Saltar navegación

3. Cousas que nos cortan as ás

 

Glosario

Micromachismos

Un home policia e unha muller policia unidos por un signo de igual ca

Definición:

Son pequenos xestos, frases, comentarios ou comportamentos que discriminan as mulleres ou reproducen ideas machistas, pero que ás veces pasan desapercibidos porque están moi normalizados na sociedade.

Exemplo:

Un rapaz di nun grupo: “Déixame a min o móbil, que as rapazas sempre sodes máis torpes coa tecnoloxía.”

Roles de xénero

Imaxe que mostra a silueta dun hoxe e dunha muller equiparadas por un signo de igual

Definición:

Conxuntos de comportamentos, actitudes e expectativas que unha sociedade atribúe a homes e mulleres, marcando o que se considera apropiado para cada un e cada unha en función do seu sexo.

Exemplo:

Pensar que as mulleres teñen que coidar da casa e os homes teñen que traballar fóra é un rol de xénero tradicional que limita a liberdade das persoas e non se corresponde coa realidade actual.

Cousas que nos cortan as ás

Na nosa vida —igual que na literatura— atopamos mensaxes que nos empurran a voar e outras que, pola contra, nos cortan as ás sen que ás veces nin sequera o percibamos. Nesta actividade, o voso obxectivo será analizar unha serie de textos para descubrir que palabras, actitudes ou silencios dan liberdade e cales a limitan. A partir da lectura dos fragmentos propostos, construiremos entre todas e todos un mapa colectivo das cousas que nos sosteñen no aire e das que nos impiden levantar o voo.

Letra de canción actual

Cantante

“Quero que te vistas bonita,
que sexas a nena que miro dende lonxe.
Se ris moito, non me anima,
que eu quero terte suave e sen ruído.
Non fales tanto, bebé,
deixa para min a parte importante.”

Texto publicitario

Mallas


“Nova liña Fit&Shine”

“Este verán presume do corpo perfecto!
As nosas mallas Fit&Shine Girl están deseñadas para que saibas que tes que coidarte e estar guapa.
Se queres ter éxito, recorda: a imaxe é o primeiro.
Escolle Fit&Shine e destaca entre todas.”

Instagram

Moza xogando ao fútbol


Publicación:
Selfie dunha rapaza xogando ao fútbol cun texto:

“Partido gañado!! Orgullosa do meu equipo 💪⚽️

Comentarios:

@Rafa_2008: “Mola, pero o fútbol é cousa de rapaces 😂”

@Leo_top: “Jajaj pero se xogades en ligas de risa, non é o mesmo.”

@Sara_fc: “Sempre hai que aguantar os mesmos comentarios…”

@Rafa_2008: “Era unha broma, non te piques 😏”

Meme

Servizo de limpeza


Imaxe: Un neno pequeno facendo os deberes mentres a súa irmá recolle a mesa.

Texto do meme:

“Cando o teu irmán é o xenio da casa
e ti… pois ti axudas coa limpeza 😂”
Debaixo, comentarios:

“As nenas sempre fostes máis apañadas!”
“O importante é que cada un saiba o seu lugar.”

Lectura facilitada

Na nosa vida atopamos todo tipo de mensaxes.

Na literatura pasa o mesmo ca na vida.

A literatura tenta reflectir o que acontece na vida.

Hai mensaxes que nos fan voar.

Hai outras mensaxes que nos cortan as alas.

Ás veces non nos damos conta de que esas mensaxes nos fan dano.

Nesta actividade teredes que analizar uns textos.

Analizarédelos para descubrir como nos fan sentir.

Teñen palabras que nos dan liberdade?

Ou teñen palabras que nos quitan liberdade?

Hai actitudes que nos dan liberdade?

Ou hai actitudes que nos quitan liberdade?

Despois de ler eses fragmentos, construiremos un mapa.

Un mapa no que aparezan as cousas que nos fan voar.

E no que tamén aparezan as cousas que nos impiden levantar o voo.

Voz e representación

En grupo, reflexiona e responde:

  • Quen fala?
  • Quen queda silenciado?
  • Quen ten o poder e por que?

Condutas que cortan as ás

En grupo, reflexiona e responde:

  • Que frases ou actitudes limitan?
  • Que estereotipos se reproducen?
  • Que consecuencias poden ter?
     

Alternativas que empoderan


En grupo, reflexiona e responde:

  • Como reescribirías o texto para corrixir a desigualdade?
  • Que mensaxe devolvería ás persoas afectadas?

O mapa dos voos posibles

Duración: media sesión.   Agrupamento: Parellas ou pequenos grupos
Pictograma de voar

Coas conclusión que obtivestes na anterior actividade, elaborade un mural ou nube de palabras dividido en dúas partes:

Cousas que nos cortan as ás…

Incluíde palabras, frases ou ideas dos textos que actúan como freo: estereotipos, presións, insultos, ridiculización, mandatos de xénero, expectativas inxustas, silencios impostos…

Cousas que nolas devolven

Recollede alternativas que liberan e empoderan: linguaxe respectuosa, apoio emocional, representación igualitaria, autonomía, actitudes que animan ao voo…

Podedes empregar palabras soltas, iconas, debuxos, emogis ou frases curtas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)