Saltar navegación

3.8. Hora de crear

 

Glosario

Autoría

Pictograma dunha persoa enfrente dun espello e pintando o seu propio retrato.

Definición:

Responsabilidade de ser o autor/a.

Exemplo:

As composicións do disco son da súa autoría, ademais de cantar tamén compón.

Editorial

Pictograma dunha librería onde se observa a entrada e o escaparate con libros.

Definición:

Empresa que se dedica a editar obras.

Exemplo:

Esta editorial sempre publica libros e discos moi interesantes.

Creando música

Tres partituras con pentagramas, notas musicais e a clave de sol.

Compoñer consiste en crear unha peza musical. Para iso pode servirse de elementos como a melodía, harmonía, ritmo e estrutura

A persoa que elabora unha composición chámase compositor/a.

Nun principio as composicións transmitíanse de forma oral, de xeito que non se coñecía a autoría das obras.

Co nacemento da escritura musical e das primeiras editoriais, compositores e compositoras comezaron a asinar as súas publicacións.

Existen obras musicais de diversa e extensión, dende poucos minutos a varias horas, como pode ser o caso dunha ópera.

De forma que a composición dunha obra é un proceso que pode durar meses ou anos.

Lectura facilitada

Compoñer consiste en crear unha peza musical.

Para compoñer pódese usar a melodía, a harmonía, o ritmo ou a estrutura.

A persoa que fai esta composición chámase compositor ou compositora.

Ao principio, as composicións transmitíanse de forma oral.

Por iso, non se coñecía quen era o autor ou autora das obras.

Despois naceu a escritura musical e as primeiras editoriais.

Nese momento, os compositores e compositoras comezaron a asinar as súas publicacións.

Existen obras musicais de diferentes tamaños e extensións:

Hai obras de poucos minutos.

Hai obras de varias horas, como unha ópera.

Por este motivo, a composición dunha obra é un proceso que pode durar meses ou anos.

Para saber máis...

Que é?

Compoñer é a arte de organizar o son e o silencio no tempo para crear unha obra musical. É, en esencia, tomar decisións creativas.

Igual que un escritor elixe palabras para contar unha historia ou un/a cociñeiro/a combina ingredientes para crear un prato, un compositor ou compositora organiza os parámetros que xa coñeces:

  • Elixe as notas.
  • Decide o ritmo.
  • Selecciona os instrumentos.
  • Controla a forza.

Como se compón hoxe en día?

Compoñer non só é escribir notas na partitura. Hoxe en día tamén se compón:

  • Creando bases con software/soporte lóxico e computadores.
  • Facendo improvisación sobre unha estrutura.
  • Experimentando co ruído e coa tecnoloxía.

Compoñer é dar forma a unha idea sonora para que outros poidan escoitala, sentila ou bailala.

Compoñendo con ritmo

Persoa dirixindo unha peza musical cunha batuta e notas musicais ao redor.

Chega o momento de compoñer a túa propia peza musical para percusión corporal.

Vas empregar 2 elementos: ritmo e timbre.

  1. A peza estará nun compás de 4 por 4.
    • Podes empregar negras, brancas, e corcheas, así como os seus respectivos silencios.
  2. A peza debe ter un mínimo de 2 partes de 4 compases cada unha.
    • Intenta que exista contraste entre as dúas partes.
    • Por exemplo, se nos primeiros 4 compases empregas brancas e negras, nos seguintes compases podes xogar con patróns máis rápidos de corcheas. Se decides crear máis de dúas partes, lembra que todas as partes deben ter 4 compases.
  3. Reflexiona sobre os diferentes timbres que podes producir con percusión corporal: palmas, pisadas... e aplícaos á túa composición.
  4. Emprega o teu botellófono como mínimo nunha das partes da túa composición. Podes empregar tantas botellas afinadas como desexes.
  5. Lembra incluír matices e reguladores para engadir profundidade á túa composición.

A improvisación

Con música...

Retrato da saxofonista Melissa Aldana e outras.

Improvisar consiste en crear música en tempo real.

Esta práctica estivo moi presente ao longo da historia, e de feito, os grandes compositores e compositoras tamén improvisaban moi ben.

En períodos como o Renacemento e o Barroco (S. XVI e XVII respectivamente) a improvisación era algo indispensable.

Aínda que co paso do tempo esta práctica se abandonou, en estilos posteriores como o jazz a improvisación é esencial.

Improvisar con palabras

MCs nunha batalla de galo.

Podes improvisar con melodías, harmonías, ritmos, texturas e tamén con palabras.

Co nacemento do hip-hop apareceu a figura do/a MC que improvisaba versos mentres o/a DJ creaba as bases musicais.

Coa evolución deste xéneros os textos volvéronse cada vez máis complexos e comezaron a escribirse, pero a improvisación segue cultivándose nas denominadas "Batallas de Galos".

En Galicia tamén temos a tradición de improvisar con palabras: as regueifas.

Esta práctica consiste en improvisacións en verso entre dúas ou máis persoas con temáticas satíricas e humorísticas.

Lectura facilitada

Improvisar coa música

Improvisar é crear música no mesmo momento no que se toca.

Moitos compositores famosos da historia eran grandes improvisadores.

No Renacemento e no Barroco a improvisación era obrigatoria.

Co tempo usouse menos, pero no jazz é unha parte fundamental.

Improvisar con palabras

Podes improvisar con melodías, ritmos e tamén con palabras.

Os MCs improvisan versos sobre as bases que crea o DJ.

Son competicións onde os artistas improvisan textos en directo.

Temos unha tradición moi antiga chamada regueifa.

Dúas ou máis persoas improvisan versos con humor e retranca.

Expresándose coa música

Pictograma de dúas persoas sentadas levantando as mans

A música é unha poderosa ferramenta para transmitir emocións e funciona coma unha linguaxe.

Nesta actividade vas realizar unha improvisación rítmica con percusión corporal en grupos de 4 persoas.

Escolle como mínimo un destes ritmos. O cuarto compás sempre está baleiro para que realices aí a túa improvisación.

Forma un círculo e interpreta en grupo os 3 primeiros compases. Cando chegue o cuarto compás realiza por quendas unha improvisación.

Unha vez rematado o compás de improvisación, volve comezar o ritmo en grupal, e ao chegar ao compás baleiro outra persoa realiza a improvisación.

A persoa que improvisa muda seguindo o sentido das agullas do reloxo.

Interpreta a peza ata que improvises polo menos 2 veces.

1ª Opción

Exemplo de compás de improvisación

Apoyo visual

2ª Opción

Exemplo de compás de improvisación

Apoyo visual

Unha orquestra de lapis e bolis?

Man agarrando un lapis.

Ao longo deste REA descubriches que estás rodeado de sons e ruídos.

Chega o momento de aplicar todos os coñecementos para perfeccionar a túa composición.

Vas adaptar a túa composición de percusión corporal para interpretala obxectos do teu centro.

Para iso vas traballar co mesmo grupo de 4 persoas.

Emprega a lista que elaboraches na actividade do apartado 3.7. "Un boli musical" e escolle os obxectos que mellor se adapten aos sons que estás buscando.

Emprega un mínimo de 4 obxectos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)