Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural
3. Viaxando polo mundo
Glosario
Copla
Definición:
Parte dunha canción na que a letra cambia en cada repetición, mentres a melodía adoita manterse.
Exemplo:
En A saia de Carolina, as coplas contan distintas partes da historia.
Retrouso
Definición:
Parte dunha canción que se repite varias veces e mantén a mesma letra e melodía.
Exemplo:
En A saia de Carolina, o retrouso pregunta a Carolina se bailou e ela contesta.
A música e a danza no mundo
Tanto a música como a danza son expresións universais coas que comunicamos emocións e forman parte da vida social das persoas. Desde os seus inicios coa voz e a percusión corporal, foron evolucionando de distintas maneiras segundo as culturas do mundo.
Agora vai comezar a viaxe musical. En todos os recunchos deste planeta a música e a danza ten un valor fundamental e representa un xeito de comunicarnos, expresarnos e comprendernos. Así pois, en todas as partes utilízase a linguaxe musical universal pero... non en todas as rexións se utiliza a música e a danza da mesma maneira. En cada cultura a música e a danza son distintas, pero sempre é un valor moi importante para a sociedade.
Nas próximas sesións farás diferentes paradas polos continentes para achegarte ás músicas e danzas de cada lugar.
Ánimo, orellas abertas e prexuízos fóra!
Lectura facilitada
A música e a danza úsanse en todo o mundo para expresar emocións. Pero en cada cultura a música e a danza son distintas.
Agora comeza a viaxe musical. Viaxarás polos continentes. Coñecerás músicas e danzas doutros lugares.
Escoita con atención e mantén a mente aberta.
Audio
A forma musical
A forma musical é a estrutura dunha peza musical ou modo no que se organizan os temas musicais dentro dunha composición. É dicir, como se organizan e relacionan as distintas partes que pode ter unha peza musical (como pode ser unha copla e un retrouso, por exemplo).
Características
Toda a música ten unha forma, xa que o noso oído tería moitas dificultades para seguir música nova todo o tempo. Precisamos momentos nos que regresemos a música xa coñecida. Así pois, a forma musical da coherencia e unidade a unha peza musical.
Axuda a identificar xéneros e épocas musicais.
Permite á persoa compositora crear unha historia a través da música.
Cada tema ou frase musical vai ser nomeado segundo as letras do abecedario (A, B, C, e así sucesivamente)
Se unha frase se repite recibe a mesma letra, vaise chamar igual (por exemplo: A, B, B, A, C, etc)
Se ao repetirse a frase ten algunha modificación, utilizamos a mesma letra co símbolo ' (A, A', B, B') que se vai ler "prima" (A, A prima, B, B prima). Tamén podemos usar números, A, A2, B, B2.
Para compoñer unha peza musical, unha persoa compositora utiliza recursos como a repetición, a variación e o contraste de ideas musicais.
A organización destas letras vai dar lugar a algunhas formas fixas, tanto na música académica como na música folclórica e a música popular comercial, como pode ser a relación copla-retrouso.
Exemplos sinxelos
Forma binaria (AB): con dúas seccións contrastantes.
Forma ternaria (ABA): Con unha sección contrastante (B) que está no medio de dúas seccións iguais ou semellantes (A)
Forma rondó (ABACA...): as cancións con esta forma presentan un tema principal (A) que se repite alternando con temas contrastantes (B, C).
Esquema habitual na música popular comercial: introdución-copla-retrouso-copla-retrouso-ponte-copla (A,B,C,B,C,D,C)
Lectura facilitada
A forma musical é a estrutura dunha canción.
Estudamos a forma dividindo as partes da música con letras (A, B, C...)
As diferentes partes da música poden ser de varios tipos:
Repetición de música escoitada antes
Variación de música escoitada antes
Contraste: música nova
Hai diferentes formas musicais.
A B: Ten dúas partes diferentes
A B A: A primeira parte volve ao final
Rondó: Unha parte repítese varias veces. Entre medias aparecen partes diferentes.
Moitas cancións teñen copla e retrouso. Estas partes repítense ao longo da canción.