Adxectivo que describe con exactitude a realidade, sen ter en conta opinións persoais.
Exemplo:
Afirmar que un violín está feito de madeira é un dato obxectivo.
Subxectivo
Definición:
Adxectivo que é propio do suxeito, conforme á súa maneira de ver as cousas.
Exemplo:
Afirmar que o violín é bonito é un dato subxectivo porque o gusto varía en cada persoa.
Visualizando o son
No cambio de clase, estás facendo percusión co teu bolígrafo sobre o pupitre e percíbelo como un son agradable. Pero que escoitan os teus compañeiros e compañeiras de clase? Seguramente ruído.
A que se debe esa diferencia? A sensación de ruído é sempre algo subxectivo e relacionado co agrado ou desagrado do ouvinte ou existe algunha maneira de clasificar obxectivamente un son como ruído ou ton?
Existe un aparello, chamado osciloscopio, capaz de transformar o son nun gráfico en forma de onda co que se pode observar de maneira obxectiva a diferencia entre ton, ruído e silencio.
Lectura facilitada
No cambio de clase, ti fas golpes co bolígrafo na mesa.
A ti paréceche un son bonito.
Pero os teus compañeiros e compañeiras escoitan algo diferente.
Para eles, seguro que é un ruído molesto.
Por que pasa isto?
O ruído depende dos gustos de cada persoa?
Ou podes saber de verdade se un son é música ou é ruído?
Existe un aparello que serve para ver os sons.
Este aparello chámase osciloscopio.
O osciloscopio debuxa o son en forma de liñas con ondas.
Con este debuxo podes ver de forma clara a diferenza entre tres cousas: ton, ruído e silencio.
Audio
Ton, ruído e silencio
Ton
As ondas sonoras resultantes da emisión dun ton son regulares e ordenadas.
Ruído
As ondas sonoras resultantes da emisión dun ruído son irregulares e desordenadas.
Silencio
Ausencia de son e, polo tanto, de onda sonora.
Audio
Actividade multinivel: tres formas de escoitar
O son está presente ao redor, pero non sempre o escoitas da mesma forma.
Para entender como funciona, traballarás sobre os seus tres piares o ton, o ruído e o silencio.
Observa as tres opcións e selecciona unha para realizar, podes elixir a que ti queiras.
Audio
Opción A: palabras agochadas
Lea o parágrafo seguinte e escribe as palabras que faltan.
John Cage e a cámara anecoica parece o título dunha aventura de ficción, pero trátase dunha experiencia real que levou ao compositor John Cage a compoñer unha das obras máis controvertidas da música do S.XX, titulada 4´33´´.
Despois de permanecer na cámara anecoica de Harvard durante un tempo, saíu cunha observación sorprendente: "Escoitei dous sons, un agudo e outro grave. O agudo era o meu sistema nervioso en funcionamento, e o grave, o meu sangue en circulación."
A conclusión de que non podía escoitarse o silencio absoluto levouno a idear esta partitura, na que unicamente aparece a palabra "Tacet". O/a intérprete debe permanecer en silencio sen tocar o seu instrumento durante catro minutos e trinta e tres segundos.
A proposta é que o material sonoro da obra é sempre diferente xa que está composto polos ruídos que escoita o oínte durante ese tempo.
Un voo silencioso
Pode algunha ave voar sen facer ruído?
Se queres saber a resposta bota unha ollada a este interesante experimento que analiza as ondas sonoras dos voos de diferentes aves!
Un solista inusual!
Imaxinas que un aparello poida ser o solista nunha obra orquestral?
Aquí tes un exemplo moi curioso dunha divertida obra escrita por Leroy Anderson para orquestra e máquina de escribir!
Lectura facilitada
John Cage foi un compositor do século XX.
Entrou nunha sala da universidade de Harvard deseñada para non escoitar ruídos exteriores nin ecos.
Este tipo de salas reciben o nome de cámara anecoica.
Ao saír dixo que escoitara dous sons:
Un son agudo que era o son do seu sistema nervioso funcionando.
Un son grave que era o seu sangue circulando polo seu corpo.
John Cage chegou á conclusión de que era imposible escoitar o silencio absoluto.
Isto deulle a idea de compoñer a obra musical chamada 4'33´'.
O intérprete non toca o seu instrumento durante 4 minutos e 33 segundos.
Os sons resultantes do ambiente crean a obra cada vez que se interpreta.