Saltar navegación

2.2 Abrindo as ás

Que tipo de historia estou lendo?

Duración: 15 minutos Agrupamento: individual e grupal
Pictograma que representa unha obra de teatro

Imos traballar en grupos cun reto teatral!

Cada grupo recibirá un fragmento moi curto dunha obra diferente:

  • unha escena de comedia
  • unha escena de traxedia
  • un diálogo adaptado de O principiño (peza didáctica)
  • unha escena de Ícaras (drama actual)

Lectura facilitada

Agora traballaremos por grupos.

Faremos un reto teatral!

Cada grupo recibirá un fragmento dunha obra.

Un fragmento é un anaco dun texto.

Estes fragmentos serán distintos.

Haberá unha escena de comedia.

Haberá unha escena de traxedia.

Haberá un diálogo adaptado d'O Principiño.

Haberá unha escena de Ícaras.

Lembra que O Principiño é unha obra didáctica, que quere ensinar algo.

E lembra que Ícaras é un drama da nosa época.

Que teño que facer?

Le en voz alta o fragmento para meterte na escena.

Comenta no grupo:

  • Que emocións transmite?
  • Quen fala? Como son os personaxes?
  • É serio, divertido, reflexivo…?
  • Decidide a que tipo de obra pertence: traxedia, comedia, drama ou peza didáctica.
  • Explicade por que escolles ese subxénero.

O obxectivo é descubrir xuntas e xuntos como funcionan os textos teatrais e aprender a identificar os seus tons e características… coma verdadeiros críticos e críticas de teatro!

Lectura facilitada

Agora tes que ler o fragmento en voz alta.

Lelo en voz alta serve para coñecer a escena e meterse nela.

Despois de lelo, responde co teu grupo as seguintes preguntas:

Que emocións transmite o que liches?

Quen fala nese anaco?

Como son os personaxes que aparecen?

É un fragmento serio?

É un fragmento divertido?

É un fragmento que serve para pensar?

A que tipo de obra pertence?

É un fragmento dunha traxedia?

É un fragmento dunha comedia?

É un fragmento dun drama?

É un fragmento dunha obra didáctica?

Explicade por que pertence a un deses subxéneros.

O obxectivo desta actividade é descubrir como funcionan os textos teatrais.

Outro obxectivo é coñecer como é cada un deses tipos de texto.

O máis bonito é descubrilo xuntas e xuntos!

Con todo o que aprendiches xa sabes moitísimo sobre teatro!

Coma se foses unha crítica ou un crítico teatra!

Agora elixes ti

 
Despois da posta en común, ti escolles a tarefa que máis che guste ou que mellor se adapte ao teu estilo de aprender. Escolla libre, sen presións: todas as opcións valen para demostrar o que sabes.

Clasifica os subxéneros teatrais

Completa un cadro de clasificación no que tes que escribir:

  • un exemplo de traxedia,
  • un de comedia,
  • un de drama,
  • un de peza didáctica.

Podes empregar os fragmentos que xa traballamos ou inventar os teus propios exemplos, sempre que encaixen co ton e as características de cada subxénero.

Obxectivo: reforzar o vocabulario teatral e aprender a distinguir que fai que unha escena sexa tráxica, cómica, dramática ou didáctica.

Representa o teatro en imaxes

Debuxa ou crea un cartel ilustrado para representar os catro subxéneros dramáticos.
Usa cores, símbolos e formas para mostrar o ton de cada un:

  • traxedia → tristeza, conflito forte
  • comedia → humor, sorpresa
  • drama → emocións intensas
  • peza didáctica → mensaxe ou aprendizaxe

Podes facelo a man ou cunha ferramenta dixital.

Obxectivo: comprender os xéneros a través da creatividade e expresar visualmente as emocións que transmite cada tipo de obra.

Pensa e escolle a resposta axeitada

Pregunta

Nun texto teatral, as anotacións en cursiva ou entre parénteses son as partes que escriben os personaxes para falaren entre eles.

Respostas

Falso

Verdadeiro

Retroalimentación

Pregunta

Cal destas opcións describe un fragmento coherente dunha traxedia?

Respostas

Personaxes que afrontan un conflito serio e consecuencias graves.

Escena centrada en situacións absurdas e humorísticas.

Un xogo de linguaxe sen ningún problema importante.

Retroalimentación

Pregunta

Nunha peza didáctica, o máis importante é transmitir unha mensaxe ou aprendizaxe ao público.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

Que elemento NON aparece nun texto teatral?

Respostas

Anotacións

Diálogos

Narrador omnisciente

Retroalimentación

Pregunta

Un fragmento é incoherente se mestura tons moi diferentes, como un chiste no medio dunha escena tráxica sen relación co resto da conversa.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

Pregunta

Cando les un diálogo no que dous personaxes discuten emocionalmente sobre un problema persoal sen chegar ao humor nin ao final tráxico, estás probablemente diante dun:

Respostas

Drama

Comedia

Traxedia

Retroalimentación

Pregunta

Unha comedia pode tratar un tema serio sempre que o faga cun ton humorístico.

Respostas

Verdadeiro

Falso

Retroalimentación

O teatro que xa coñecías (ou pensabas que coñecías...)

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Pensa en todo o que fuches descubrindo sobre o teatro grazas a estas últimas actividades.

Que tipo de historias ou emocións che gustan máis: as que fan rir, chorar ou pensar?

No teu diario de aprendizaxe escribe, grava ou debuxa algo que aprendiches sobre o teatro e engade dúas palabras novas que queiras lembrar.

Lectura facilitada

Para facer este diario de aprendizaxe podes pensar en todo o que fuches aprendendo.

Que aprendiches sobre o teatro?

Que descubriches que aínda non sabías sobre o teatro?

Xa sabes que tipo de historias che gustan máis?

As historias que te fan rir?

As que te fan chorar?

As que che axudan a pensar?

Podes escribir o que creas no teu diario de aprendizaxe.

Tamén podes facer un debuxo ou gravar un audio.

E, para acabar, escribe dúas palabras novas que che gustasen.

Dúas palabras que queiras lembrar.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)