asia Menor, a Península Ibérica e o norte de África. Durante os séculos III e IV d. C. a situación política foi moi inestable. Como o territorio era demasiado grande para poder controlalo, a finais do século IV o Imperio dividiuse en dous: o Imperio Romano de Occidente e o Imperio Romano de Oriente. A capital do Imperio Romano de Occidente seguiu sendo Roma, pero no 330 d. C. o emperador Constantino fundara Constantinopla (hoxe Istambul), que será a capital do Imperio Romano de Oriente.

Debuxo da división do Imperio Romano de Oriente e Occidente

Lectura facilitada

O Imperio romano abarcaba case toda a totalidade do que é Europa hoxe.

Como o territorio era demasiado grande, comezou a haber problemas para gobernalo.

Para intentar mellorar a situación, o Imperio dividiuse en dous:

o Imperio Romano de Occidente (capital en Roma) e

o Imperio Romano de Oriente (capital en Constantinopla, hoxe Istambul, Turquía).

Apoio visual

Mapa da división do Imperio

As migracións cara o sur dos pobos xermánicos

Ademais, o exército, que era unha ferramenta clave para manter a unidade do Imperio Romano, estaba formado por tropas mercenarias. A isto cómpre engadir que unha serie de emperadores débiles desenvolveron malas políticas que levaron a unha inestabilidade social. O Imperio Romano, como todos os grandes imperios, converteuse nunha criatura demasiado grande e difícil de gobernar, formada por pobos moi diferentes. 

Esta situación foi aproveitada polos pobos xermánicos do norte de Europa. Estes pobos ocupaban as zonas que hoxe se corresponderían con Alemaña, Dinamarca, Polonia e Chequia, e que delimitaban o limes, a fronteira norte do Imperio. A finais do século IV, os hunos, un pobo guerreiro orixinario de Asia central, comezou a expandirse por Europa. Os pobos xermanos, aproveitando a debilidade do Imperio romano, fuxiron cara ao sur, cruzando a fronteira e ocupando territorios de Roma.

Migracións dos pobos xermánicos

Na zona oeste e central da Península Ibérica asentáronse os suevos, os vándalos, e os alanos, mentres que na zona leste o fixeron os visigodos. Na Península Itálica asentáronse os ostrogodos. Tradicionalmente a chegada dos pobos xermánicos aos territorios do Imperio identificouse como as "invasións bárbaras" debido aos testemuños dos historiadores romanos, que describiron este período como un momento de destrución e aniquilación que estes pobos deixaban ao seu paso. De feito, aínda hoxe "ser un vándalo" significa ser unha persoa que esnaquiza as cousas sen motivo, pero no seguinte apartado veremos que non todo foi destrución e asoballamento da cultura clásica.

Lectura facilitada

A finais do S. IV o Imperio Romano estaba moi débil:

o exército estaba formado por mercenarios,

había emperadores con pouca autoridade e moita inestabilidade.

Cando chegaron a Europa os hunos (un pobo guerreiro de Asia),

os pobos xermanos que vivían na fronteira norte do Imperio,

fuxiron e  decidiron entrar e ocupar territorio romano.

Na  Península Ibérica asentáronse os suevos, os vándalos, os alanos e os visigodos.

Tradicionalmente, a chegada dos pobos xermánicos aos territorios do Imperio

identificouse como as "invasións bárbaras" porque foi un  momento de "destrución e aniquilación",

segundo os historiadores romanos. De feito, aínda hoxe "ser un vándalo"

significa ser unha persoa que esnaquiza as cousas sen motivo.

Porén, no seguinte apartado veremos que non todo foi destrución e asoballamento da cultura clásica.

Apoio visual

Migración dos pobos xermánicos

A hora da verdade, comprendemos realmente a caída do Imperio Romano?

Le atentamente as seguintes oracións e determina se son verdadeiras ou falsas.

Pregunta 1

O territorio do Imperio Romano comprendía case a totalidade do territorio europeo.

Pregunta 2

O Imperio Romano de Oriente tiña como capital Atenas.

Pregunta 3

O limes do imperio era a fronteira.

Pregunta 4

Os hunos provocaron a entrada dos pobos xermánicos no territorio do Imperio Romano.

Pregunta 5

As "invasións bárbaras" foron un período totalmente pacífico.

Pregunta 6

Os pobos xermánicos cruzaron a fronteira do Imperio Romano aproveitando a súa debilidade.

Pregunta 7

Os suevos, vándalos e alanos non se instalaron na Península Ibérica no 409 d. C.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)