Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural
"Hotaru koi"
Glosario
Vagalume
Definición:
O vagalume é un insecto que emite luz propia no escuro. Esta luz prodúcese no seu corpo e sérvelle para comunicarse con outros vagalumes.
Exemplo:
Nas noites de verán, os vagalumes iluminan o campo coa súa pequena luz.
Paisaxe sonora
Definición:
A paisaxe sonora é o conxunto de sons que se escoitan nun lugar e nun momento determinado.
Exemplo:
Fun á montaña e na súa paisaxe sonora destacaba o son do vento, os paxaros cantando e un pequeno río ao lonxe.
"Hotaru koi"
Nesta parada da viaxe musical achegaraste a Hotaru Koi, unha canción folclórica infantil xaponesa que te convida a escoitar con calma e a prestar atención á relación entre a música, a natureza e a emoción. O pobo xaponés conta cunha tradición moi antiga, saír nas noites de verán a observar vagalumes.
Este costume recibe o nome de hotaru-gari e aínda hoxe segue a practicarse en xardíns e parques históricos.
Durante esta época do ano, as familias poden gozar da observación destas pequenas luces que bailan no silencio da noite. Os vagalumes son insectos moi sensibles á contaminación e a súa presenza revela o bo funcionamento dun ecosistema. Viven en zonas húmidas, e a seca, a contaminación química e a contaminación luminosa son as súas principais ameazas.
Lectura facilitada
Escoitas Hotaru Koi, unha canción infantil tradicional de Xapón. Invítate a escoitar con calma e a prestar atención aos sons.
En Xapón existe un costume antigo. Nas noites de verán obsérvanse vagalumes. Este costume chámase hotaru-gari.
Os vagalumes brillan no silencio da noite. Son sensibles á contaminación.
Audio
Apoio visual
Tes dúas opcións para escoitar e seguir a partitura de forma interactiva: a ligazón en Musescore (abre nunha nova xanela) ou o reprodutor inserido a continuación.
Escoita
Escoita esta versión de Hotaru koi. Se queres na casa podes buscar en YouTube e valoras se hai moitas formas diferentes de cantar a mesma canción.
Canta
Aprende en grupo a melodía:
Canon
A continuación tes dúas posibles interpretacións do canon. A primeira é máis sinxela, a 2 voces e a segunda é a tres voces. Coa axuda do profesorado escolleredes unha delas para interpretar.
Paisaxe sonora
Como vimos antes Hotaru koi é unha canción relacionada coa observación das vagalumes na noite. Agora exploraredes diferentes sons que se poden facer con obxectos, o noso corpo e a nosa voz para crear un contexto para a canción.
Pecha os ollos e imaxina que estás de noite en silencio en medio dun bosque. Aos poucos os teus oídos comezan a diferenciar diferentes sons: o vento movendo as follas das árbores, grilos cantando entre as herbas, o característico son dun moucho...
Como poderías recrear algún destes sons? Como queres que soe o voso bosque? Pensa uns segundos e mira o vídeo que está a continuación.
Acabas de ver como un coro pode imitar diferentes sons da natureza: chuvia, vento, animais... Mediante unha tormenta de ideas escolle en grupo varios sons que queirades incluír na vosa paisaxe sonora para Hotaru koi. Debe ter unha duración aproximada de 45 segundos.
Montaxe
Agora monta en grupo a vosa versión de Hotaru koi con todos os elementos que teñades:
Introdución: comezará escoitándose a paisaxe sonora, en medio dos sons da natureza escoitarase por primeira vez a melodía ao unísono cantada por un grupo de solistas a unha velocidade lenta.
Desenvolvemento: comeza o canon a 2 ou 3 voces dependendo do que teñades preparado. Todo o grupo canta xunto o canon.
Final: a medida que o canon termina unhas poucas voces seguen cantando o primeiro compás Ho Ho Hotaru koi mentres os demais comenzan a facer a paisaxe sonora, cada vez as voces escóitanse máis lonxe ata que todo queda en silencio.