Recordando as categorías gramaticais
Como viches no punto anterior, para escribir textos adecuadamente é importante atender a moitos aspectos. Entre estes temos que destacar as categorías gramaticais.
Recordas cales traballamos no tema anterior? Se non é así, amodo! Aquí tes un pequeno resumo das máis importantes.
Pronomes persoais
Son palabras que se empregan para nomear as persoas, seres ou obxectos dos que se está a falar.
Ela é unha xornalista moi traballadora.
Adverbios
Son palabras invariables que proporcionan información sobre que, como, cando, onde ou de que xeito se realiza unha acción.

A xornalista nunca descansa. Sempre está traballando.
Verbo
Son palabras que indican accións ou estados.

A nosa xornalista escribe a todas as horas, sempre ten o lapis na man.
Substantivos
Son as palabras que se empregan para nomear persoas, obxectos, animais e cousas.
A tía Lucía é xornalista. Traballa no xornal da cidade.
Adxectivos
Son palabras que indican como están ou como son os substantivos que acompañan.

A xornalista ten o cabelo loiro e moi longo.
Determinantes
Son palabras que van diante do substantivo e que o concretan.
Dentro dos determinantes, distinguimos:
- Artigos.

A xornalista non quere entrevistar o actor.
- Demostrativos.

Esta xornalista é moi pouco traballadora.
- Posesivos.

A miña tía Lucía é xornalista.
- Indefinidos.

Bastantes xornalistas traballan de noite.
Lectura facilitada
Pronomes persoais
Substitúen persoas, seres ou obxectos.
Adverbios
Dan información sobre como, cando, onde ou de que xeito se fai unha acción.
Verbos
Indican accións ou estados.
Substantivos
Nomean persoas, obxectos, animais ou cousas.
Adxectivos
Describen como son ou como están os substantivos.
Determinantes
Acompañan os substantivos para precisalos máis.
