Lupa e lentes, erros evidentes!
Agora que xa está listo o texto da banda deseñada, chega o momento de asegurarte de que non contén erros lingüísticos para poder trasladalo logo á versión final. Pero desta vez non vai ser a túa profesora ou profesor quen se encargue diso, senón que serás ti quen demostrarás que tamén sabes coller lupa e lentes e detectar erros evidentes.
A continuación, dispós dunha rúbrica que che axudará a detectar erros, corrixilos e valorar os textos. Para poder facelo, xúntate co teu equipo e intercambiade o texto con outro dos grupos da clase, de xeito que cada equipo teña un texto que non sexa o seu.
Audio
Recordatorio de normas importantes
Acentuación
Regras de acentuación:
- Agudas: acentúanse cando rematan en vogal, -n ou -s.
- Graves: acentúanse cando rematan en consoante distinta de -n ou -s.
- Esdrúxulas: acentúanse sempre.
Ortografía
Lembra certos aspectos importantes:
- Os grupos -cc- e -ct- simplifícanse cando van despois de -u- e -i- (dicionario, ditado, construción, construtora), agás unhas poucas excepcións.
- Escríbense con b palabras como: móbil, marabilla, polbo...
- Escríbense con v palabras como: avogado, voda, varrer, gravar, covarde...
Gramática
Algúns aspectos importantes:
- Os tempos compostos non existen en galego (é incorrecto empregar formas como *hei feito, *había dito ou *houbese conseguido; temos que dicir fixen, dixera ou conseguise).
- O posesivo adoita precisar case sempre dun artigo (a forma correcta é "Esa é a miña casa", e non "*Esa é miña casa").
- O pronome átono aparece case sempre posposto aos verbos (díxome) agás en certas excepcións (oracións negativas, interrogativas, subordinadas con "que"...). Podes aprender máis sobre isto picando nesta ligazón (ogalego.gal).
Lectura facilitada
Acentuación
Regras para poñer acentos.
- As palabras agudas levan acento cando rematan en vogal, -n ou -s.
- As palabras graves levan acento cando rematan en consoante que non sexa -n ou -s.
- As palabras esdrúxulas levan acento sempre.
Ortografía
Lembra cousas importantes.
- Os grupos -cc- e -ct- fanse máis simples despois de -u- e -i-.
Por exemplo: dicionario, ditado, construción, construtora.
Hai poucas excepcións.
- Escríbense con b palabras como: móbil, marabilla, polbo.
- Escríbense con v palabras como: avogado, voda, varrer, gravar, covarde.
Gramática
Algúns aspectos importantes.
- Non hai tempos compostos en galego.
É incorrecto dicir *hei feito, *había dito ou *houbese conseguido.
Debemos dicir fixen, dixera ou conseguise. - O posesivo case sempre precisa dun artigo.
A forma correcta é "Esa é a miña casa".
Non é correcto "*Esa é miña casa". - O pronome átono vai case sempre despois do verbo.
Por exemplo: díxome.
Hai excepcións como oracións negativas, interrogativas ou subordinadas con "que".
Podes aprender máis picando nesta ligazón (ogalego.gal)
Ferramentas de utilidade
Realizar o proceso de revisión resultarache máis doado se contas con certas ferramentas que poidan axudarche. Recorda que podes empregar:
- Dicionario da RAG: serache útil se non coñeces unha das palabras do texto, se queres comprobar como se conxuga algún verbo ou se precisas buscar un sinónimo dalgunha palabra.
- Dicionario Rinoceronte: este dicionario castelán-galego poderache resultar de gran axuda se non coñeces a forma correcta en galego dalgunha palabra en castelán.
- Dicionario Estraviz: trátase doutro dicionario, ademais do da RAG, que tamén pode resultarche interesante.
Agora que xa tedes corrixidos os erros e avaliado o traballo dos vosos compañeiros e compañeiras, tócavos realizar o informe da revisión.