Saltar navegación

1. A banda sonora dos demais

Vaia pintas!

Entras no bus do instituto e soa unha música rara, e pensas, este condutor... música da época dos dinosauros!

Vas coa túa familia no coche e escoitas outra música distinta á que ti elixirías, pero que pasa? Cantos tipos de música hai?

Mira este vídeo e faite as seguintes preguntas:

s

  • Cres que recoñeces algún estilo dos que saen no vídeo? Sóanche de velos en películas ou fotos?
  • Pensa na túa familia ou nos teus profesores: cres que algún deles viviu esas épocas e vibrou con esa música igual que ti o fas agora coa túa?
  • Imaxinas que, dentro de 30 anos, alguén fará un vídeo disfrazado de como vistes ti hoxe, e os rapaces do futuro riranse do voso estilo?
  • Por que cres que é importante saber de onde vén o que escoitamos, en lugar de pensar que o noso é o único que vale?

Lectura facilitada

Subes ao autobús do instituto. Soa unha música que non coñeces. Pensas: "Que música tan antiga!"

Outro día vas no coche coa túa familia e tamén soa unha música diferente da que che gusta a ti.

"Pero cantos estilos musicais hai!"

Responde ás seguintes preguntas sobre o vídeo que acabas de ver:

  • Recoñeces algún estilo musical?
  • Cres que a túa familia ou os teus profesores escoitaban esa música cando eran novos?
  • Como cres que verán os rapaces do futuro a música e a roupa de hoxe?

É importante coñecer músicas doutras épocas para entender mellor a historia e respectar os gustos dos demais.

Todo cambia...

Cinco persoas de diferentes xeracións dentro dunha mesma familia.Neste vídeo os Red Hot Chili Peppers cambian de roupa, de peiteado e de actitude a toda velocidade. Por que?

Porque a música, igual que a tecnoloxía ou a roupa que levas posta, non sempre foi así, evolucionou.

Viches o nacemento do rock, a tolemia dos anos 60, o glam das plataformas, o heavy dos 80 e a rabia do grunge dos 90.

Quizais algunhas destas pintas che parezan ridículas ou antigas, pero pensa unha cousa: en cada unha desas épocas, eses estilos foron o máis grande.

Encheron estadios, fixeron berrar a millóns de fans e marcaron a vida de xente da túa idade naquel momento.

E sabes o máis importante? Que sen toda esa música vella que ves aí, a música que ti escoitas hoxe non existiría.

O trap, o reggaeton ou o pop actual son fillos e netos deses ritmos. Todo está conectado!

Lectura facilitada

A música cambia co paso do tempo, igual que a tecnoloxía ou a roupa.

Ao longo da historia apareceron moitos estilos musicais diferentes, como o rock, o glam, o heavy ou o grunge.

Hoxe algúns destes estilos poden parecer antigos ou estraños.

Pero, na súa época, gustábanlle a moitas persoas e foron moi importantes.

Millóns de persoas escoitaban esa música e gozaban dela, igual que pasa hoxe cos estilos actuais.

O máis importante é que a música de hoxe nace da música de antes.

Por iso, estilos como o trap, o reggaeton ou o pop actual teñen relación con músicas doutros tempos.

Toda a música está conectada.

Cando chegues á meta

Cando chegues á meta serás capaz de: 

  • Identificar as principais características das músicas urbanas, así como a función da música no cine e os medios de comunicación.
  • Expresar cun vocabulario axeitado ideas, emocións e opinións sobre os diferentes timbres instrumentais.
  • Coñecer e utilizar diferentes soportes audiovisuais.
  • Crear unha peza musical con elementos propios da cultura musical galega.
  • Traballar en equipo e distribuír tarefas de forma coordinada e consensuada.
  • Crear un proxecto musical, individual ou grupal, no que se utilicen medios audiovisuais e tecnoloxías dixitais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)