Como xa podes imaxinar, na literatura galega si que existe unha cada vez máis consolidada tradición de banda deseñada. Terás que encargarte de investigar sobre ela, pero aquí tes unha pequena mostra da variedade de formatos, temáticas e aparencias dos cómics galegos.
Cada obra leva unha ligazón, no nome da persoa autora, cos datos da publicación.
Irene, a porteira
Esta banda deseñada foi elaborada por Xulia Pisón e Óscar Losada. Nela relátase unha historia real: a de Irene González Basanta, a primeira futbolista semi-profesional do estado. As viñetas son de deseño sinxelo e, en xeral, contan con pouco diálogo. Ao picar sobre a imaxe, poderás vela ampliada.

Tam
Sabías que tamén temos autoras de manga na literatura galega? Este cómic, de Anémona de Río, é unha boa mostra diso. Malia non compartir todas as características do manga (como o sentido da lectura), si que respecta a estética tan característica deste xénero xaponés. Ao picar sobre a imaxe, poderás vela ampliada.

Memorias dun neno labrego
Esta obra, de Xosé Neira Vilas, é unha novela galega. De feito, trátase do libro máis traducido da nosa literatura. O que ves a continuación é a portada da súa adaptación a banda deseñada, feita por Iria Aldegunde. Se picas na imaxe, verala ampliada.

Sabías que existe este tipo de adaptación? Lembra que máis adiante terás que crear unha banda deseñada, e que ti tamén poderás optar por adaptar outro texto a este formato.
Presas fáciles. Voitres.
Por último, aquí tes un exemplo doutro xénero que tamén se cultiva na banda deseñada galega: o policíaco. Este cómic, de Miguelanxo Prado, é unha boa mostra disto. Nesta imaxe podes ver unha pequena sección do libro, que corresponde coa introdución do caso que despois se investigará. Como ves, o autor dálle moita importancia aos debuxos, ata o punto de destinar unha páxina enteira a unha única viñeta sen apenas texto, co obxectivo de situarnos no espazo da historia. Ao picar sobre a imaxe, poderás vela ampliada.

Xulia Pisón e Óscar Losada (2023), Irene a porteira. Editorial Universidade Da Coruña
(ISBN: 978-84-9749-869-2)
Fai clic aquí para acceder á obra publicada. Abre en nova xanela.
Aldara Álvarez García (2017), Tam. Pontevedra: Retranca editora.
Fai clic aquí para acceder á obra publicada. Abre en nova xanela.
Iria Aldegunde (2024), Memorias dun neno labrego (Novela Gráfica). Editorial Galaxia.
(ISBN: 978-84-1176-176-5)
Fai clic aquí para acceder á obra publicada. Abre en nova xanela.
Miguelanxo Prado (2024), Presas fáciles. Voitres Retranca Editora.
(ISBN: 978-84-128-5320-9)
Fai clic aquí para acceder á obra publicada. Abre en nova xanela.