3.4. A sociedade romana. Unha orde entorno ao exército
Glosario
Campamento
Definición:
Era unha fortificación a modo de campo militar usado polas lexións romanas, rodeado dunha muralla.
Exemplo:
Os soldados vivían no campamento.
Emperador, emperatriz
Definición:
Título político orixinado no Imperio romano que facía referencia á persoa líder do imperio.
Exemplo:
Octavio Augusto foi o primeiro emperador.
Lexionario
Definición:
Soldado da Roma antiga que era a tropa básica do exército romano que constituía a lexión.
Exemplo:
Os lexionarios eran moi fortes.
Senado
Definición:
Principal institución política da Roma antiga, composto por membros da aristocracia e da clase senatorial.
Exemplo:
O emperador gobernaba sobre o senado.
A división social romana
A sociedade romana estaba moi estratificada, e a posición de cada persoa na xerarquía social influía moito na súa vida diaria, nas oportunidades e nos dereitos que tiña. As principais clases sociais romanas eran:
Patricios: eran a clase alta e os máis ricos. Descendían das primeiras familias que fundaron Roma e tiñan moito poder e influencia. As persoas patricias eran donas de grandes terras e ocupaba os cargos máis importantes no goberno e no exército. Moitos destas persoas eran senadores. Durante o Imperio, a parte máis alta da sociedade era a familia Imperial.
Plebeos: eran a maioría da poboación e podían ser tanto persoas ricas como pobres. Incluían persoas agricultoras, artesáns, comerciantes e traballadoras. Inicialmente, tiñan menos dereitos que as persoas patricias, pero ao longo do tempo foron gañando máis participación na política e máis dereitos. O seu representante era o Tribuno da Plebe. A poboación conquistada que non eran escravizada, era considerada plebea.
Libertos: eran antigas persoas escravas que lograran a liberdade. Aínda que xa non eran persoas escravas, tiñan unha posición social inferior á cidadanía nada libre. Podían traballar e acumular riqueza, e os seus fillos e as súas fillas xa nacían como persoas cidadás libres.
Escravos: eran persoas que non tiñan liberdade e eran propiedade doutras persoas. Podían ser persoas prisioneiras de guerra, que non podían pagar as súas débedas ou fillos ou fillas de persoas escravas. A poboación escrava traballaba en tarefas domésticas, agrícolas, mineiras e como gladiadores. Non tiñan dereitos, pero algunhas destas persoas podían chegar a obter a liberdade e converterse en libertas. A poboación romana non os consideraban persoas sequera.
Lectura facilitada
A sociedade romana estaba moi estratificada en clases sociais:
Patricios: eran a clase alta e a máis rica.
Plebeos: eran a maioría da poboación e podían ser tanto persoas ricas como pobres. Incluían persoas agricultoras, artesás, comerciantes e traballadoras.
Libertos: eran antigas persoas escravas que lograran a liberdade.
Escravos: eran persoas que non tiñan liberdade e eran propiedade doutras persoas.
Audio
Apoio visual
A sociedade romana: das elites á poboación oprimida (mulleres e escravitude)
As elites: a carreira do honor
A Carreira do Honor (Cursus Honorum) era o camiño político que seguían os homes privilexiados na Antiga Roma. Servía para formarse no goberno e organizar a sociedade segundo a importancia de cada cargo. Comezaba co servizo militar e continuaba con varios postos: cuestor, edil, tribuno, pretor, cónsul e censor. Tamén existía un cargo especial, o de ditador, que se daba só en momentos de perigo e duraba como máximo seis meses.
A orde senatorial
En Roma, o Senado estaba formado polos cidadáns máis ricos e poderosos, chamados patricios, e era unha das institucións máis importantes do goberno. Encargábase de organizar o exército, controlar os recursos do Estado e decidir sobre asuntos fundamentais como a relixión ou as relacións con outros pobos.
Durante a República, contaba con uns trescentos membros, e no Imperio chegou a ter até novecentos. Tamén tiña influencia nas eleccións, apoiando aos candidatos máis destacados, e podía nomear un ditador cando había perigo para a cidade, pero só por un tempo limitado.
Entre as súas funcións estaban decidir cando declarar guerras, firmar tratados de paz, fundar novas cidades, repartir terras públicas, planificar obras e xestionar os impostos. Grazas a isto, o Senado tiña un papel central na vida política e militar de Roma.
O Senado de Roma
A orde ecuestre
Os equites eran homes que comezaran como cabaleiros e progresaron socialmente ata formar a clase ecuestre en Roma. Co tempo, algúns alcanzaron cargos de gran poder, incluso chegando a ser senadores ou emperadores, e no Imperio levaban unha túnica sinxela que indicaba a súa posición.
Estilicón, de bárbaro a cabaleiro do Imperio
Lectura facilitada
A "Carreira do Honor" ou Cursus Honorum en latín,
era o nome que recibía a carreira política ou rango de responsabilidades públicas na Antiga Roma.
O cursus honorum establecía a orde e a xerarquía pola que
se rexían as maxistraturas romanas, así como o modo de cumprilas.
A orde senatorial:
O Senado foi unha das institucións do goberno da Antiga Roma.
A orde senatorial (ordo senatorius) estaba destinado en exclusiva aos patricios.
O Senado atribuíuse a designación de ditador.
O Senado decidía sobre a guerra, a paz, as alianzas, a fundación de colonias,
as asignacións de terras públicas, os traballos públicos, o sistema de rendas.
A orde ecuestre:
Os équites eran cabaleiros (soldados) que acabaron progresando socialmente ata alcanzar un estrato social superior.
Formaban unha clase social da Antiga Roma, coñecidos alí como ordo equester ('clase ecuestre').
Audio
A poboación oprimida: mulleres e a escravitude
As mulleres en Roma e no Imperio
As mulleres romanas tiñan unha posición inferior aos homes e tiñan menos dereitos. A súa función principal era coidar da casa e dos fillos e das fillas. Aínda que as mulleres de familias ricas tiñan máis comodidades, todas as mulleres dependían dun home da familia para representalas legalmente. Polo tanto, non tiñan ningún tipo de dereito político, social ou económico. As mulleres que non eran patricias estaban dobremente explotadas xa que traballaban como o resto da poboación plebea ou escrava máis atendían as súas tarefas domésticas e o coidado e crianza dos fillos e fillas que tivera.
Muller patricia na súa casa
Polo tanto, o papel da muller no Imperio romano foi variado e complexo, dependendo do seu status social, a súa riqueza e a súa localización:
- Autoridade paterna: as mulleres estaban baixo a autoridade do pai (patria potestas) mentres vivían na casa paterna, e posteriormente, baixo a do marido.
- Matrimonio: os matrimonios eran frecuentemente arranxados polas familias para establecer alianzas políticas e sociais. A dote (pecunia) era un elemento importante no matrimonio.
- Roles domésticos: as mulleres da elite supervisaban o fogar, incluíndo a educación dos fillos e das fillas e a xestión das persoas escravas. As mulleres de clases máis baixas realizaban traballos domésticos e podían traballar fóra do fogar.
- Educación básica: as nenas da elite recibían educación básica en casa, aprendendo a ler, escribir e nocións de aritmética, ademais de habilidades domésticas.
- Cultura: algunhas mulleres cultivaban a poesía, a música e outras artes, pero a súa educación era principalmente para ser boas esposas e nais.
- Sacerdotisas e vestais: as mulleres podían ter roles importantes na relixión, como as vestais, que eran sacerdotisas virxes dedicadas ao culto de Vesta, a deusa do fogar, pero supúñalles levar unha vida monacal.
- Festas e cerimonias: participaban en festivais relixiosos e eventos públicos, pero en xeral tiñan menos visibilidade pública ca os homes.
- Propiedade: as mulleres podían herdar propiedades e manexar os seus bens, especialmente se non tiñan un titor masculino (como as viúvas ou mulleres independentes).
- Cidadanía: as mulleres romanas eran cidadás pero non tiñan dereitos políticos, como votar ou ocupar cargos públicos.
- Influencia indirecta: moitas mulleres exercían poder e influencia a través dos seus maridos e fillos. Mulleres da elite, como Livia Drusilla (esposa de Augusto) e Agripina a Nova (nai de Nerón), tiveron un papel significativo na política a través da súa influencia familiar.
- Mulleres de negocios: algunhas mulleres, especialmente en áreas urbanas, participaban en negocios e comercio, rexentando tendas ou participando en actividades económicas.
- Actividades sociais: as mulleres da elite podían asistir a banquetes e eventos sociais, aínda que nun rol máis restrinxido en comparación cos homes.
- Traballo: as mulleres de clases baixas traballaban en diversas ocupacións, como na agricultura, na artesanía ou no comercio.
As persoas escravas
Como xa dixemos, a poboación romana consideraba á poboación escrava como cousas, non como persoas. Era a súa posesión e era tratada como tal. De tódolos xeitos, dentro da poboación escrava tamén había distintos grupos:
Non era o mesmo as persoas escravas que se dedicaban a traballar no campo ou nos negocios das cidades, ou as concubinas do fogar, todos e todas amplamente explotados;
que por exemplo, os artistas e filósofos traídos de Grecia para cubrir cos gustos artísticos romanos ou educar á rapazada na casa familiar, os cales contaban cun coidado e unha vida moito máis levadía.
Ou os gladiadores ou pilotos de carreiras de cuadrigas, que nos inicios pasaban unha vida moi dura, pero que logo podían acabar sendo persoas moi famosas, admiradas socialmente e incluso ricas e libres.
Escravos traballando
Lectura facilitada
As mulleres romanas tiñan menos dereitos ca os homes e dependían sempre dun home da familia (pai ou marido).
Non podían votar nin ocupar cargos públicos.
A súa función principal era coidar da casa e da familia.
As mulleres ricas vivían con comodidades, pero tamén estaban baixo control masculino.
As pobres ou escravas traballaban dentro e fóra da casa.
Podían herdar bens ou ter negocios pequenos, pero sempre con limitacións.
Algunhas, como Livia ou Agripina, influíron na política a través dos seus maridos ou fillos.
As vestais, sacerdotisas da deusa Vesta, eran mulleres respectadas que vivían sen casar.
En resumo, o papel da muller romana dependía da súa clase social,
pero en todos os casos tiña menos liberdade e dereitos ca os homes.
Audio
Mulleres romanas que pasaron á Historia
Porén, coñecemos numerosas mulleres que alcanzaron grandes logros no Imperio romano e contaron cun protagonismo que lle foi negado normalmente ás mulleres:
Mulleres con historia
Cleopatra VII
Aínda que a coñecemos como raíña de Exipto, foi unha muller fundamental no goberno de Roma e a súa evolución política. Sen ela Xulio César non tería sido ditador nin Augusto houbera sido Emperador. Amante do primeiro e de Marco Antonio, o gran xeneral romano, foi clave para o esplendor de Roma xa que Exipto era a provincia máis rica do Imperio.
Cleopatra VII
A súa relación con Marco Antonio desatou unha das guerras civís máis importantes da historia romana. A rivalidade entre Marco Antonio (apoiado por Cleopatra) e Octavio (futuro emperador Augusto) culminou na Batalla de Actium en 31 a. C. A derrota de Antonio e Cleopatra en Actium marcou o fin da República Romana e o comezo do Imperio romano baixo Octavio. Ámbolos dous suicidáronse pensando que xa non ían estar xuntos.
Cleopatra foi unha muller extremadamente intelixente e educada, que falaba varios idiomas e estaba ben versada en asuntos de estado. Usou a súa astucia política e as súas habilidades diplomáticas para consolidar o seu poder e manter a independencia de Exipto nun momento de gran inestabilidade.
Cleopatra é recordada como un dos exemplos máis destacados de mulleres poderosas na historia antiga. A súa capacidade para influír en dous dos homes máis poderosos do seu tempo sen renunciar á súa feminidade convértea nunha figura fascinante e complexa. Rompeu cos estereotipos de xénero da súa época, asumindo un rol dominante en política e no liderado militar.
O legado de Cleopatra vai máis aló das súas contribucións políticas e militares. A súa figura segue a ser un símbolo de poder, sedución e intelixencia. O seu reinado é un recordatorio de que as mulleres tamén xogaron roles cruciais na historia, a miúdo desafiando as limitacións impostas pola sociedade patriarcal.
Livia Drusila
Livia Drusila, tamén coñecida como Livia Augusta, foi unha das figuras femininas máis influentes da historia de Roma. Esposa do primeiro emperador romano, Augusto (tamén coñecido como Octavio), e nai do segundo emperador, Tiberio, Livia xogou un papel crucial nos primeiros anos do Imperio romano. Livia foi unha conselleira clave para o seu marido, o emperador Augusto. A súa influencia sobre Augusto era ben coñecida, e moitas das súas decisións políticas foron atribuídas ás súas recomendacións e consellos.
A súa capacidade para manter a estabilidade dentro da familia imperial e asegurar unha transición suave do poder foi vital para a consolidación do novo sistema imperial. Livia xogou un papel fundamental na promoción dos intereses da súa propia familia e na consolidación da dinastía Xulio-Claudia. Traballou incansablemente para asegurar que o seu fillo Tiberio sucedese a Augusto como emperador.
A súa imaxe de matrona romana virtuosa foi utilizada para promover os valores tradicionais romanos, como a fidelidade, a modestia e a piedade, reforzando así o novo sistema imperial.
Livia Drusila
Livia era coñecida pola súa intelixencia e astucia política. A súa habilidade para navegar o complexo ambiente político de Roma e influír nas decisións do emperador Augusto destacouna como unha das mulleres máis poderosas da súa época. A súa capacidade para manexar situacións delicadas e alianzas políticas demostrou a súa gran habilidade como estratega.
O legado de Livia continuou moito despois da súa morte. Foi deificada polo seu neto, o emperador Claudio, e a súa influencia e exemplo seguiron sendo unha referencia para as emperatrices e mulleres da elite romana nos séculos seguintes.
A súa vida e os seus logros inspiraron numerosas representacións na arte e na literatura ao longo da historia, destacando a súa importancia como unha das mulleres máis poderosas e influentes da historia de Roma.
Boudica
Aínda que nada en Britania e indíxena Icena, pobo indoeuropeo situado no sueste da actual Inglaterra, estes rendéranse a Xulio César uns 60 anos antes do nacemento da propia Boudica, co cal estaba baixo dominio romano e tal vez tiña a cidadanía xa que pertencía á aristocracia icena.
Boudica
Boudica liderou unha das maiores rebelións contra o dominio romano en Britania no ano 60 ou 61 d. C. A súa rebelión estalou despois de que a poboación romana abusase dela e das súas fillas e despois de que confiscasen as terras da poboación icena, violando os acordos preexistentes. Estas accións provocaron unha resposta violenta e decidida por parte de Boudica.
A súa campaña militar inflixiu danos significativos ás cidades romanas de Camulodunum (actual Colchester), Londinium (Londres) e Verulamium (St Albans). Estas cidades foron saqueadas e queimadas, causando grandes perdas humanas e materiais. A magnitude da rebelión de Boudica forzou a Roma a reconsiderar as súas políticas e tácticas en Britania, levando a un reforzo das súas defensas e a un cambio na súa estratexia de ocupación.
A rebelión de Boudica, aínda que finalmente derrotada, demostrou a forza e a determinación das tribos britanas para resistir a ocupación romana. Isto fixo que a poboación romana tivese que manter unha presenza militar significativa na rexión durante séculos. A súa historia serviu como símbolo de resistencia e inspiración en épocas posteriores, especialmente na cultura británica.
Boudica é recordada pola súa valentía e habilidade para unir varias tribos britanas nun esforzo común contra una poboación inimiga común. A súa determinación e valentía, enfrontándose ao poder romano, resaltan o seu carácter indomable e o seu compromiso coa xustiza para o seu pobo. Como muller que se enfrontou ao maior imperio da súa época, Boudica converteuse nun símbolo de resistencia e empoderamento feminino. A súa historia é un exemplo de como as mulleres poden asumir roles de liderado en tempos de crise e loitar pola liberdade e a xustiza. A súa figura foi celebrada na literatura, na arte e na cultura popular, converténdose nunha heroína e nun símbolo da loita contra a opresión.
Antonia Caenis
Caenis comezou como escrava e secretaria de Antonia a Menor, nai de Claudio. Grazas á súa lealdade á familia imperial, foi liberada e logrou ter moita influencia na corte de Claudio.
Iniciou un romance con Tito Flavio Vespasiano, que máis tarde sería emperador, cando el aínda estaba casado con Domitila a Maior. Cando a esposa de Vespasiano faleceu, Caenis converteuse na súa concubina oficial e acompañouna mesmo cando asumiu o trono.
Tiña un papel importante, realizando funcións oficiais en nome de Vespasiano, e acumulou gran fortuna a través dos regalos de quen buscaba o favor do emperador. Vivía nunha gran casa en Roma e tiña a súa propia familia de escravos, que a lembraron como unha patroa excelente no seu epitafio.
Epitafio de Antonia Caenis
Gala Placidia
Gala Placidia foi unha figura crucial na historia do Imperio romano tardío e destacou como unha muller poderosa nunha época de gran inestabilidade. Gala Placidia, filla do emperador Teodosio I, foi esposa de Ataulfo, rei dos visigodos, e máis tarde de Constancio III, coemperador do Imperio romano de Occidente. Tras a morte de Constancio III, Placidia serviu como rexente en nome do seu fillo, Valentiniano III, durante a súa minoría de idade (425-437).
Gala Placidia e os seus fillos e filla
Como rexente, Gala Placidia tivo un control significativo sobre os asuntos políticos e administrativos do Imperio romano de Occidente, desempeñando un papel vital na súa gobernanza. A súa capacidade para actuar como intermediaria entre a poboación romana e visigoda foi fundamental nun período de grandes turbulencias. A súa rexencia estivo marcada pola súa destreza para manter a estabilidade e a orde dentro do imperio, así como pola súa habilidade para xestionar as ambicións e rivalidades dentro da corte romana.
Gala Placidia foi unha fervente defensora do cristianismo e xogou un papel importante na promoción da fe cristiá dentro do imperio. Fundou e patrocinou a construción de varias igrexas, incluíndo a famosa Basílica de San Xoán de Letrán en Roma.
Gala Placidia é un exemplo destacado de liderado feminino nunha época dominada por homes. A súa capacidade para exercer poder e influencia nunha sociedade patriarcal demostra a súa fortaleza, intelixencia e determinación. A súa vida e os seus logros inspiraron futuras xeracións de mulleres a asumir roles de liderado e a loitar pola súa influencia e dereitos nunha sociedade tradicionalmente dominada polos homes.
Hipatia de Alexandría
Hipatia de Alexandría foi unha destacada filósofa, matemática e astrónoma do século IV d. C., cuxa vida e obra tiveron unha influencia significativa na historia intelectual e cultural de Roma e do mundo antigo. Hipatia é coñecida polas súas contribucións á matemática e á astronomía. Traballou en temas como álxebra, xeometría e mecánica celeste, e é recoñecida por ter comentado e mellorado o traballo de importantes matemáticos como Diofanto e Apolonio.
Como directora da Escola de Alexandría, Hipatia ensinou filosofía neoplatónica, matemáticas e astronomía a un grupo diverso de estudantes, incluíndo persoas cristiás, pagás e xudías. A súa escola era un centro de aprendizaxe e debate intelectual nunha época de crecente tensión relixiosa. A súa metodoloxía educativa e a súa énfase no pensamento racional e científico fixérona unha das últimas grandes pensadoras da tradición filosófica grecorromana.
A vida e morte de Hipatia convertérona nun símbolo da loita entre a razón científica e a intolerancia relixiosa. Foi brutalmente asasinada por unha turba de persoas cristiás fanáticas en 415 d. C., o que marcou un punto de inflexión na historia de Alexandría e do mundo antigo. O seu asasinato foi un reflexo das tensións sociais e relixiosas da época e a súa figura foi utilizada posteriormente como símbolo da liberdade de pensamento e da resistencia contra a intolerancia.
Hipatia é unha das primeiras mulleres coñecidas na historia que destacou en campos dominados por homes como a matemática, a astronomía e a filosofía. A súa presenza e éxito nestes campos desafiaron os roles tradicionais de xénero da súa época, demostrando que as mulleres podían contribuír significativamente á ciencia e á filosofía. A súa disposición a defender os seus ideais e a súa busca da verdade, a pesar das consecuencias, fixérona un modelo de integridade e valentía intelectual.
Hipatia é lembrada como unha das figuras máis importantes da Antigüidade tardía, e a súa vida e obra seguiron inspirando durante séculos. É considerada unha mártir do pensamento científico e racional, e a súa historia foi revivida na literatura, no cine e na cultura popular como un símbolo de resistencia contra a ignorancia e a opresión.
Lectura facilitada
Cleopatra VII:
Aínda que a coñecemos como raíña de Exipto,
foi unha muller fundamental no goberno de Roma e a súa evolución política.
Extremadamente intelixente e educada, que falaba varios idiomas e estaba ben versada en asuntos de estado.
É recordada como un dos exemplos máis destacados de mulleres poderosas na historia antiga.
A súa figura segue a ser un símbolo de poder, sedución e intelixencia.
Livia Drusila:
Tamén coñecida como Livia Augusta, foi unha das figuras femininas máis influentes da historia de Roma.
Foi unha conselleira clave para o seu marido, o emperador Augusto.
Era coñecida pola súa intelixencia e astucia política.
Foi deificada polo seu neto, o emperador Claudio.
Boudica:
Liderou unha das maiores rebelións contra o dominio romano en Britania no ano 60 ou 61 d. C.
É recordada pola súa valentía e habilidade para unir varias tribos britanas nun esforzo común contra unha poboación inimiga común.
Antonia Caenis:
Foi unha escrava e secretaria de Antonia a Menor, nai do emperador Claudio,
e amante e posteriormente concubina do emperador romano Vespasiano.
Gala Placidia:
Foi unha figura crucial na historia do Imperio romano tardío
e destacou como unha muller poderosa nunha época de grande inestabilidade.
Filla do emperador Teodosio I, foi esposa de Ataulfo, rei dos pobos visigodos,
e máis tarde de Constancio III, coemperador do Imperio romano de Occidente.
Foi unha fervente defensora do cristianismo e xogou un papel importante na promoción da fe cristiá dentro do imperio.
É un exemplo destacado de liderado feminino nunha época dominada por homes.
Hipatia de Alexandría:
Foi unha destacada filósofa, matemática e astrónoma do século IV d. C.
É coñecida polas súas contribucións á matemática e á astronomía.
É unha das primeiras mulleres coñecidas na historia que destacou
en campos dominados por homes como a matemática, a astronomía e a filosofía.
Audio
Traballa en equipo
Por último, debatide en grupos de 4, as principais diferenzas entre a sociedade romana e a nosa sociedade actual, e valorade sobre todo se segue existindo a escravitude ou a muller xoga o mesmo papel que na sociedade clásica.