Saltar navegación

4.1. Esbozamos

Colle o lapis sen medo

imaxe dunha man debuxando.

Na fase 3, ti e mais o teu equipo creastes o guión para a vosa banda deseñada e acabas de descubrir a rúbrica cos criterios de calidade do teu cómic.

Recupera ese guión que xa tedes creado e, con isto, non queda máis que deixar facer á creatividade.

Atréveste?

Agora si, a tomar decisións

Agora chega o momento de tomar decisións sobre o deseño xeral da banda deseñada. Para isto consensuarás co teu equipo que tipo de cómic elaboraredes. Lembra que fuches coñecendo diversas modalidades, e agora escolleredes cal é a mellor para vós:

imaxe que amosa varios camiños.
  • Deseñarédelo á man ou en formato dixital?
  • Terá cor ou será en branco e negro?
  • Seguirá o modelo manga?

Todas as opcións son válidas, e con todas elas poderedes crear unha banda deseñada á altura das que coñecestes neste recurso. Explorade e lanzádevos a crear!

Prefires un modelo?

Se preferides partir dun modelo no canto de crear o esqueleto da banda deseñada, aquí dispoñedes dun que podedes imprimir e empregar para encaixar nel o voso cómic. Podedes facer tantas copias como precisedes e combinalas da maneira que mellor se axuste ao voso guión.

imaxe dun modelo en branco de cómic

Para poder empregalo, podes descargalo en formato PDF para que poidas imprimilo.

Primeiro paso: esbozando a estrutura

imaxe que amosa un semáforo en vermello.Co guión que xa tedes elaborado, é o momento de establecer que parte irá en cada viñeta e cantas viñetas teredes en total. Lembrade que, como mínimo, ten que haber nove.

Para isto, repartídevos diferentes roles:

  • Un membro do grupo establecerá o diálogo de cada viñeta, así como se esta necesitará ou non dunha cartela. Anotará isto na seguinte táboa (ODT).
  • Os outros dous deixarán reflectido na mesma táboa (ODT) que escena se representará en cada viñeta, incluíndo tamén a indicación do plano ou encadre.

Un exemplo

Un exemplo de como cubrir a táboa sería o seguinte (ao picar sobre el, amplíase a imaxe):

Imaxe de exemplo da táboa

Lembra: os planos ou encadres

TIPOS DE PLANOS SEGUNDO O ENCADRE

A continuación, podedes ver exemplos dos principais tipos de planos, están todos eles sacados da película de animación "Superman 1940s cartoons".

Xeral

plano que recolle unha escena moi ampla e xeral


Mostra unha gran parte da escena, situando os personaxes no seu contorno. Serve para darvos unha visión xeral da escena e situar nun contexto amplo a escena ou historia que se está a representar.

Enteiro

plano que recolle os personaxes de corpo enteiro


Mostra unha persoa de corpo enteiro. Segundo vos achegades aos personaxes mediante os planos, estes cobran maior importancia en detrimento do espazo que os rodea. Este plano, en concreto, permítevos coñecer os personaxes presentando con máis detalle a súa fisionomía, o seu vestiario e complementos. Mesmo como se moven no caso do vídeo ou animación.

Americano

plano que recorta ao personaxe á altura dos xeonllos
 


Corta a figura á altura dos xeonllos, moi usado no chamado cine western. Permite achegarvos aos personaxes un pouco máis mantendo visibles as mans, que acostuman ser elementos moi expresivos, tanto por si mesmas como se portan cousas.

Primeiro plano

plano que recolle o rostro enteiro do personaxe
 


Resalta o rostro ou un obxecto para enfatizar emocións ou detalles.

Detalle

plano moi próximo que mostra unha soa parte dun todo


Destaca un obxecto ou unha parte moi concreta da escena, porque vos ofrece unha información moi relevante da historia.

Lectura facilitada

Tipos de planos segundo o encadre

A continuación, podedes ver exemplos dos principais tipos de planos.
Todos están sacados da película de animación "Superman 1940s cartoons".

Xeral

plano que recolle unha escena moi ampla e xeral

Mostra unha gran parte da escena.
Situa os personaxes no seu contorno.
Serve para dar unha visión xeral da escena.
Situa nun contexto amplo a escena ou historia.

Enteiro

plano que recolle os personaxes de corpo enteiro

Mostra unha persoa de corpo enteiro.
Ao achegarnos aos personaxes, eles cobran máis importancia.
O espazo que os rodea perde importancia.
Este plano permite coñecer os personaxes.
Presenta con máis detalle a súa fisionomía, vestiario e complementos.
Tamén como se moven no caso do vídeo ou animación.

Americano

plano que recorta ao personaxe á altura dos xeonllos
 

Corta a figura á altura dos xeonllos.
É moi usado no cine western.
Permite achegarse aos personaxes un pouco máis.
Mantén visibles as mans.
As mans son elementos moi expresivos.
Expresan por si mesmas ou se portan cousas.

Primeiro plano

plano que recolle o rostro enteiro do personaxe
 

Resalta o rostro ou un obxecto.
Enfatiza emocións ou detalles.

Detalle

plano moi próximo que mostra unha soa parte dun todo

Destaca un obxecto ou unha parte moi concreta da escena.
Ofrece unha información moi relevante da historia.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)