Saltar navegación

4.2.Organizando o concerto

Cal é o meu rol?

Xa tes case todo organizado!

Antes de comezar cos ensaios queda definir o papel que cada un vai ter na actuación. Revisa agora os diferentes roles.

Actuación

Actores obra teatro Aquí están englobados o narrador e as personaxes que dependerán do voso guión. Quen escolla esta tarefa deberá memorizar as súas frases e interpretar con sentido dramático e boa dicción. 
Recorda que é moi importante que o público entenda o que estás contando e debes proxectar a voz, facer pausas expresivas e controlar a velocidade do discurso. Así que o voso traballo non consistirá só en memorizar, tes que ensaiar en voz alta o aspecto vocal e corporal para facer cribles os vosos personaxes.

Rexedor

Persoa con megáfonoEste é un rol opcional que tes que decidir co teu grupo se o queredes incorporar ou non. O rexedor é a persoa que se encarga de organizar os tempos, saídas e posicións en escena. É unha figura que pode axudar se facedes unha montaxe complexa, necesítase unha persoa detrás do escenario co guión para lembrar quen ten que saír ao escenario e cando.

Músicos

 Xente cantando e tocandoSon os roles principais, como músicos tes que ser capaz de aprender e adaptarse a diferentes papeis: instrumentistas, cantantes, bailaríns. Nalgunhas pezas tes que cantar e facer unha coreografía ao mesmo tempo, noutras tes que bailar, noutras tocar instrumentos. Pero o importante e probar todas as posibilidades para ser un músico completo!

Lectura facilitada

Xa tedes case todo preparado.

Antes de ensaiar, hai que repartir os papeis.
Cada persoa terá un rol na actuación.


O narrador e as personaxes contan a historia.
Teñen que aprender o texto.
É importante falar claro.
Hai que usar ben a voz e o corpo.


O rexedor axuda a organizar a actuación.
Controla as entradas e as saídas.
Lembra quen ten que saír e cando.
Este rol é opcional.


Os músicos tocan, cantan ou bailan.
Ás veces fan varias cousas á vez.
Poden cambiar de papel segundo a peza.
O importante é probar e aprender.

Organiza o tempo

CalendarioPor último, tes que organizar os ensaios. Debes planificar dous tipos de ensaio:

1. Ensaios parciais: nestes ensaios practícanse as pezas por separado cos roles definitivos que cada un terá na actuación. Tamén debes practicar coa clase completa a parte teatral coas saídas e entradas do escenario e as colocacións. E, por último, os ensaios da parte técnica (escenografía e amplificación de son, en caso de que o usedes).

2. Ensaio xeral: neste ensaio pásase toda a obra de principio a fin con vestiario e escenografía. Tal e como queredes que sexa a representación.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Xa completastes a fase 4 do reto e todo isto é o que fixestes: organizar a historia, planificar os ensaios, tomar decisións sobre a escenografía e aprender a traballar como equipo para que todo encaixase.

Agora é o momento de parar, mirar atrás e pensar sobre como se constrúe un proxecto artístico desde dentro:
que pasos seguistes, que decisións foron importantes e que aprendestes ao longo do camiño.

Accede ao diario de aprendizaxe e completa as preguntas propostas. Estas preguntas axudaranche a ordenar o vivido, reflexionar sobre o proceso e preparar o peche final do proxecto.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)