Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural
3.2. América
Glosario
Canto responsorial
Definición:
Forma de canto na que unha persoa ou grupo canta unha frase e outro grupo responde con outra frase musical.
Exemplo:
No gospel, o solista canta unha frase e o coro responde, seguindo o modelo do canto responsorial.
Hibridación
Definición:
Proceso polo que se mesturan elementos de diferentes culturas, dando lugar a novas formas de expresión, como estilos musicais novos.
Exemplo:
A música americana xurdiu da hibridación entre culturas indíxenas, africanas e europeas.
Un continente multicultural
Continúa a túa viaxe musical facendo parada en América, para escoitar músicas que naceron do encontro entre diferentes culturas e formas de expresión.
É un territorio fondamente marcado pola colonización europea e chegada forzosa de millóns de africanos escravizados entre os séculos XVI e XIX. Isto supuxo o espallamento de ritmos, modos de canto e instrumentos que hibridados coas músicas indíxenas e europeas supuxo o nacemento de diferentes estilos.
Para o estudo da música americana, dividimos o continente en dúas grandes zonas:
América do Norte: inclúe as tradicións musicais dos pobos indíxenas norteamericanos.
América Latina: comprende o Caribe, Centroamérica e América do Sur.
Características da música americana
A música de América do Norte está marcada polo canto, a percusión e o seu uso ritual; ademais moita da música folclórica e popular comercial xurdiu da hibridación da música europea e da africana. Dela aquí xurdiron estilos como gospel, blues, soul e jazz.
Na música de América Latina fusiónanse tres raíces principais. A música indíxena dos maias, aztecas e pobos andinos, a influenza ibérica das formas estróficas e ritmos regulares, e por último a tradición africana que achega a complexidade rítmica da percusión e o canto responsorial. Da súa mestura xurdiron numerosos xéneros como a samba, a cumbia, a salsa ou o bolero.
A música americana emprega instrumentos autóctonos como o teponaztli, diferentes aerófonos de arxila e unha gran variedade de frautas nativas e instrumentos de percusión os tambores de marco como o kultrun. Atopamos influenzas africanas nos instrumentos de percusión, e europeas como no acordeón, pero sobre todo nos cordófonos, guitarras, charango, tres cubano, cuatro venezolano, guitarrón etc.
O cajón, coñecido en Perú como cajón peruano, é un instrumento de percusión de orixe afroperuana documentado na bibliografía etnomusicolóxica (Blades, 1970). A finais dos anos 1970 foi incorporado ao flamenco por Paco de Lucía, quen, xunto co percusionista Rubem Dantas, identificou nel unha solución eficaz á necesidade de percusión deste xénero. A partir da súa introdución no sexteto de Paco de Lucía, o instrumento foi adaptándose ás esixencias do flamenco, dando lugar ao chamado cajón flamenco, que co tempo se converteu nun elemento fundamental do flamenco contemporáneo e doutras músicas internacionais. Blades, J. (1970). Percussion instruments and their history. London: Faber & Faber.
Lectura facilitada
Agora viaxas por América. América é un continente moi grande.
En América hai músicas moi diferentes. Estas músicas naceron da mestura de culturas.
Chegaron persoas de Europa. Tamén chegaron persoas africanas traídas á forza. Estas persoas mesturaron a súa música coa música dos pobos indíxenas.
Así naceron novos estilos musicais.
Dividimos América en dúas grandes zonas, América do Norte e América Latina.
En América do Norte xurdiron estilos como o gospel, o blues e o jazz. En América Latina xurdiron estilos como a samba, a salsa e o bolero.
A música americana usa moitos instrumentos.
Usa instrumentos de percusión. Usa frautas tradicionais. Usa instrumentos de corda como a guitarra.
Tamén se usa o cajón. O cajón é un instrumento de percusión. O cajón naceu en Perú. O cajón ten orixe africana. Hoxe o cajón úsase no flamenco e noutras músicas do mundo.