Saltar navegación

3.1. África

Elementos da linguaxe musical

Síncope

síncope


A síncope é un recurso rítmico que altera o ritmo regular ao acentuar un tempo débil no lugar dun tempo forte. Normalmente lógrase alongando unha nota débil ata o inicio do tempo forte.

As síncopes son habituais en xéneros como o jazz ou a música latina e achegan sensación de tensión, movemento e sorpresa.

Polirritmia

Polirritmia


A polirritmia é a utilización simultánea de dous ou máis ritmos diferentes, cada un coa súa unidade propia, sen que un derive do outro.

É frecuente cando unha parte marca un ritmo e outra parte mantén un distinto ao mesmo tempo.

Ostinato


O ostinato é un motivo que se repite moitas veces durante unha parte longa dunha composición. Pode ser rítmico ou melódico e pode repetirse igual ou con pequenas variacións.

Ostinato
Tito Puente. Ostinato de Oye como va

A repetición na música

Cando compós unha canción moitas veces é necesario repetir ideas para darlle unha forma coherente. Ao repetir unha melodía, o noso cerebro reláxase porque xa coñece e comprende o que escoita.

Existen unha serie de símbolos que permiten que non teñamos que escribir toda a música dúas veces, xa que nos indican que debemos repetir o fragmento musical.

Hai moitos símbolos, pero ides aprender os máis comúns, xa que os veredes nas partituras desta viaxe.

  • Repetición desde o inicio

Se ves o símbolo dous puntos mirando para á esquerda, significa que tes que volver a tocar/cantar a música que acabas de tocar. Desde o principio.

a)

Símbolo de repetición básico con exemplo

Esta partitura, sen o símbolo de repetición, leríase así:

Partitura sen o símbolo de repetición

  • Repetición dun fragmento no medio dunha partitura

Se ves o símbolo de repetición (a) pero con anterioridade atopaches dous puntos mirando para á dereita: 

b)

Símbolo de repetición de inicio e final

Significa que a repetición xa non comeza desde o inicio, senón desde onde hai estes dous puntos mirando para a dereita.

Esta partitura, sen o símbolo de repetición, leríase así:

Repetición sen ser desde o inicio resolta

  • Primeira e segunda vez

Se enriba dun ou varios compases ves un 1 que os enmarca e ao final aparece o símbolo de repetición, e despois ves un 2 que enmarca outro ou outros compases, significa o seguinte:

Tes que repetir a música.
Na primeira vez interprétanse os compases da 1ª casa.
Na segunda vez, eses compases xa non se tocan e pásase directamente aos compases da 2ª casa.

c)

Exemplo de repeticións de primeira e segunda vez

Esta partitura, sen o símbolo de repetición, leríase así:

Exemplo de primeira e segunda vez sen os símbolos de repetición

Existen outros símbolos que che permiten repetir directamente un compás só, ou levarche ao inicio despois dun fragmento moi longo, como é Da Capo, que en italiano significa desde a cabeza (D.C.). Tamén podemos atopar unha variante deste se vemos Dal Segno (D.S.) que significa que debemos seguir tocando onde vexamos un S ou sinal como esta letra. Porén, xa irás descubrindo pouco a pouco estes símbolos.

Lectura facilitada

A síncope cambia o ritmo normal.
Acentúa un tempo que non é forte.
Dá sensación de movemento e sorpresa.

A polirritmia usa varios ritmos á vez.
Cada ritmo é diferente.
Soan ao mesmo tempo.

Un ostinato é unha idea que se repite.
Pode ser un ritmo ou unha melodía.
Repítese moitas veces.

Na música é importante repetir ideas.
A repetición axúdanos a entender a música.
O cerebro recoñece o que xa escoitou.

Nas partituras existen símbolos de repetición.
Estes símbolos indican que unha parte se toca outra vez.
Así non hai que escribir a música dúas veces.

Hai símbolos para repetir desde o inicio.
Hai símbolos para repetir só unha parte.
Tamén hai símbolos para primeira e segunda vez.

Pouco a pouco aprenderás a recoñecer estes símbolos.

A música de África

Mapa de África con dúas rexións

A túa viaxe musical comeza en África, onde vas escoitar e descubrir músicas que usan o ritmo, o corpo e o grupo como formas de expresión e comunicación, atoparás máis de mil linguas e culturas diversas. A historia deste continente está marcada polo colonialismo europeo e polo secuestro de emigración forzosa de cidadáns africanos que foron levados como escravos a América e a Europa.

Os escravos africanos espallaron a música africana a eses lugares onde foron levados, ademais de aprender das novas músicas que se atoparon. Xurdiron numerosos xéneros musicais, como o blues, o jazz, o reggae, a salsa, a samba e moitos outros estilos musicais.

A grandes trazos, para estudar a música africana, dividimos o continente en dúas grandes zonas:

  1. Magreb: é a zona norte de África, comprende os países árabes: Marrocos, Arxelia, Túnez, Exipto, Libia, Sudán ou Mauritania.
  2. Africana subsahariana: comprende o resto do continente, con países como Senegal, Guinea, Camerún, Ghana, Angola, Uganda ou Sudáfrica. 

Características da música africana

  • A música adoita ser un feito colectivo que se comparte entre os distintos membros da comunidade: a audiencia non só escoita, se non que se suman cantando, tocando ou bailando.
  • Temática: a música ten moita relación coa vida cotiá, está presente en todos os momentos da vida desde o nacemento ata o traballo, as celebracións sociais e as relixiosas.
  • Música de tradición oral: normalmente non se utiliza un sistema de notación e moitas veces non ten autor coñecido (anónima).
  • A música é case sempre inseparable da danza.
  • O ritmo é o elemento máis importante da música, e van ser moi habituais as polirritmias.
  • Utilízanse con moita frecuencia os ostinatos.
  • A música vocal normalmente é a varias voces (polifónica), con melodías sinxelas baseadas na repetición, a variación e a improvisación.
  • O canto emprega frecuentemente o estilo responsorial: con patróns de pregunta e resposta nos que dialogan un solista e un coro.

Lectura facilitada

A viaxe musical comeza en África.

En África hai moitas culturas e linguas diferentes.

A música usa moito o ritmo, o corpo e o grupo.

A historia de África estivo marcada pola colonización.
Moitas persoas africanas foron levadas á forza a outros continentes.

A súa música espallouse por Europa e América.
Así naceron novos estilos musicais.

Para estudar a música africana, dividimos África en dúas zonas.

O Magreb:  norte de África

África subsahariana: resto do continente

As súas características son:

  • Música grupal: as persoas cantan, tocan e bailan xuntas.
  • Acompaña a vida diaria: úsase nas festas e nos rituais.
  • Transmítese de forma oral.
  • A música vai unida á danza.
  • O ritmo é moi importante: Usan repeticións e varios ritmos á vez.
  • O canto adoita ser de pregunta e resposta.

Descobre o "afrobeat"

O Afrobeat é un xénero africano que mistura distintos estilos de música dos anos 70 do século XX.

Fela Kuti foi o seu máximo expoñente.

Responde ás seguintes cuestións.

com/watch?v=kr8oRpA2SpE

Portada vídeo Afrobeat. Hai uns bongós e unha cantante africano.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)