Debuxando historias
Para que poidas crear a túa propia banda deseñada, é fundamental que coñezas as súas características máis importantes. É por iso que, a partir deste momento, entrarás en contacto con todas as particularidades deste formato: os seus elementos, a súa historia, algúns títulos e temáticas, o seu desenvolvemento na literatura galega...
Para comezar con esta aproximación, coñecerás as partes fundamentais dos cómics, e quen cho pode ensinar mellor ca algunhas das persoas que máis saben de banda deseñada en galego? A continuación atoparás pequenas leccións sobre algúns dos elementos básicos das bandas deseñadas.
Atende ben, seguro que che fornecerán claves para converterte nun gran debuxante de cómic.
A viñeta
A viñeta é un dos elementos básicos da banda deseñada, xa que nela se enmarca tanto a imaxe como o texto. Reproduce os dous primeiros minutos do seguinte vídeo (dende o punto no que se inicia o reprodutor) e aprenderás algo máis sobre elas:
O bocadillo
O bocadillo ou globo é outro dos elementos fundamentais dos cómics, posto que serven para transmitir as conversas e pensamentos dos personaxes. Reproduce os tres primeiros minutos do seguinte vídeo, dende o punto en que se abre o reprodutor. Aí terás unha presentación de diferentes recursos que se adoitan empregar á hora de deseñar os bocadillos dunha banda deseñada:
A cartela
Se ben o texto do cómic se ten que fundamentar nos diálogos dos personaxes ou nos seus pensamentos, tamén pode aparecer un narrador para dar algunha indicación básica, sobre todo referida ao tempo. Para isto, empréganse as cartelas: cadros rectangulares que se poñen nalgún dos extremos da viñeta (xeralmente, na parte superior esquerda).
Mira este exemplo, situado na parte superior dunha das páxinas do libro de Irene, a porteira, do que atoparás a referencia na sección 3.1. (se picas sobre a imaxe, verala ampliada):
Os planos
Tampouco é posible pensar no deseño dun cómic sen ter en conta os diferentes planos ou encadres con que se poden representar as imaxes que conformen as viñetas. Para saber máis sobre isto, reproduce agora os tres primeiros minutos dende o punto en que se inicie o reprodutor:
As onomatopeas
Estas xa che resultan coñecidas, pero é importante que te decates do valiosas que son nas bandas deseñadas. É moi común nos cómics empregar palabras que representen sons.
As figuras cinéticas
Tampouco podes esquecer outro dos elementos máis característicos do cómic: as figuras cinéticas. Estas son liñas ou trazos que representan o movemento, tanto dos personaxes como dalgún obxecto. Fíxate nas liñas que marcan a explosión ou nas que mostran o movemento da pelota de baloncesto:

Lectura facilitada
Aprende sobre a banda deseñada!
Vas aprender as características principais da banda deseñada:
- Con explicacións sinxelas.
- De persoas expertas do cómic galego.
- A viñeta
- É unha parte do cómic.
- É un cadro que contén imaxe e texto.
- Mira os primeiros minutos do vídeo.
- O bocadillo
- Tamén se chama globo de diálogo.
- Mostra o que din os personaxes.
- Tamén pode mostrar os seus pensamentos.
- Revisa o vídeo.
- A cartela
- É onde aparece o narrador.
- Son cadros rectangulares.
- O texto da cartela é breve.
- Indícanse aspectos como o tempo ou o espazo.
- Normalmente están na parte de arriba da viñeta.
- Observa o exemplo.
- Os planos
- Os planos son as diferentes formas de mostrar unha imaxe.
- Pódese mostrar unha imaxe de máis preto ou máis lonxe.
- Mira o vídeo para saber máis.
- As onomatopeas
- As onomatopeas son palabras que indican sons.
- Por exemplo: boom, pam!...
- As figuras cinéticas
- Son liñas que marcan o movemento.
- Por exemplo, o movemento dunha pelota ao avanzar.
- Observa as dúas imaxes de exemplo.
Audio
Apoio visual

Descarga a infografía dos elementos básicos da banda deseñada en JPG. (abre en nova xanela).



