Formato de radio no que se reproducen as cancións máis populares do momento. Tamén se realizan concursos coa audiencia e se expoñen os temas máis relevantes da actualidade.
Exemplo:
Ese artista é moi famoso, escoito a súa canción varias veces ao día na miña radiofórmula favorita.
Castelos de area
Cimentos e melodías
Que divertido é o verán, as vacacións e por suposto, a praia!
A música tamén forma parte dos teus veráns, mesmo a radiofórmula anuncia "aínda non escoitaches o éxito deste verán?".
Co paso do tempo, volves escoitar esa canción e parece que viaxas no tempo. De súpeto estás de novo na praia xogando a facer castelos de area.
Pero non é doado facer un castelo. A area non pode estar nin moi seca nin moi húmida.
Unha vez que tes os materiais comezas: fas a estrutura, o foso, se cadra un túnel, engades algunhas cunchas, pos unha pluma no tellado, e así ata que vén a auga e volve todo ao seu sitio.
Construír con sons
Compoñer unha canción é igual que construír un castelo de area.
Non é xuntar elementos ao chou, senón seguir un plan:
O ritmo: unha canción susténtase nunha base rítmica sólida que lle dá estabilidade, como un castelo precisa uns bos cimentos.
A melodía: son as notas que vas colocando unha tras outra. Se as combinas con sentido, creas "muros" musicais que a xente recoñece e canta.
A harmonía e os matices: nun castelo pos cunchas ou plumas, na música, engades instrumentos, acordes e intensidades para que a composición sexa única e emocionante.
Entón, o proceso de organizar todos estes elementos (ritmo, melodía, harmonía e matices) para crear unha obra nova e coherente chámase compoñer.
Lectura facilitada
Que divertido é o verán, as vacacións e a praia!
A música tamén forma parte dos teus veráns, como os castelos de area
Ao escoitar unha canción podes viaxar no tempo.
Facer unha canción é tan divertido como construír un castelo de area.
Podes xogar cos seguintes elementos: ritmo, melodía, harmonía e matices.
Este proceso chámase compoñer.
Audio
A casa polo tellado
Unha casa de sons
Compoñer unha canción é un proceso moi persoal. Cada artista ten o seu método.
Podes cambiar de método segundo o instrumento que teñas nas mans: un piano convida a facer melodías complexas, mentres que unha guitarra pide acordes máis rítmicos.
O máis curioso da música? Que aquí si podes comezar a casa polo tellado.
Existen unha serie de elementos cos que podes xogar para compoñer unha canción: melodía, harmonía, ritmo, textura e timbre.
Tellado: melodía
A melodía é a parte principal dunha peza, interpretada polo instrumento ou voz solista. É o que cantas cando lembras unha canción.
Se pensas no "Parabéns para ti", esa liña de notas que cantaruxas é a melodía.
Moitos compositores empezan imaxinando esta melodía e despois constrúen o resto debaixo.
Estrutura: harmonía
A harmonía é a base sobre a que se sustenta a melodía.
Está formada por acordes, polo menos tres notas que soan á vez, que producen cor e sensacións (alegría, tristura ou tensión).
Case todas as cancións que escoitas usan tres acordes básicos sobre a 1.ª, 4.ª e 5.ª nota dunha escala: tónica, subdominante e dominante.
Escala en Do maior:
1.ª Tónica - o centro: dó-mi-sol.
4.ª Subdominante - dá movemento: fa-la-dó.
5.ª Dominante - máxima tensión: sol-si-re.
As veces inclúese unha cuarta nota, fa, que outorga máis tensión.
Cimentos: ritmo
O ritmo é un dos elementos máis importantes dunha canción, especialmente na música pensada para bailar.
Consiste en como se ordenan os sons no tempo, combinando partes fortes e débiles.
Cando unha peza ten un patrón rítmico que se repite constantemente e serve de guía chamaraslle clave.
Xardín: textura e timbre
Aínda que unha casa é un edificio que pode ser fermoso por dentro, o primeiro que a xente ve ao chegar é o xardín.
No caso dunha composición podes considerar que o xardín serían o timbre e a textura.
O primeiro que percibes ao escoitar unha composición é o instrumento que o interpreta, por exemplo unha voz, unha trompeta ou un xilófono.
A textura é a relación entre as diferentes voces, que poden combinarse de diferentes xeitos, igual que as flores dun xardín.
Lectura facilitada
Cada persoa ten o seu método para compoñer.
O máis curioso da música? Que aquí si podes comezar a casa polo tellado.
Se comparas construír unha casa e compoñer:
A melodía é tellado, a parte principal dunha peza, interpretada polo instrumento ou voz solista.
A estrutura é harmonía, a base que soporta á melodía.
Os cimentos son o ritmo, un dos elementos máis importantes dunha canción, especialmente de baile.
O xardín son a textura e timbre. O primeiro que ves ao chegar a unha casa é o xardín, e o primeiro que escoitas nunha peza é o instrumento que a interpreta.
Audio
Apoio visual
Tellado: melodía
A melodía é a liña de notas principal e máis lembrada dunha canción, e adoita ser o primeiro que os compositores imaxinan para despois construír o resto da peza.
Estrutura: harmonía
A harmonía é a base que sustenta a melodía. Está formada por acordes (tres ou máis notas á vez) que producen diferentes cores e sensacións como tónica, subdominante e dominante.
Cimentos: ritmo
O ritmo ordena os sons no tempo alternando partes fortes e débiles. É vital para bailar e, cando un patrón rítmico serve de guía constante, coñécese como clave.
Xardín: textura e timbre
O primeiro que se percibe. O timbre identifícase co son particular do instrumento ou voz que interpreta a peza, mentres que a textura define como se combinan as diferentes liñas musicais.
Pero mira que é pegadiza!
Seguro que che pasou: pos algo de música pola mañá, soa un clásico como We will rock you de Queen, e xa non hai volta atrás.
Freddie Mercury acompáñate no autobús, no recreo e ata ao saír do colexio.
Por moito que queiras, non deixas de cantaruxar ese ritmo e esa letra tan pegadiza.
Pero isto non é casualidade, é arquitectura musical.
As cancións non son bloques sólidos, teñen diferentes partes nas que pode repetirse a melodía ou o texto, así son máis fáciles de lembrar.
Partes dunha canción
Introdución
É o "ola" da canción. Trátase da parte que dá comezo a unha canción.
En moitos casos é unha parte instrumental para preparar ao oínte e marcar o estilo.
Son eses segundos iniciais de ritmo puro (pisada, pisada, palma). Non hai instrumentos nin voz, só a base que te invita a participar.
Estrofa
Aquí é onde se conta a historia. A estrofa aparece varias veces ao longo dunha canción, pero normalmente, mantense a melodía pero varía o texto.
Cando Freddie Mercury canta sobre o neno (Buddy, you're a boy...), logo sobre o mozo e despois sobre o vello. Cada unha desas tres partes é unha estrofa.
Retrouso
É o corazón da canción. É a parte máis importante, a máis pegadiza e a que sempre se repite igual (letra e melodía).
Usualmente é a parte que máis veces se repite, de xeito que é máis doado que fique na memoria das persoas.
O famoso We will, we will rock you!. É o que todo o mundo canta a coro nos concertos.
Ponte
É unha parte que rompe a monotonía. Serve para conectar o retrouso cunha parte nova ou para dar un descanso antes do final. Adoita soar diferente ao resto.
Normalmente mantén o mesmo texto e a mesma melodía, pero non ten a sensación de clímax do retrouso.
Máis que unha sección cantada, aquí a ponte serve de transición cara ao final, mantendo a tensión co ritmo constante mentres a enerxía vai subindo.
Coda ou outro
É o peche da canción. Trátase dun engadido que presentan algúns temas ao finalizar a canción.
Pode ser un esvaecemento progresivo ou un final explosivo, con elementos escoitados anteriormente, pero sempre ten un carácter conclusivo.
O solo de guitarra de Brian May. Cando a voz para e entra a guitarra eléctrica con toda a forza para rematar a canción por todo o alto, iso é a coda.
Outras partes instrumentais
Nas cancións de pop ou rock a voz ten sempre maior protagonismo, pero existen diferentes partes onde destacan os instrumentos.
Solo: parte na que un instrumento solista improvisa. Normalmente mantén os acordes do retrouso ou da estrofa.
Nesta canción aparece ao final, na coda.
Riff ou interludio: parte instrumental que se repite varias veces ao longo da peza dándolle unidade.
É a percusión, PUM-PUM-CLAP, que non para en toda a canción.
Audio
Un tren musical
Agora que xa coñeces os elementos que compoñen unha canción, imos poñer mans á obra! O teu reto será debullar a estrutura do teu tema favorito dun xeito moi visual.
Que tes que facer?
Escolle unha canción:
podes elixir a que máis che guste.
Deseña o teu "Tren musical":
crea un tren onde cada vagón represente unha parte da canción (introdución, estrofas, retrouso, ponte etc.).
Diferencia con cores:
usa unha cor distinta para cada sección.
Por exemplo: amarelo para a introdución, verde para as estrofas, azul para o retrouso...
Sincroniza o tempo:
en cada vagón debes indicar o nome da parte e o minuto exacto no que comeza e remata.
E se teño un exemplo...
Audio
Diario de aprendizaxe
Reflexionaches sobre as emocións que provoca a música e aprendiches a diferenciar entre acordes maiores e menores.
Analizaches un pódcast para coñecer as partes máis comúns da súa estrutura.
Tamén descubriches os elementos que compoñen unha canción.
É o momento de ir ao teu diario de aprendizaxe e reflexionar sobre o traballo realizado.