Unha viaxe polo mundo: creando un conto musical intercultural
1.1. O reto
Glosario
Intercultural
Definición:
A relación e o intercambio entre persoas ou grupos que pertencen a culturas diferentes. Implica relación, respecto, diálogo, aprendizaxe, en consecuencia enriquecemento mutuo.
Exemplo:
Fixeron un evento intercultural onde as culturas se relacionaron entre si.
Creamos un conto intercultural?
O voso profesorado recibiu unha proposta moi interesante na que tedes que colaborar. Nun colexio de primaria próximo ao voso instituto están organizando unha semana intercultural e pediron ao alumnado de 2.º de ESO que participasen creando un conto musical. A través da historia do conto, as nenas e os nenos máis pequenos aprenderan sobre a música e a danza de diferentes lugares do mundo.
Conto musical
Dar unha volta ao mundo
Explorarás cancións e danzas de diferentes culturas e continentes.
Crear o voso conto musical
Escollerás aquelas que mellor representen cada zona e deseñaredes un fío narrativo que as unifique nunha historia.
Preparar unha posta en escena e ensaiar
Prepararás acompañamentos harmónicos sinxelos e combinacións vocais ou instrumentais para as cancións elixidas.
Ensaiarás con movementos, narración e posta en escena.
Compartir para a semana intercultural
Ao final gravarás ou representarás un conto musical intercultural para compartilo co alumnado de primaria durante a semana intercultural.
Audio
Sempre en equipo
Ao longo das distintas actividades tes que traballar moito en equipo, pasando polos distintos papeis. Por quendas, irás variando coas túas compañeiras e compañeiros a función que tedes. Cantarás, bailarás, tocarás os distintos instrumentos... e tamén farás as túas propias creacións.
Voz
A voz conta co seu texto unha idea ou historia. A persoa que escolle este papel encárgase de cantar ou recitar con boa dicción e ritmo pero máis importante é controlar a respiración, a afinación e comunicar emocións ao público.
Percusión corporal
Consiste en crear ritmos co corpo: palmadas, golpes no peito, pitos, pés… A persoa que escolla este rol debe manter o pulso con precisión e coordinarse co resto do grupo, buscando sonoridades diferentes e dando unha base estable.
Danza
Este papel céntrase en expresar a música co corpo. Inclúe pasos sinxelos, xestos, coreografías ou movemento libre. A persoa que está a cargo debe transmitir emocións e reforzar o ritmo e o carácter da peza a través do movemento sempre atendendo á forma musical.
Narración
A narración dá contexto e guía ao público. Quen elixe este rol le ou interpreta textos curtos, presenta as escenas ou introduce a música. É importante falar con claridade, boa proxección e adaptarse ao ton da obra.
Técnica
Este papel inclúe controlar o son, reproducir audios, xestionar volumes, preparar micrófonos ou sinalizar entradas e cambios. É a persoa que axuda a que todo funcione correctamente durante a posta en escena.
Deseño escénico
Aquí a función é crear a estética da actuación: distribución no espazo, iluminación sinxela, elementos decorativos, paneis, carteis ou vestimenta. A persoa encargada busca que o escenario axude a contar a historia e mellore a presentación final.
Lectura facilitada
Ao longo das actividades traballades en equipo. Cada persoa pasa por diferentes funcións. Por quendas, cambiades de papel. Todas as funcións son importantes.
Algunhas persoas usan a voz. Coa voz contan ideas ou historias. Cantades ou recitades con claridade.
Outras persoas fan percusión corporal. Facedes ritmos co corpo. A vosa función é manter o ritmo.
Tamén hai persoas que fan danza. Expresades a música co corpo. Os movementos acompañan a música.
A narración axuda a entender a historia. Preséntanse escenas ou textos curtos.
A técnica fai que todo funcione ben. Controla o son e os audios.
O deseño escénico coida a imaxe. O escenario axuda a contar a historia.
Audio
Un pouco de contexto
Para axudarche a visualizar o reto podedes ver estes vídeos de contos musicais moi coñecidos.
Pedro e o lobo
O primeiro exemplo e a historia de Pedro e o lobo, que compuxo o músico ruso Prokofiev en 1936 coa función didáctica de ensinar o son dos instrumentos aos nenos.
A historia do soldado
O segundo exemplo é de outro músico ruso Igor Stravinsky en 1918. A historia é unha adaptación dun conto popular e o compuxo durante o seu exilio en Suiza durante a 1.ª Guerra Mundial.
Audio
Cal é a meta do noso reto?
Durante a creación do conto musical, vas empregar a música como unha ferramenta para contar historias, expresar emocións e conectar coa cultura. A través deste proxecto:
Aprenderás os elementos básicos da linguaxe musical, recoñecendo o ritmo, a melodía, a harmonía e o timbre nas túas creacións e nas doutras persoas.
Aplicarás o coñecemento práctico da linguaxe musical como instrumento para crear e interpretar as túas propias pezas.
Escoitarás e analizarás obras musicais e dancísticas do patrimonio cultural e musical de España e doutras partes do mundo.
Estudarás a voz e os instrumentos, a súa clasificación por familias e as principais agrupacións musicais.
Descubrirás as músicas tradicionais de España, cos seus instrumentos, cancións, danzas e bailes, comprendendo a súa diversidade e riqueza.
Viaxarás a través das tradicións musicais e dancísticas doutras culturas do mundo, coñecendo os seus instrumentos, cancións, danzas e funcións en África, Asia, América, Europa e Oceanía.
Lectura facilitada
Para a creación do conto musical, empregarás a música para contar historias e expresar emocións.
Aprenderás os elementos básicos da linguaxe musical:
ritmo
melodía
harmonía
timbre
Aplicarás a linguaxe musical para crear e interpretar as túas propias pezas.
Escoitarás obras musicais e dancísticas de España e do mundo. Analizarás esas obras.
Estudarás a voz e os instrumentos. Clasificaralos por familias e por agrupacións musicais.
Descubrirás as músicas tradicionais de España:
instrumentos
cancións
danzas
bailes
Coñecerás tradicións musicais e dancísticas do mundo en:
África
Asia
América
Europa
Oceanía
Audio
Diario de aprendizaxe
Este diario vai acompañarvos durante toda a viaxe e servirá para reflexionar sobre o que facedes e sobre como ides avanzando na vosa viaxe musical polo mundo.
Nesta primeira fase do reto ides para un momento para pensar e compartir ideas antes de empezar a crear.
Entra no teu diario de aprendizaxe e vai a fase 1 onde encontrarás varias preguntas para responder de forma individual. Non hai respostas incorrectas, o importante e saber o que pensas ti e o que esperas do proxecto.
Despois compartirás as túas respostas nun grupo pequeno, escoitando as ideas de todos e buscando aspectos en común. A continuación, anotaredes a conclusión do grupo no mesmo diario de aprendizaxe.
Lectura facilitada
Este diario acompáñate durante toda a viaxe. Serve para reflexionar e ver os avances na vosa viaxe musical polo mundo.
Entra no diario de aprendizaxe. Busca a fase 1. Responde de forma individual. Non hai respostas incorrectas. O importante é saber que pensas.
Despois comparte as respostas nun grupo pequeno. Escoita as ideas de todas as persoas. Busca puntos en común. Por último, anotades a conclusión do grupo no mesmo diario de aprendizaxe.