Saltar navegación

1.2. Que vas a aprender con este reto na aula?

A polo reto!

O profesor Paco púxose serio. Sentou na mesa e díxonos: "O planeta está en perigo. Hoxe, na portada dun dos periódicos máis importantes do país, aparecía unha imaxe alarmante: cada día hai máis dióxido de carbono na atmosfera e gran parte débese ás emisións dos medios de transporte."

Quedou calado un anaco, e de repente púxose de pé e volveu falar: "Propóñovos un reto: en grupos de 6, teredes que contar como chegades ao instituto dende a vosa casa, e a continuación calcular a pegada de carbono que xerades con no voso camiño segundo o medio de transporte que usedes. Por último, teredes que valorar cal sería a mellor alternativa para cada quen, e como afectan estas medidas á vosa cidade. No fondo, reflexionaredes si con estas medidas serían suficientes para salvala Terra. Veña!!!! Que o tempo corre!!!!"

Temos que chegar ao instituto coa menor pegada de carbono posible!

Lectura facilitada

O profesor Paco dixo:

"O planeta está en perigo.

Cada día hai

máis dióxido de carbono na atmosfera.

Este feito débese ás emisións dos medios de transporte.

Propóñovos un reto:

en grupos de 6 persoas,

teredes que contar como chegades ao instituto dende a vosa casa,

e calcular a pegada de carbono que xerades.

Teredes que valorar cal sería a mellor alternativa para a viaxe de cada persoa do equipo.

Debedes valorar como afectan estas medidas á vosa cidade.

Reflexionaredes se estas medidas serían suficientes para salvala Terra.

Veña!!!! Que o tempo corre!!!!"

Hai que chegar ao instituto coa menor pegada de carbono posible!

Cal é a meta do noso reto?

Unha vez teñas este reto superado, serás capaz de:

Pictograma de chegada a meta
  • Localizar, medir e evidenciar preocupación polos principais problemas sociais do noso presente, dende unha posición crítica e achegando posibles solucións aos mesmos.
  • Contribuír ao logro dunha realidade social e a un medio máis xusto e viable, a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
  • Identificar os principais retos, problemas e desafíos da humanidade na actualidade, e que debemos resolver arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
  • Defender o posicionamento en favor da defensa, protección, conservación e mellora da contorna natural, tanto no mundo urbano coma rural mediante iniciativas que deriven en acordos e accións en favor da sustentabilidade e da repartición xusta e solidaria dos recursos.
  • Relacionar os cambios nos modos de vida tradicional e comparalos con hábitos saudables e sustentables na vosa contorna, a través de comportamentos respectuosos coa propia saúde, coa dos demais e cos outros seres vivos, valorando a importancia de promover o propio desenvolvemento persoal.

Reto por retos...

A imaxe contén un debuxo do planeta terra

O obxectivo é analizar o traxecto de cada un dos alumnos e alumnas do profesor Paco dende a súa casa ao instituto no que estudan. Dependendo do medio de transporte que usen, teredes que calcular a pegada de carbono que xenera cada un e así, valoraredes traxectos e medios de transporte alternativos para reducir a contaminación urbana. Para superar o reto, o proxecto final deberá responder, como mínimo, a un destes tres retos: 


Retos:

  • Calcula e valora a pegada de carbono do alumnado do profesor Paco no traxecto ao instituto. Calculade posibles alternativas máis proveitosas e valorade o seu impacto.
  • Calcula e valora a pegada de carbono da construción de cada medio de transporte que usa o alumnado do profesor Paco no traxecto ao instituto. Comparade coa pegada de carbono dos rapaces, e extraede conclusións sobre as posibles alternativas máis proveitosas e valorade o seu impacto.
  • Creade un mapa ou esbozo da vosa cidade de máis de 50.000 habitantes máis próxima ao voso instituto e trazade os novos espazos xerados segundo a nova normativa de mobilidade urbana segundo os ODS 2030. Facede unha valoración crítica do mesmo e reflexionade si é suficiente con cambiar a nosa mobilidade ou reciclar para salvalo planeta. Tras revisar todo o aprendido nesta unidade, facede unha valoración crítica das políticas de enerxía, mobilidade e reciclaxe que nos afectan e as previsións dos ODS 2030.

Lectura facilitada

Os alumnos de Paco estudan como van ao instituto desde casa.

Analizan que transporte usan e canto CO2 emiten. 

Deben valorar as diferentes opcións e valorar as máis limpas para reducila contaminación.

Hai tres retos:

  1. Calcular a pegada de carbono de cadanseu viaxe ao instituto.
  2. Deseñar un mapa urbano sostible.
  3. E avaliar se cambiar a nosa mobilidade urbana e/ou reciclar é suficiente para protexer o noso planeta.

Que debes facer para completar o Reto?

Ao rematar este REA, deberás completar o Reto proposto anteriormente. Para isto, podes utilizar distintos medios. Podes recoller a información referida (cálculos da pegada de carbono dos protagonistas, valoración do custo de produción dos vehículos, mapa ou esbozo sobre as baixas emisións da cidade elexida e reflexión crítica sobre ditas medidas e o cambio climático) do seguinte xeito e formato:

  • Formato póster ou collage (mínimo tamaño A3)

  • Presentación dixital (tipo impress, prezi ou similar)

  • Arquivo multimedia (audio ou audiovisual)


Organización do grupo:

Pictograma dun grupo traballando

Para conseguir resolver o reto con solvencia temos que facer un esforzo de organización grupal, tendo en conta que só podemos ter éxito se todos achegamos o noso gran de area. Non valerá que cada un faga unha parte individualizada e logo xuntalo todo ao final sen sentido. Ten que ser un traballo integral e cooperativo.

Temos que aceptar a opinión do grupo, non ir por libre, cumprindo os prazos, axudándonos (non todos temos a mesma facilidade para este tipo de tarefas) e contribuíndo a crear bo ambiente.

Seleccionade un coordinador/a do equipo, que moderará os posibles debates e será o interlocutor/a co profesor ou profesora.

Imos aló!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)